Skip to Content

Excursión ao Courel

 

En moitos sentidos, a viaxe ao Courel significa unha volta ás orixes. Naquelas serras, hai millóns de anos, batía o mar e predominaba un clima subtropical; os restos xeolóxicos deixaron testemuño daqueles tempos. Moito despois, os primeiros homes que viviron en Galicia, construíron castros nos cumes deses montes e explotaron a riqueza mineira do subsolo (ouro, ferro, estaño). Máis tarde, os romanos continuaron arrincando as riquezas agachadas no Courel: esburacaron montañas e desviaron ríos (Montefurado). A vida dos actuais habitantes dos concellos de Quiroga ou Folgoso do Courel lémbranos como era a vida dos galegos aínda non hai moito.

 

    

Máis de trinta alumnos de 1º de bacharelato do IES Álvaro Cunqueiro experimentaron durante dous días (8 e 9 de abril) esa volta ás orixes e converteron a súa experiencia nunha magnífica diversión. Baixaron a antigas minas de ferro, conversaron cun produtor de mel ecolóxico (isto é, un apicultor) que recibía cada días máis de cen picadas dos seus millóns de abellas, descenderon en poucas horas dende unha altura de máis de mil metros ate outra de cincoentos atravesando un marabilloso bosque de faias, teixos, érbedos e sobreiras; beberon da auga de prehistóricas fontes calcáreas e ferruxinosas, xogaron (e berraron e choutaro e enfadándose entre sí) coa neve que viña de caer durante a noite e visitaron a vella casa de Uxío Novoneyra, poeta galego esencial, na que puideron ler manuscritos inéditos de Cunqueiro e Alberti.

 

    

 Foi esta toda a súa diversión? Aí acabou todo? De repente, á hora de recollerse no albergue, chegada a noite, tocaba durmir compartindo cuarto coas amigas/os e compañeiros/as de aula. Era a hora das tranquilas confidencias, das fatigadas conversas. Unha apacible somnolencia foi pechando as pesadísimas pálpebras. Despois de todo, ao día seguinte había que seguir percorrendo as impoñentes serras do Courel (un espectáculo de deuses) e cumpría aproveitar a noite para recuperar forzas. Quen sería tan tolo para dedicarse a nada máis que durmir e soñar cos anxos?.

 

      
 
 Reportaxe fotográfica


story | by Dr. Radut