Escoitar, Aprender e Compartir

A Brigada Violeta do IES de Chapela xa ten logo

O equipo de igualdade "Brigada Violeta" do IES de Chapela presenta o seu novo logotipo, que foi deseñado pola alumna Alejandra Andrés Domínguez, de 3ºESO-A, ao resultar o máis votado entre varias propostas achegadas por alumnado do propio equipo.

O logo reflicte os obxectivos e metas cos que naceu no curso 2020-21 "Brigada Violeta" e que perseguen, entre outras cuestións, fomentar a igualdade no centro, respectar e visibilizar a diversidade afectivo-sexual, así como mudar opinións e comportamentos no centro integrando unha mirada con perspectiva de xénero.

O equipo, conformado por alumnado e profesorado dende 1º da ESO ata ciclos de grao superior, fai encontros periódicos os martes ao mediodía co fin de crear un espazo onde compartir intereses e preocupacións relacionadas co feminismo, realizando entre outras cuestións: visibilizar a contribución das mulleres nas diferentes esferas da sociedade e a integración destes contidos nos currículos e libros de texto, obradoiros formativos, así como a conmemoración de datas reivindicativas e significativas como o 25-N (Día contra a eliminación das violencias machistas), o 8-M (Día internacional da muller), ou o 17 de maio (Día contra a LGBTIfobia).

O vindeiro mércores 3 de maio, O IES de Chapela, coa "Brigada Violeta" como anfitrioa, será o centro acolledor do II Encontro de Comandos de Igualdade da provincia de Pontevedra, coordinado polo equipo de igualdade "Rochas Violetas" do IES 1º de Marzo de Baiona e no que participarán ademais outros cinco centros como son o Comando de Igualdade do IES Ribeira de Louro (O Porriño), o Club Diversidade do IES de Valadares (Vigo), o Equipo Morgana do IES Álvaro Cunqueiro (Vigo), o Comando de Igualdade do IES Alexandre Bóveda (Vigo) e o Comando de Igualdade do IES Barral (Ponteareas).

26 ABRIL DÍA DA EDUCACIÓN FÍSICA NA RÚA

Hoxe en Chapela celebramos o día da Educación Física na Rúa #DEFR!!

Na súa XIII edición o IES Chapela e o CEIP Laredo trasladamos a aula á rúa, á praia ao parque… Saimos dos centros para darle movemento ao corpo e lembrar a importancia da actividade física para nosa saúde para o benestar físico e mental.

Somos un dos 1049 centros e 170.000 alumnos e alumnas en sumarnos a esta iniciativa que comezamos no confinamento e agora voltamos a practicar ao aire libre. GRAZAS A TOD@S!!! +EF!!

Pica aquí para ver mais fotos.

 

O día da Educación Física na rúa, no Faro de Vigo

Publicación da listaxe provisional de alumnado de ESO e Bacharelato admitido para o curso 2023-24

Cumprindo co calendario establecido, desde a mañá de hoxe, 25 de abril, está dispoñible no taboleiro do centro a listaxe provisional de alumnado admitido nos distintos cursos de ESO e Bacharelato de cara ao curso 2023-2024.

A resolución de cada caso individual pode consultarse tamén a través da aplicación admisionalumnado. Coa publicación desta listaxe provisional ábrese un período de 5 días hábiles para reclamacións, e a listaxe definitiva publicarase o vindeiro 15 de maio.

Meteoescolas - Anemoscopio no IES de Chapela

   

O IES de Chapela xa conta cun anemoscopio ou manga de vento por participar no Proxecta Meteoescolas. Este aparello  serve  para indicar a dirección e a forza do vento. É especialmente útil en autoestradas pois o seu nivel de inchado e a inclinación do cono dan unha idea de aproximación  de velocidade do  vento: o cono vertical indica pouco vento, o cono cunha inclinación de 45° respecto á horizontal indica xa vento considerable, e o cono horizontal indica vento forte.

 

Vendo a foto, que vento vai hoxe no IES?

Charla 1º Farmacia - Consello farmacéutico

O  pasado venres 21 de abril tivo lugar a charla Consello farmacéutico a cargo de María Rosa González, da empresa Coachingmasdos. Á mesma asistiu alumnado de 1º Farmacia Ordinario.

