Escoitar, Aprender e Compartir

Graduación da promoción de Bacharelato 2021-2023

Onte, 9 de xuño, despedimos o alumnado de 2° de Bacharelato da promoción 2021-2023 nun acto de graduación cheo de momentos divertidos e entrañables. Despois destes últimos anos compartidos, ateigados de experiencias e aprendizaxes de todo tipo (e coa irrupción dunha pandemia polo medio), tócanos dicirvos adeus malia que nos custe, pero unha parte de vós quedará sempre nos nosos corazóns porque a memoria é o patrimonio máis valioso e irredutible que temos, e o recordo que vós deixades é imborrable. Así que só podemos desexarvos moita sorte a todas e todos nesta nova etapa das vosas vidas que estades a piques de comezar, esperando que a pegada que depositamos en vós desde o IES de Chapela sexa como un vento favorable que vos axude a voar máis alto e máis lonxe na longa travesía que vos agarda por diante, alí ata onde os vosos soños poidan enxergar.

Calendario de exames finais / probas de avaliacion extraodinaria para o alumnado con PD en ciclos

Os exames finais e as probas de avaliación extraordinaria para o alumnado que perdese o dereito á avaliación continua nos ciclos formativos celebraranse na semana do 12 ao 16 de xuño. Podedes consultar o calendario aquí

Meteoescolas - Timelapse

 

Dentro do Proxecto Meteoescolas 2022-23, presentamos o Timelapse realizado pola alumna de 1º Bacharelato B, Lidia Bastos, coas fotos diarias que Elva Collazo facía ás 10:10 desde a Aula de 1º Bacharelato A. Parabéns e agrademento ás dúas polo traballo realizado. 

 

Día do Deporte - ANPAS Chapela

Mesas redondas de emprendemento para o alumnado de ciclos

O luns 29 de maio, dentro das Xornadas de Orientación, celebráronse dúas mesas redondas de emprendemento para o alumnado de ciclos.

  • Pola mañá o alumnado de 1º curso dos ciclos de FP da Familia de Sanidade (CM Farmacia e Parafarmacia, CS Dietética e CS Documentación e Administración Sanitarias) puido coñecer as interesantísimas experiencias de emprendemento profesional que nos presentaron Montse @monsetorresnutricionista e Uxía @dietaconcabeza.es e ás que lles agradecemos enormemente a súa visita e as súas achegas.
  • E pola tarde o alumnado dos ciclos de FP da Familia de Servizos Socioculturais e á Comunidade (CM Atención a Persoas en Situación de Dependencia e CS Educación Infantil) tivo o luxo de contar coa presenza de tres institucións referentes no sector e da nosa contorna como son o centro de día Os Cortizos, a escola infantil As Fillotiñas e Miudiño Sociedade Cooperativa Galega, ás que novamente lles agradecemos a súa participación.
   

 

 

Estrea da obra "Disparos de luz"

O grupo de teatro inclusivo Xanela, conformado por alumnado e profesorado de modular do CM Atención a persoas en situación de dependencia e o CS Integración social, persoas usuarias e profesionais da Asociación Xaruma para a inclusión social das persoas con trastornos mentais, e alumnado e profesorado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg), estrea  “Disparos de luz” o próximo venres 2 de xuño ás 19:30 horas no Multiúsos de Chapela (Piñeiral do Crego). A entrada é de balde ata completa aforo. Esperámosvos!

 

 

Horarios e información ABAU - Convocatoria ordinaria 2023

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) informou hoxe, 29 de maio, sobre as principais novidades e horarios definitivos da convocatoria ordinaria da ABAU 2023, que se celebrará entre o martes 6 e o xoves 8 de xuño, despois da reunión celebrada o pasado venres de todas as presidencias e secretarías das 35 comisións delegadas.

A principal novidade comunicada céntrase nas diferenzas nos horarios en comparación con edicións anteriores. Neste sentido anunciouse o intercambio do primeiro bloque da tarde entre martes e mércores, e os cambios nos horarios para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. 

Ademais, informouse de que se retoma a detección de frecuencias en todas as aulas das 35 comisións delegadas, ao tempo que se lembra que no caso de detectar copia durante un dos exames das probas implica a anulación total da ABAU.


Pódese consultar o horario completo das probas no seguinte documento ou picando nesta ligazón:

 

III Torneo de Xadrez Intercentros de Redondela

 

Hoxe, venres 26 de maio, celebrouse o III Torneo de Xadrez Intercentros do Concello de Redondela. O torneo tivo lugar na Alameda e nel participaron máis de 150 alumnas e alumnos de Primaria e 1º e 2º da ESO dos colexios e institutos do Concello, incluíndo 17 alumnas e alumnos do noso centro. O noso alumnado fixo un gran torneo, obtendo Mateo Pena Montenegro (2º ESO C) o primeiro posto e Santiago Díaz Casal (2º ESO B) o segundo. Parabéns a todas e todos os xadrecistas! 

 

Así foi o Maratón das Letras Galegas 2023

CERTAME LITERARIO XELA ARIAS

 

 EDDLG Mural Xela arias  Biblioteca PlanB

 

 

1º PREMIO: Bágoas de Irene López Chamorro (1º ESO C)

2º PREMIO: Encontro de Paula Cembellín Míguez (1º Farmacia)

3º PREMIO: Eu de Lidia Bastos González (1º Bach B)

 

IES CHAPELA, 19 Maio 2023

Premiadas certame literario

 

BÁGOAS

 

Que tranquilidade

hai na beira do mar

As ondas creando música

e os paxaros a cantar

-Isto é o paraíso!

Dicía Don Sonar

Lástima que aquel día

tivo que marchar

Despediuse no solpor

cheo de tristeza

Deixaba a familia atrás

mentres tocaba a súa última peza

Xa chegou o momento

de emprender a viaxe

Coa súa gaita n aman

A súa mellor equipaxe

Despois de moito vagar

Volvía á súa terra

Máis bonita que nunca

Xa rematara a guerra

Chegou ao mar

cos pés esnaquizados

Máis valeu á pena

volver escoitar os paxaros

                                                                                                Irene López Chamorro

Distribuir contido