Servizos
A Biblioteca Escolar: centro de recursos para a educación e o lecer
Benvid@ á Biblioteca do I.E.S. de Brión. Nela atoparás un espazo aberto, á disposición de todos os alumnos, profesores e pais, cunha chea de posibilidades, dende o aproveitamento da lectura e a consulta bibliográfica ata a busca de información na rede, o cinema, a música, etc... A continuación presentámosche de xeito sinxelo os servizos que terás a túa disposición.
Qué podes atopar na Biblioteca?
-Fondo bibliográfico (Libros e folletos)
-Publicacións Periódicas (revistas)
-Mat. especiais: Vídeos, DVD, CD e casetes, CD-Rom, diapositivas, xogos didácticos...
Onde o podes atopar?
Existen catro grandes seccións:
-Obras de consulta: Composta por enciclopedias, dicionarios, atlas e coleccións sobre distintas materias (arte, historia, literatura...), ademais das biografías.
-Sección de monografías: Onde atopamos os libros organizados en subseccións correspondentes ás diversas areas e disciplinas impartidas no Centro, para facilitar, deste xeito, a consulta dos fondos por parte dos alumnos. Cada unha delas dispón dun cartel informativo, onde aparece o nome da materia e a sinatura correspondente aos libros alí ordenados.
-Sección de literatura: É unha das máis consultadas. Aquí temos as obras literarias, en dúas subseccións: Lingua galega e Literatura e Lingua castelá e Literatura. Dentro de cada unha delas os libros ordénanse segundo o xénero literario (narrativa, poesía e teatro), e por orde alfabética de autores.
-Sección BD (banda deseñada): Temos unha destacada colección de banda deseñada, onde poderás encontrar “cómics” de diferentes temáticas e procedencias, tanto en Lingua Galega como en Castelán. Unha coidada escolma da mellor creación de todos os tempos deste xénero literario con maiusculas.
-Sección de vídeos, música e Multimedia (Materiais especiais): Aquí temos DVD, vídeos VHS, Cd-audio, Cd-Rom e musicasetes, ordenados segundo o soporte e a materia. Trátase dun area que pouco a pouco vai gañando peso, e que esperamos consolidar nos vindeiros anos. Poderalos visualizar na propia sala ou, se o prefires, levar para túa casa.
Cando podo utilizar os servizos da Biblioteca?
A biblioreca escolar está aberta a maior parte da xornada lectiva, para facilitarche o acceso a todos os seus recursos.
Servizos na sala:
Podemos acudir á Biblioteca para realizar consultas no fondo bibliográfico ou na rede, na procura de información de apoio ás habituais tarefas de aprendizaxe. O acceso a todo o material é libre, dispoñendo, en todo momento, da guía e consello da persoa encargada para solucionar dúbidas ou problemas que poidan xurdir.
A biblioteca dispón de postos de lectura nos que podemos realizar tarefas ou ler un libro. O acceso aos recursos que ofrece Internet e aos materiais audiovisuais é outro dos atractivos da Biblioteca escolar.
Servizo de empréstito:
A Biblioteca dispón dun Servizo de Empréstito a domicilio para alumnos, profesores e persoal non docente do centro. Para acceder a el é necesario estar dado de alta como usuario.
Unha vez rexistrado, os socios poden beneficiarse do empréstito de ata tres libros durante un prazo máximo de 15 días (ampliables a outros quince máis). Tamén teñen acceso aos DVD, así como ó resto dos materiais especiais catalogados.
Internet para tod@s:
A Biblioteca conta con acceso a Internet a disposición de tod@s @s alumn@s, profesores/as e persoal do Instituto. Previa inscrición nunha lista de espera, e comprometéndose a respectar unha serie de normas de uso do servizo, temos vía libre para a consulta na web, ou utilizar o ordenador para realizar traballos e empregar software educativo. Unha norma importante a respectar é que @s alumn@s deberán estar sempre supervisados por un profesor/ra. De non ser así, non poderán usar o ordenador. Dende este curso contamos con novos equipos, un total de seis computadoras para uso individual e en parella.


