ENCONTRO COMARCAL DE PING-PONG NO IES DE BECERREÁ.

O xoves 29 de xaneiro, no ximnasio do IES de Becerreá, xuntouse o alumnado do 4º da ESO do noso centro co alumnado de Secundaria dos CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel, de Cervantes e de Navia, para levar a cabo un encontro comarcal da ping-pong, repetindo a experiencia iniciada o ano anterior noutros centros. Na primeira parte da xornada, desenvolveuse unha rolda de partidos individuais en cada unha das oito mesas, en grupos de 6 xogadores, xogando tod@s contra tod@s, para continuar con enfrontamentos entre participantes doutras mesas, segundo a clasificación desa primeira rolda. Despois de repoñer forzas co descanso da comida, a xornada rematou cun campionato de dobres, onde a única condición era participar emparellado cun compañeiro/a doutro centro, e no que tamén participaron os profes acompañantes.

O mellor da xornada foi, en realidade, o bo ambiente de convivencia entre os participantes e a responsabilidade coa que actuaron en todo momento, por iso non se fixo unha clasificación final de vencedores do torneo, porque tod@s foron campións en participación e convivencia. Parabéns e moitas grazas a tod@s, alumnado e profesorado, pola inesquecible xornada, e ao noso alumnado de 4º pola súa labor de organización. Haberá máis, seguro.