Recollida de Títulos

O alumnado que rematou os seus estudos de 4º ESO no ano 2021 pode recoller o seu título na secretaría do centro identificándose co seu DNI.

 

Así mesmo, tamén pode recoller o seu título o alumnado que fixo o pago de taxas para a expedición do título no ano 2021 dos seguintes estudos:

- Bacharelato

- CM APSD

- CM Farmacia e Parafarmacia

- CS Documentación e Administración sanitaria

- CS Educación Infantil

- CS Integración Social

Folga de estudantes - 25 de abril

O alumnado do IES de Chapela, acolléndose ao seu dereito de reunión e tras o acordo alcanzado na Xunta de delegados e delegadas celebrada no centro o 21 de abril, decidiu sumarse á decisión colectiva de non asistencia á clase o día 25 de abril, secundando a folga convocada por Erguer - Estudantes de Galicia baixo o lema "Das aulas ás rúas, pola defensa do noso ensino".

Na seguinte circular informativa pódese consultar toda a información relacionada co procedemento a seguir polo alumnado, tanto aquel que secunde a folga como o que decide asistir con normalidade a clase.

Celebración dos Xogos Populares

O xoves 20 de abril, os CEIP Alexandre Bóveda, Laredo e Igrexa e o IES de Chapela xuntáronse para compartir unha xornada de xogos populares. O encontro volveuse a celebrar este curso tras varios anos de parón pola pandemia, e nel o alumnado puido achegarse a distintos xogos tradicionais como as chapas, a petanca, a ra, os bolos celtas ou o pano, entre outros. A cargo destes xogos estivo o alumnado do Ciclo Superior de FP de Educación Infantil do IES de Chapela, que exerceu un labor de organización e dirección das actividades lúdicas baixo a supervisión da súa profesora Eva Cortegoso Villar. O resto de profesorado participante dos distintos centros educativos fixo tamén posible o correcto desenvolvemento da xornada grazas á súa grande implicación.
 
Ademais de promover a recuperación dos xogos tradicionais da cultura popular galega, a finalidade desta iniciativa foi dar a coñecer ao alumnado de 6° de Primaria de Chapela o seu futuro instituto dunha forma lúdica. Así mesmo, pretendeuse poñer a estas nenas e nenos en contacto co alumnado actualmente en 2° da ESO, que o vindeiro curso xogará un papel moi importante de acompañamento ao novo alumnado do instituto. Concretamente, o IES de Chapela ten previsto pór en marcha no curso 2023-2024 un programa de mentorización entre iguais, coordinado polo Departamento de Orientación que dirixe Tamara Bermúdez Garea, polo cal o alumnado de 3° da ESO servirá de apoio e guía ao alumnado entrante de 1° da ESO. Búscase deste xeito facilitar a adaptación do novo alumnado ao centro e promover unha convivencia positiva baseada nas relacións de coidados mutuos.
 
 
 

Día da Educación Física na rúa - 26 de abril

VISITA A FERROL E AS FRAGAS DO EUME. PROXECTO TERRA

Dende o departamento de Educación Física solicitamos a participación nesta actividade do Proxecto Terra e tivemos unha oportunidade de coñecer a cidade de Ferrol, o seu museo de construción naval, a súa arquitectura, a súa orografía e xeografía cun paseo pola ría ata Mugardos e a súa importancia na vida militar e naval. Tamén visitamos o castelo de San Felipe como fortín de defensa e o Ferrol Vello.

   

 

Despois, aloxámonos no albergue Alvarella, onde nos trataron moooi ben e aprendimos como pode ser un albergue biosustentable.

 

 

Finalmente, o venres visitamos o Museo Etnográfico da Capela, onde puidemos aprender un montón de cousas sobre como era a vida hai uns cantos anos...

 

 
   

 

E como colofón, fomos camiñar polas Fragas do Eume, para coñecer este marabilloso e encantado parque natural. Unha bonita viaxe e unha moi boa experiencia. Grazas a tod@s!!!

Distribuir contido