Concurso para a redacción dun texto para o himno do IES francisco Aguiar. Bases

 

Bases para o concurso do texto do himno do IES Francisco Aguiar de Betanzos

O Instituto Francisco Aguiar é un dos poucos de Galicia que ten un himno propio. Foicomposto pola profesora do mesmo Instituto Ángeles Dolores Tagarro, e presentado oficialmente no concerto que a Banda Municipal de Música de Betanzos ofreceu na Igrexa de San Francisco o 19 de abril de 2002 con motivo dos actos do Cincuentenario do Instituto (1952-2002).

 

1. Obxectivo do concurso

O IES Francisco Aguiar convoca un concurso para crear o texto do himno oficial do dito IES para ser interpretado en actividades e cerimonias oficiais propias do centro.

 Preténdese con esta convocatoria

 -Crear un sentimento de identidade nos membros da comunidade educativa do IES a través da creación e a posterior interpretación do himno que represente e simbolice os valores da institución.

-Promover a participación dos integrantes da comunidade educativa na creación do himno do Centro.

-Motivar a creatividade artística dentro da comunidade educativa.

2. Participantes.

 Todo o alumnado e todo o profesorado do IES Francisco Aguiar de Betanzos.

 

3. Requisitos da composición.

 Creación dun texto poético en galego estruturado en dúas estrofas. Dado que a estrutura do himno é ABA, sendo A o retrouso e B a estrofa. A constaría de 4 versos hendecasílabos e B constaría de 8 versos heptasílabos.

 Compre ter un especial coidado na concordancia dos acentos gramaticais cos musicais.

 

4. Data e forma de entrega dos traballos       

     A data tope de entrega será o xoves 7 de maio antes da 14.00 h.

Os traballos entregaranse na conserxería do IES Francisco Aguiar en sobre pechado e constarán:
a) No exterior do sobre, o título, pseudónimo ou lema.
b) No interior :

  •  Sobre pechado identificado co título, pseudónimo ou lema que conteña no seu interior os datos do/a autor/a (nome e apelidos, enderezo, teléfono, email,  se o tivese).
  •  Texto da composición presentada ao concurso.

    O xurado poderá eliminar as obras presentadas que non se axusten ao disposto nas presentes bases.

 

5. Premio.

Concederase un premio de 50 euros á mellor composición. O xurado resérvase a potestade de non outorgar o premio se considera que non hai calidade suficiente nos traballos. Nesta circunstancia o premio declararase deserto e pendente de ser resolto noutra convocatoria.

 

6. Xurado.

 O xurado encargado de valorar os textos estará composto polos seguintes profesores:

 Don Óscar García Ramos, xefe do departamento de Lingua e Literatura galega.

 Dona Elvira Castro Otero, do departamento de Lingua Castelá e Literatura.

 Dona Blanca Bello Sobral, xefa do departamento de Música.

 

7. Enlace á música do himno.

 http://centros.edu.xunta.es/iesfranciscoaguiar/webantiga/himno.mp3