Galería do IES Breamo

Galería de imaxes


Máis visto - LINGUA E LITERATURA GALEGA
00-Rosalia.jpg
00. Rosalía de Castro1319 vistasRosalía de Castro é a autora galega máis universal e máis traducida das nosas letras, pero, aínda que pareza paradóxico, segue a ser unha gran descoñecida.

Afortunadamente, nas últimas décadas o traballo riguroso de diversos investigadores está permitindo aclarar algúns datos para recuperar unha imaxe da autora distanciada dos tópicos manexados na fase inicial.

"Rosalía de Castro constitúe un caso excepcional como personaxe debido á peculiar situación en que hai que afrontar a súa biografía, a partir de escasos datos obxectivos, pois foron destruídos ou esquecidos e, en cambio, abundantes invencións perfectamente elaboradas." (María Xesús Lama 2017)

Despois da súa morte difundiuse unha imaxe estereotipada da autora que chegou ata os nosos días, ocultando a Rosalía independente e librepensadora que se manifesta na súa obra en verso e prosa.

"Rosalía tiña un carácter forte e a súa bondade e xenerosidade non impedían que reaccionase con violencia cando se sentía atacada ou o eran aqueles a quen ela estimaba. Basta ler os seus versos. Poemas como “Castellanos de Castilla” ou “A xustiza pola man” demostran a fortaleza do seu carácter.” (Marina Mayoral)
01_casa_onde_naceu_1837.JPG
01. Casa na que naceu Rosalía en Santiago1254 vistasO 23 de febreiro de 1837, dona Tareixa de Castro, fidalga de escasos bens, de 33 anos, solteira, deu a luz unha nena á que lle puxeron María Rosalía Rita. O pai, natural de Ortoño, tiña 39 anos e era crego da parroquia de Iria.

O día seguinte do nacemento, a criada de Tareixa, María Francisca Martínez, levou a bautizar a nena na capela do Hospital Real, onde foi inscrita como filla de pais descoñecidos, pero a madriña voltou coa nena para a casa onde se estaba repoñendo do parto a nai. Levárona para bautizar ao que nese tempo era orfanato porque era o único sitio onde se podía obter unha partida de bautismo coa seguridade de que se respectaría o segredo sobre a orixe familiar da criatura.

Pouco despois levaríana á aldea de Ortoño para ser aleitada.

Tareixa de Castro asumiu publicamente a súa maternidade, presentándoa como filla propia desde pequena e a nena integrouse na familia materna mantendo unha relación moi estreita cos seus tíos e curmáns. Por outra banda, está documentado que tamén tivo trato co pai, Xosé Martínez Vioxo, e coa familia do mesmo.

Fíxose moito fincapé en que os pais de Rosalía non a recoñeceron de pequena, pero como se pode ver iso non foi exactamente así. O que facía especial este caso era que o pai era cura e a Igrexa non podía admitir iso oficialmente.
06_rosalia_adolescente.jpg
06. Rosalía adolescente1244 vistasA nai de Rosalía deu mostras de terlle dado á súa filla unha instrución esmerada para a época, pois, a pesar de ser escasamente escolarizada como indican as súas abundantes faltas de ortografía, Rosalía coñecía ben o francés, debuxaba con soltura e tocaba o piano e a guitarra.

Nos anos 1854, 1855 e 1856 Rosalía e súa nai viviron no edificio onde estivera instalado o convento de Santo Agostiño en Santiago. Na mesma casa tiña a súa sé o “Liceo de la Juventud”, esta circunstancia propiciou a asistencia de Rosalía ás festas literarias e musicais da entidade. Ademais Rosalía participou como actriz con grande éxito no teatro do Liceo, chegando a pensar seriamente en adicarse ao teatro profesional.

“A actividade de Rosalía como actriz afeccionada é unha das máis destacadas, como demostra o feito de que sexa elixida para desempeñar o único papel feminino en varias comedias” e “sorprende gratamente a actitude de Teresa de Castro, quen non só dá á súa filla o necesario permiso, senón que estimula a súa dedicación” (Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda), algo pouco habitual na época, na que as nenas da boa sociedade non se atrevían a deixarse ver nun escenario.
02_casa_infancia.JPG
02. Ortoño. Casa da familia Martínez Vioxo1232 vistasRosalía vive os primeiros anos da súa vida na aldea de Ortoño, na casa do xastre Lesteiro, que a acolle na súa casa para que a súa muller a aleite.

