29 de abril. Manifesto no Día Europeo da Solidariedade Interxeracional

 

 

Nós, os novos 

E nós, os non tan novos

 

Manifestamos:

1. Que cada unha das nosas engurras son sucos da historia onde medra riqueza.

2. Que cando a mocidade e os maiores nos tendemos as mans, a enerxía transfórmase e alumea os nosos pasos.

3. Que o que din os libros é máis certo cando os seus protagonistas nolo contan.

4. Que a nosa identidade se perde se ninguén escoita as persoas maiores.

5. Que demandamos espazos en que atopármonos persoas de todas as idades, para convivir e aprender.

6. Que o noso presente non existiría sen o que soñaron as persoas maiores, que o futuro da mocidade non existirá se non sabemos polo que eles e elas loitaron.

7. Que entre maiores e mozos non hai distancia. Que xuntos construímos unha nova paisaxe de diálogo e respecto.

8. Que algún día, aínda que os máis novos non o imaxinedes, seredes coma nós.

9. Que xuntos traballaremos, desde hoxe, para que chegado ese día todos valoren a nosa experiencia.

10. Hoxe asinamos, todos xuntos, que comezamos un novo camiño, da man.