Skip to Content

contador gratis para blog

A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NO COLE DE CEA

 

A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NO COLE DE CEA

 

O Cole de Cea, ao tratarse dun CPI (Centro Público Integrado), cunha oferta educativa que abrangue as etapas de Educación Infantil, Educación Primaria e E.S.O., conta cun moi amplo rango de idades (de 3 a 16-18 anos). Isto fai que a nosa programación teña que adaptarse ás necesidades concretas e moi diferentes do alumnado e ofrecer actividades con grande variedade e ampla flexibilidade. Ao tempo, temos tamén unha importante vantaxe que tentamos aproveitar permanentemente: o amplo rango de idades permite que o alumnado maior (o da E.S.O.) poda deseñar, elaborar e levar a cabo actividades para o resto.

O noso alumnado é consumidor cultural e nativo dixital. Cada día consome produtos como debuxos animados, videoclips, series, películas, xogos de mesa, ordenador ou consola... Estamos asistindo a un cambio moi profundo no que aumenta o tempo de ocio usando tabletas e móbiles. Aprenden a usar apps antes que a ler ou escribir. A escola non é allea a esta mudanza e nos últimos anos vemos como estas tecnoloxías están a entrar nas nosas aulas: miniportátiles, encerados dixitais, PCs, tablets… 

Por outro lado, a gran maioría do noso alumnado é galegofalante. O uso da nosa lingua no centro e no seu contexto inmediato está plenamente normalizado. A comunidade educativa colabora activa e permanentemente co labor que desenvolve o EDL, polo que o traballo de promoción da lingua non é visto como unha responsabilidade de tal ou cal individuo ou grupo concreto, senón como un traballo permanente, intimamente ligado ao noso labor docente e ao noso proxecto educativo, como centro de ensino.

Este é o contexto en que naceran iniciativas, como o APPLÍCATE O CONTO ou MISTERIO NO COLE DE CEA. Estes proxectos naceron de xeito natural, como ferramentas motivadoras para completar e desenvolver o traballo diario na aula. Tal vez, a utilización da nosa lingua en proxectos como estes sexa unha das súas maiores singularidades, xa que, infelizmente, o galego non é unha lingua moi empregada nos produtos deste tipo aos que o noso alumnado ten acceso. Estamos a ligar a nosa lingua ás novas tecnoloxías e a produtos adaptados a un alumnado nativo dixital. Pensamos que o potencial normalizador das ferramentas que empregamos (ou doutras semellantes) é enorme, e a súa utilización por parte do profesorado e do alumnado non é moi complicada. 

 

BREVE RELATO DOS ÚLTIMOS DEZ ANOS DE TRABALLO DO EDL:

Partimos dun momento traumático para toda comunidade educativa do Cole de Cea: o incendio das instalacións, que aconteceu a comezos de setembro de 2010, pouco antes de comezar o curso. Podemos dicir que foi un xeito de tocar fondo para moitos/as das/os que estábamos alí. A imaxe da biblioteca do cole cos libros cheos de feluxe e o cheiro a fume (que pode ser percibido aínda agora) nunca se apagará da nosa memoria. Outros acontecementos tristes, paralelos, anteriores e posteriores foron sumándose. Problemas que se acumulaban. A nosa moral estaba baixo mínimos e precisábase un revulsivo. As actividades extraescolares e complementarias foron ese revulsivo. Podemos marcar o inicio da recuperación da nosa enerxía cando lanzamos o lipdub “A LINGUA SABE A PAN”, que acadou unha cifra de visitas enorme e que nos encheu o correo de frases de apoio e parabéns. Desde ese momento, entendimos que a nosa programación de actividades extraescolares e complementarias (entre elas, as do EDL) era para nós moito máis que un anexo ao noso traballo na aula e fomos adaptándonos a esta filosofía de traballo, que ten funcionado ben, até hoxe. Na actualidade, o noso programa anual culmina a finais do mes de maio co SERÁN DO COLE DE CEA, uma festa aberta para toda a comunidade educativa, que está a ter moi boa acollida. 

Para rematar, no podemos esquecer que todas as iniciativas que ven desenvolvendo o EDL son posíbeis pola xenerosidade do colectivo docente e o apoio e participación da nosa comunidade escolar.

 

DE CARA AO FUTURO

O traballo de dinamización ou normalización que se fai na escola non é suficiente, segundo o noso punto de vista. É precisa unha implicación moito maior da sociedade e dos poderes públicos na recuperación e promoción da nosa lingua. Infelizmente, cada vez máis, os centros de ensino están a se converter no “último reduto” do galego. Nós pensamos que esta situación pode ser rectificada (en palabras de Carvalho Calero) cunha política lingüística digna de tal nome, que logre a complicidade da maioría social na defensa deste ben común tan valioso, chamado “lingua galega”. Temos, seguindo o dito polo ilustre profesor ferrolán, que explorar o camiño da lusofonía, poñendo en contacto o noso alumnado coa vertente internacional do galego e que vexan que, parafraseando a Castelao, a nosa lingua “florece” arredor do mundo.

E.D.L. do Cole de Cea

 

Artigo orixinal publicado no nº 78 da Revista Galega de Educación.

 

 

 



blog | by Dr. Radut