Aínda que a orientación está fragmentada en varios campos que se complementan e pretenden dar resposta a maior parte dos problemas da comunidade educativa, a verdade é que normalmente a orientación se centra máis no alumnado, que no profesorado, familias ou centro educativo. Gañar o apoio das familias é, sen lugar a dúbida, un dos factores que determinará se os alumnos e alumnas terán éxito na escola ou non. Moitas veces a relación que manteñen os pais e as nais coa escola vólvese máis difícil cando a comunicación sómente está centrada en expoñer, por parte dos centros, problemas e actitudes negativas dos alumnos e alumnas, en lugar de centrarse nos seus progresos. É necesario proporcionar un feedback regular e positivo sobre o desenvolvemento do alumnado e o seu comportamento no centro. A orientación familiar debe estar impregnada de empatía, esa habilidade para entender as necesidades, sentimentos e problemas dos demais, poñéndose no seu lugar. O primeiro obxectivo do traballo coas familias debería de ser o establecemento dunha confianza mutua. A organización e potenciación de reunións regulares entre familia e escola contribúen a lograr ese clima de confianza tan necesario para emprender cos mesmos obxectivos a educación e formación dos nosos fillos e fillas e dos nosos alumnos e alumnas
Na medida en que a educación obrigatoria é un dereito de tódolos alumnos e alumnas, resulta obrigado facer todo o posible para que todos e todas aprendan e progresen. Ninguén debe ser excluído, a escola debe comprometerse con tódalas medidas de atención a diversidade posibles