BLOG DO DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN
Coa seguinte ligazón poderás entrar no Blog do Departamento de Orientación do noso Instituto. Neste Blog obterás información ampla e moi valiosa referida a diferentes cuestións:
http://orientacionfs.blogspot.com.es/
CALENDARIO DO CURSO 2011/12
Preme aquí para consultar o calendario do presente curso.
PROGRAMA ORIENTA 2011/12
Xa está dispoñible a versión 2011/12 do programa Orienta.
Entra en ORIENTACIÓN e alí poderás descargala.
COMISIÓN HOMENAXE A INDALECIO PÉREZ TIZÓN
Constituíuse unha Comisión para organizar actividades en homenaxe a Indalecio Pérez Tizón, o noso compañeiro e director falecido no pasado curso: exposición de material e fotografías, revista monográfica, celebración dun día homenaxe cun partido de fútbol, actuacións musicais, proxeccións, etc.
Facemos, dende aquí, un chamamento a todos os ex-compañeiros/as e ex-alumnos/as de Indalecio para que se poñan en contacto co Instituto e se animen a colaborar e participar nas mesmas.
Hai unha dirección de correo electrónico á disposición de todos/as os/as interesados/as en colaborar coas súas lembranzas, anécdotas, escritos acerca de Indalecio, etc. Esta é a dirección: revistaiesfranciscos@gmail.com

CONTRATOS PROGRAMA
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou (DOG nº 13 do xoves 19 de xaneiro de 2012) a Resolución do 10 de xaneiro de 2012 pola que se fai pública a relación definitiva dos centros seleccionados para desenvolver, con carácter experimental, os contratos-programa dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros docentes de educación primaria e secundaria dependentes da Consellería.
O noso centro foi seleccionado, un ano máis, na modalidade "reforzo, orientación e apoio" (PROA) e así o pasado martes, día 17 de xaneiro, co claro obxectivo de mellorar a calidade do ensino e os resultados académicos, deron comezo as clases de reforzo para o alumnado de 1º e 2º da ESO.
Trátase de clases que se desenvolven fóra do horario lectivo, de 16'30 a 18'30 horas. No noso Instituto os martes e xoves recibirán este apoio alumnos/as de 1º ESO e os mércores e venres de 2º ESO. Esperamos que, como nos anteriores cursos, resulten de moito aproveitamento!
ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES
E, aínda que xa non é de estrita actualidade, quixéramos lembrarlle novamente a toda a comunidade educativa do IES Francisco Sánchez que durante o presente curso todos os mércores de 16'30 a 18'10 horas realízanse actividades extraescolares a cargo dun entusiasta profesorado.
Nestas actividades participan en torno a 70 alumnos/as de todos os niveis educativos, desenvolvéndose actividades de tipo lúdico-deportivo: futbiño, baloncesto, sendeirismo e xogos tradicionais.
Tamén os mércores no mesmo horario, e coordinado por outro dos nosos profesores, reúnese o alumnado que forma o selecto Club de Lectura.