Ata hai poucos anos sostíñase que Rosalía vivira lonxe da nai toda a súa infancia, pero estudos máis recentes sosteñen que a nai de Rosalía só se separou da filla o tempo do aleitamento, que adoitaba prolongarse dous anos e era unha práctica común nas mulleres con posibles, aínda cos fillos lexítimos, e mais para organizar a súa vida na nova situación.
07_rosalia_1855.jpg
07. Rosalía en 18551151 vistasPondal conservaba entre as súas cousas este retrato de Rosalía nos tempos do Liceo.

Rosalía coñece a Pondal nestes anos de Santiago, pero uníaa unha especial amizade coa súa irmá Eduarda, coa que asistiu en 1853 á romaría da Barca, tan ben descrita no poema “Nosa Señora da Barca”, aparecido no ano 1862 no Album de la Caridad, antes de formar parte de Cantares Gallegos. Rosalía tiña dezaseis anos, Eduarda vinte e catro e morrería ese mesmo ano de tifo.
05_santiago_a_finais_do_seculo_XIX.jpg
05. Santiago1147 vistasDesde Padrón, nai e filla trasládanse a Santiago. Aparecen censadas en 1850 en Santiago, pero na escritura da venda da casa de Padrón en 1847 xa figura a nai como residente en Santiago.

1853 é o ano da fame e Rosalía ten dezaseis anos. Aquel inverno ficará impresionada pola chegada masiva a Santiago de xente famenta, procedente das aldeas, na procura de algo que comer. Así o lembraba Rosalía:

“Todos los días, nuevas horas de angustia traían a nuestras plazas y calles bandas de infelices hambrientos que de puerta en puerta iban demandando pan para sus hijos moribundos, para sus mujeres extenuadas por la miseria y lo duro de la estación. Sus gemidos llegaban a lo más hondo y conmovían los corazones más insensibles. [...] Caían por los caminos y en las calles de la ciudad. [...]”
08_aurelio_aguirre.jpg
08. Aurelio Aguirre1135 vistasTamén nesta época Rosalía era moi amiga de Aurelio Aguirre, quen á súa vez era amigo de Murguía, aínda que Rosalía e Murguía nesta época non se coñecían.

Persoa moi significada dentro do partido demócrata, cun carácter singular, foi moi famoso e recoñecido no movemento estudantil de Santiago, pero despois do seu suicidio na praia de San Amaro, na Coruña, a súa figura sufrirá o ocultamento.

Aurelio Aguirre terá un protagonismo especial no famoso Banquete de Conxo, que ten lugar dez anos despois dos fusilamentos dos chamados Mártires de Carral, onde se puxo fin ao levantamento de 1846. No banquete Aurelio Aguirre lerá un encendido discurso e tamén Eduardo Pondal, o que supón para el a entrada na vida pública galega aos vinte e un anos.

Tense especulado sobre os posibles amores de Aguirre e Rosalía, se ben non hai ningunha proba documental dos mesmos.

A morte de Aguirre prodúcese no ano 1858 coincidindo no tempo co casamento de Rosalía e Murguía.
18_campanariodebastavales.jpg
18. Campanario de Bastavales1124 vistas"Campanas de Bastabales,
Cando vos oyo tocar,
Mórrome de soídades.

l.

Cando vos oyo tocar,
Campaniñas, campaniñas,
Sin querer torno á chorar.

Cando de lonxe vos oyo,
Penso que por min chamades,
E das entrañas me doyo.

Dóyome de dor ferida,
Qu’ antes tiña vida enteira,
Y oxe teño media vida.

Solo media me deixaron
Os que d’ aló me trouxeron,
Os que d’ aló me roubaron.

Non me roubaran, traidores,
¡Ay! uns amores toliños,
¡Ay! uns toliños amores.

Qu’ os amores xa fuxiron,
As soidades viñeron…
De pena me consumiron."

(...)

Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, 1863
19_bastavales.JPG
19. Bastavales1086 vistas
(...)

"Ven á noite... morre ó dia,
As campanas tocan lonxe
O tocar d' Ave Maria.

