|
|
Esta é a nova páxina do IES de Arzúa. Pretende ser un lugar de información do noso Centro. Grazas pola vosa visita e que este percorrido virtual resulte do voso agrado e que vos sexa útil. |
SAÍDA FORMATIVA DO IES ÁS ILLAS CÍES
O pasado luns 14 de maio, alumnado de 2º, 3º da ESO e de Ciclos formativos de agraria realizaron unha saída formativa organizada polo grupo de medio ambiente, enmarcada dentro dos obxectivos de sensibilización ambiental que se están a traballar.
Desprazáronse a Vigo, onde os agardaban guías do Parque Nacional, que os acompañaron cunha visita guiada ao interior do parque.
Realizaron dúas rutas diferentes : uns subiron á Pedra da Campá e outros ata o Alto do Príncipe. Ao largo da ruta, os guías desenvolveron aspectos como a necesidade da protección dos espazos naturais, educación ambiental, actitudes respecto á natureza, e a identificación das especies de flora e fauna máis salientables do parque.
A mañá comezou con néboa pero ao mediodía e despois de xantar regalounos un sol que animou a moitos a darse un chapuzón, anque case todos coincidiron en que estaba un pouco fresca de máis.
SAÍDA FORMATIVA A VITORIA – European Green Capital
O alumnado de Ciclos de Agraria realizou unha saída formativa dos días 8 ao 11 de maio ao País Vasco e a Navarra. Foi unha viaxe conxunta co IES Cidade de Antioquía, de Xinzo, onde tamén imparten ciclos forestais, e aos que dende aquí lles enviamos un saúdo.
Foi unha viaxe longa, pois moitos qm nos separan, pero moi produtiva e enriquecedora.
Un denso programa levounos a Casa do Parque do Lago de Sanabria, onde tiñamos concertada unha visita guiada para coñecer as características singulares deste espazo natural.
Fixemos unha ruta en bici polo anel verde de Vitoria acompañados por técnicos do Centro de Estudos Ambientais . Nesta ruta puidemos apreciar o alto grao de sensibilización que a cidade de Vitoria ten cara ao medio ambiente e a protección dos espazos. Non en vano está nomeada EUROPEAN GREEN CAPITAL 2012, galardón que reciben aquelas cidades que apostan pola sostibilidade e a protección da biodiversidade.
Visitamos o Parque Natural do Gorbeia, con visita guiada e nos achegamos á cascada de Gujuli, salto vertical de auga de máis de 100 metros, o máis alto do País Vasco.
Nos escapamos a Navarra, ao Parque de Urbasa-Andía, onde un técnico do parque nos acompañou toda a mañá do xoves, visitando faiedos en diferentes estados de evolución e explicando as técnicas silvícolas, problemáticas medioambientais e todo tipo de cuestións interesantes sobre a xestión do parque.
A tarde do xoves desfrutamos facendo a ruta do nacedero do Urederra, tamén en Navarra, ruta belísima que discurre por un cauce sobre fondo calizo , apreciando a variedade de cores verde-azul turquesa cambiantes en función da luz do momento.
Xa o último día, puxemos camiño ao Valle salado de Añana, visitando unhas salinas en recuperación, onde famosos cociñeiros vascos e cataláns teñen as súas “eras” de sal que explotan para despois empregar na alta cociña.
E por último, unha pequena parada nas Lagoas de Villafáfila na que, case correndo, polo pouco tempo que tiñamos, puidemos ver a Centro de Interpretación e numerosas especies de aves.
Foron catro días intensos e aproveitados onde a excusa de Vitoria European Green Capital serviunos para visitar espazos e lugares comprometidos co medio ambiente e a conservación .
¿Será Nantes European Green Capital a excusa do vindeiro curso?
YBT : YOUNG BUSINESS TALENTS
Todo comezou coa unión do Four Team, futuros economistas. Este grupo máis coñecido como “EconomíaClub”, foi un digno representante galego; pero do que máis se enorgullece é de ser digno representante de Arzúa.
Aínda que non o pareza, non todo foi traballo, tamén, hai que dicilo, tivemos momentos de ocio; o que máis pagou a pena, foi ir ao Santuario, á Casa Branca, á casa do mellor Clube da HISTORIA.
O Four Team considera que: O importante non é caer senón, erguerse. O importante non é gañar ou perder, senón saber perder pero, sobre todo, saber gañar…
O pasado 19 de marzo celebrábase o bicentenario da proclamación da nosa primeira Constitución, tal día do ano 1812, na cidade de Cádiz. Non podiamos deixar de lembralo e dedicarlle unha mínima homenaxe. A biblioteca organizou unha exposición con información sobre o contexto histórico e un breve resumen dos artigos máis importantes. Acompañaban aos textos imaxes da edición orixinal, de cadros da época e do cartel oficial publicado pola comisión organizadora do Bicentenario da Pepa.
O alumnado de 4º de ESO do IES de Arzúa visita a cidade de Pontevedra con proxectoterra.
A actividade iníciase no Centro de Investigación Forestal de Lourizán.
Xa no centro da cidade de Pontevedra o percorrido iníciase na Alameda e continúa polo centro histórico facendo fincapé na restauración así como na arquitectura histórica do casco.
Pola tarde completouse a visita no museo de Pontevedra.
Sabela (guía do museo) explica a súa historia, o edificio e as coleccións que acolle.
Durante 3 días o alumnado do Ciclo Superior de Administración e Finanzas,acompañados polo seu profesor Xabier Benito, fixeron unha viaxe formativa e lúdica a Barcelona. O principal era a visita á Bolsa de Barcelona, e tamén aproveitaron para coñecer un pouco esta fermosa cidade. Aquí vos queda unha pequena reportaxe gráfica.