Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Lectura e audiovisuais

(III) Rosalía de Castro en clave de jazz

 

Acábase de conmemorar o 172 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro ( o 24 de febreiro, día no que se celebra o Día de Rosalía) e con ese motivo queremos presentarvos un novo traballo, o disco poético musical Rosalía 21. Nel conxúganse os poemas de Rosalía recitados polo poeta Anxo Angueira, cantados por Guadi Galego e musicados por un dos máis destacados intérpretes de jazz, Abe Rábade.

No disco faise unha revisión e actualización dos poemas da nosa poeta máis universal, entre eles, "A xusticia pola man", "Ladraban contra min", "Tecín soia a miña tea" ou o clásico "Negra sombra".

Se queredes coñecelo con máis detalle, escoitalo e gozar desta marabilla, témolo na biblioteca así coma os libros de Rosalía  (Cantares Gallegos e Follas Novas) nos que se recollen estes poemas.

E se queredes saber máis sobre a orixe deste traballo, pulsade aquí.

 

 

(II) Rafael Dieste e Scott Fitzgerald

Rafael Dieste                                           Scott Fitzgerald

Nos últimos días estase a falar moito da película El curioso caso de Benjamin Button, dirixida por David Fincher e interpretada por Brad Pitt.

 Brad Pitt e a caracterización como Benjamin Button

A película estaba nominada para os Oscar en varias categorías pero finalmente só acadou tres. O guión da película está baseado nun relato do norteamericano Scott Fitzgerald (1896 - 1940), publicado no 1922, e que trata dun home que nace con oitenta anos e vai rexuvenecendo co paso do tempo, o que lle vai producir graves complicacións ao ter mentalidade de neno nun corpo de ancián.

Un argumento moi semellante é o que nos ofrece o rianxeiro Rafael Dieste (1899 - 1981) no conto " O neno suicida", historia que aparece na edición definitiva de Dos arquivos do trasno (1ª ed. 1926; ed. definitiva, 1966). Neste conto un vagabundo conta a historia dun home que vive a vida ao revés, pois prefería ir de vello para novo ca de novo para vello.

Esta historia tamén conta cunha versión audiovisual, nunha curtametraxe que emitiu a TVG no ano 2005 dentro da serie Un mundo de historias, serie que recrea sete contos galegos, historias creadas por Dieste, Castelao e moitos outros dos grandes nomes da literatura galega.

É unha simple coincidencia ou puido ser que Dieste coñecese a historia de Scott Fitzgerald? A verdade é que resulta imposible sabelo con certeza, pero o que si podemos é ler os dous textos e localizar as semellanzas e as diferenzas entre ambos.  Se queredes, podedes ler "O neno suicida". E tamén o relato de Fitzgerald, na súa versión orixinal ou nunha tradución ao español.

 

 

 

(I) FLOCOS.TV

A Axencia Audiovisual Galega acaba de crear un cineclube do audiovisual galego, Flocos.tv  É un espazo no que se presentan curtametraxes, documentais...  e todos eles en galego.

Hoxe queremos dárllela noraboa aos seus creadores e recomendar especialmente que visitedes a sección de Animación. Nela poderedes ver distintas curtametraxes feitas con plastilina e animadas por Virginia Curiá e Tomás Conde. Todas elas están baseadas en textos literarios de Álvaro Cunqueiro, Castelao, Ánxel Fole, Manuel Murguía, Avilés de Taramancos ou Eladio Rodríguez entre outros.

E para mostra un botón: a historia de "Alistán, o demo oveiro", baseada nun relato de Cunqueiro e que lles vai gustar moito aos amantes do escatolóxico.  

E unha máis de propina: a historia titulada "Good night, mon ami", baseada na famosa 'cousa' de Castelao que xa case todos coñecedes.

Esperamos que vos gusten!!



page | by Dr. Radut