Elas tocan pra que rece,
Eu non rezo, qu' os saloucos
Afogandome parece
Que por min tên que rezar;
Campanas de Bastabales,
Cando vos oyo tocar,
Mórrome de soidades."

Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, 1963
44_postal_reverso.jpg
44. Reverso da postal anterior1076 vistasNo dorso da postal anterior figuraba o seguinte poema escrito polo propio Curros Enríquez:

N-A TUMBA DE ROSALÍA

Collidas a pedir de porta en porta
(Que eu non herdei xardíns nin hortas teño)
¡Sombra sin paz da nosa “Musa” morta!
Aquí estas frores a traguerche veño.

I ó esparexelas sobre a pedra fría
Que un “Resurrexit” pra crebarse agarda,
Sinto cuase o tremor que sentiría
O ladrón que recea e se acobarda.

Como el, ao che deixar a miña ofrenda
A soledade en miña axuda chamo,
Que si el ten medo que a xustiza o prenda,
Temo eu que me marmuren os que amo.

Tanto do noso tempo a xente esquiva
As patrias grorias burla i escarnece:
¡Xeneración de mánceres cativa
Que hastra o pai que a enxendrara desconece.

Que hoxe é pecado relembrar fazañas
Porque impotentes pra as facer nacemos
E cecais que gabar grorias estrañas
Nos console das propias que perdemos.

O valor, o carácter, as ideas,
Fala, costumes... son “lendas douradas”
¿De que cor serán ¡ai! as alleas
Que nos fan ler a couces e pancadas?

...........................................................

Mais dorme, Rosalía, mentres tanto
Nas almas mingoa a fe i a duda medra
¡Quen sabe se deste recinto santo
Non quedará mañá pedra con pedra!

¡Quen sabe si esta tumba, nese día,
Chegará a ser, tras bélicas empresas,
Taboleiro de iankee mercería
Ou pesebre de bestas xaponesas!
10_rosalia_21_anos.JPG
10. Rosalía aos 21 anos casa con Murguía1074 vistasPouco despois do seu matrimonio, en 1859 publicou en Vigo a novela La hija del mar.

A falta de recursos económicos, a minguada saúde de Rosalía e os continuos traslados polo traballo de Murguía encherán de dificultades o seu matrimonio.

Pronto terán a súa primeira filla, Alexandra, que nace en maio de 1859 nunha fonda de Santiago. Pasarán oito anos até que teña máis fillos.

No século XIX as mulleres casadas non tiñan os mesmos dereitos:

"Como escribe Sonia González García, "la incapacidad civil de la mujer española fue una realidad en el siglo XIX, solo las mujeres solas, solteras o viudas contaban con casi los mismos derechos que los hombres". Rosalía estaba casada, no era viuda, por eso él administraba sus bienes y era él quien debía representarla en todos los asuntos extradomésticos. Controlaba su poca vida pública. Además tuvo siete hijos, cinco sobrevivientes; produce tantos hijos como obras literarias. Como se ha notado, todas las obras de Rosalía fueron publicadas por los contactos de Murguía. Murguía le ayudó muchísimo, pero cabe preguntarse si hubiera tenido más vida pública si hubiera sido viuda." (Catherine Davies 2014)
15_cantares_gallegos.jpg
15. Cantares Gallegos publícase en 18631071 vistasRosalía ten unha importante obra en español, en prosa e en verso, pero será especialmente coñecida e respectada internacionalmente pola súa poesía en galego.

Rosalía publicou a súa primeira composición en galego en 1861 na revista El Museo Universal, trátase de “Adiós que eu voume”, que será incluído en Cantares Gallegos co título de “Adiós, ríos; adiós, fontes”. Ese mesmo ano publicou, en Madrid, a novela Flavio.

A comenzos do 1863 publicou en Vigo o folleto poético A mi madre.

Nese mesmo ano publicouse Cantares Gallegos, que será o primeiro libro en galego da autora e a primeira obra do Rexurdimento pleno da nosa literatura.

Aínda que se descoñece o día exacto da súa publicación, o Día das Letras Galegas celébrase cada 17 de maio desde 1963 (ano adicado á propia Rosalía en conmemoración do centenario de Cantares Gallegos), porque esa data é a que consta na dedicatoria que Rosalía lle escribiu a Fernán Caballero no inicio do poemario.
750 ficheiros en 63 páxina(s) 1