NOVA MASTERCLASS SOBRE FÍSICA DE PARTÍCULAS NA USC

No presente curso 22-23 o departamento de Física e Química tivo a oportunidade de participar de novo con catro alumnas de 2º de Bacharelato e o seu profe de Física na Masterclass de Física de pàrtículas que tivo lugar este venres, 3 de marzo, no campus SUR e que está organizada e coordinada polo IGFAE (instituto galego de física de altas enerxías). A Masterclass é unha actividade divulgativa internacional que pretende estimular as vocacións científicas entre os estudantes e unha oportunidade única para que teñan un contacto directo con física de vangarda e persoal científico en activo. A xornada repite o éxito de anos anteriores esgotando todas as prazas dispoñibles, que se incrementaron de 70 a 100, permitindo que mozas e mozos de 36 centros Galicia se acheguen á investigación que se realiza no IGFAE e no CERN. O alumnado recibiu dúas conferencias teóricas: primeiro unha introdución á Física de Partículas por parte do investigador posdoutoral Arnau Brossa Gonzalo, e outra sobre aceleradores e detectores de partículas por Carlos Vázquez Sierra, tamén posdoc do IGFAE. Despois de aprender os fundamentos básicos, realizaron un exercicio práctico en grupo no que utilizaron datos reais do experimento CMS (Compact Muon Solenoid) do LHC ‒un dos que descubriu o bosón de Higgs xunto con ATLAS‒ e un software específico para identificar colisións de partículas. Unha vez recompilados os resultados, compartíronos por videoconferencia co CERN e outros centros de distintas partes do mundo como Brasil, Turquía, e outros, que organizan simultabeamnte a mesma xornada, como se fose unha colaboración científica internacional. Mediante esta vídeoconferencia puxéronse en común as experiencias e coñecementos adquiridos durante a xornada.

 

Powered by Drupal - Design by artinet