Recollendo o premio deporte galego 2019-2022 en Ribeira

O luns 20 de marzo en Ribeira, as profesoras de Educación Física Alejandra Pérez e Norma Pillado, acompañadas da vicedirectora, Patricia Pérez, e da directora, Ana Fernández, recolleron o premio Galicia Saudable, ao centro como entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa. 

Día internacional das matemáticas, 3.14 (día de pi)

Con motivo da celebración do día internacional das matemáticas (14 de Marzo), no centro organizáronse os días 15 e 16 uns talleres lúdicos para alumnado da ESO con diversos xogos matemáticos, de estratexia, xeométricos, probabilísticos, etc. A creatividade, reflexión e constancia afloraron nos nosos alumnos e alumnas demostrando que son perfectamente capaces de comprender e superar algúns desafíos que non eran doados de resolver. O noso agradecemento aos membros do departamento de matemáticas por tan interesante experiencia.

8M , entrevistas a mulleres estradenses

Con motivo do 8M, o alumnado de Lingua castelá de 2º ESO fixo entrevistas a mulleres estradenses, como a que podedes ver no seguinte enlace. O noso agradecemento a todas elas, por permitir asomarnos ás súas experiencias persoais.

UniStem 2023 co alumnado de Bacharelato

Un ano máis fomos convidados ao UniStem. Moitas grazas á organización, foi unha mañá fabulosa na que as nosas alumnas e alumnos  saíron cun moi bo coñecemento do que son as células nai, as posibilidades que teñen, e o futuro que traen "baixo o núcleo". E dende logo, tamén sentiron a paixón dos investigadores e investigadoras no seu traballo, e a súa xenerosidade ao compartir connosco os seus estudos.

Premios deporte galego 2019 - 2022

O noso centro recibirá o luns 20 de Marzo  o  Premio Galicia Saudable, por ser unha entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa. O noso agradecemento ás profesoras de Educación Física, Alejandra e Norma, polo seu traballo, e a todo o profesorado que nestos anos se animou a saír cos rapaces nas gardas activas e a participar nos seus proxectos.

Olimpíada de Xeografía

   O xoves 09 de marzo o noso alumnado viaxou a Santiago á facultade de Xeografía e Historia para participar na Olimpíada de Xeografía. Estiveron acompañados pola profesora Esther Sánchez.
Parabéns ao noso alumno David Carballeda que acadou o terceiro premio!

Representación do IES Manuel García Barros no Campionato Galego de Campo a Través, XOGADE 2023

   O pasado sábado 4 de marzo celebrouse o Campionato Galego de Campo a Través na Pobra do Caramiñal coa representación do IES Manuel García Barros. As alumnas de 1º da ESO Lidia Calviño e Carla Pintor disfrutaron desta experiencia grazas á súa clasificación nas fases previas. Parabéns ás dúas pola súa boa actuación nesta proba e polo súa actitude de esforzo e superación en todas as carreiras nas que participaron representando ao noso centro.

   O departamento de educación física quere agradecer a Marcos Otero, adestrador do Clube Atletismo A Estrada, o seu ofrecemento para actuar como responsable das dúas alumnas, a pesar de que unha delas non pertence ao seu clube, acompañándoas en todo momento no día da proba.

Xornada de portas abertas para as familias interesadas en coñecer o centro

O mércores 15 de Marzo, a partir das 16:30, as familias que o desexen poderán achegarse ao noso instituto para coñecelo máis de preto. O equipo directivo informaralle das características do centro e da oferta educativa (ofrecemos catro modalidades de bacharelato); poderán ver as instalacións e plantexar todas aquelas dúbidas que poidan ter de cara a unha posible solicitude de praza (o prazo está aberto ata o 20 de marzo).

Visita a Padrón do alumnado de 1º de Bacharelato

   O pasado martes 28 de febreiro o alumnado de 1º de bacharelato realizou unha saída didáctica cos departamentos de LLG e de Bioloxía. Puideron visitar a Casa Museo de Rosalía Castro, onde recibiron unha breve explicación e realizaron unha visita guiada e lectura de textos. Tamén fixeron unha visita ao Xardín Botánico situado dentro da alameda padronesa. Este punto de conservación de especies particulares vén de recibir a cualificación de Destino Observer pola súa riqueza como patrimonio científico e cultural.

Gañadores do X concurso de micropoemas e microrrelatos.

O xurado do X concurso de micropoemas e microrrelatos dos centros educativos da Estrada, Dinamizaestrada, vén de outorgar os seguintes premios a alumnos/as do noso centro:

  •   MICROPOEMAS: Noa Rico Serantes (1ºESO), Iago Durán Castro (3ºESO) e Soledad Zixia Chedas Ferrín (1ºBach).
  •   MICRORRELATOS: Estela Riera Vázquez (2ºESO), Elías Pérez Rodrigo (4ºESO) e Soledad Zixía Chedas Ferrín (1ºBach).
Parabéns  polo traballo e os premios logrados!.

Alumn@s do MGB na Masterclass Europea de Física de Partículas

   Os alumnos de 2º Bacharelato-A do noso centro:  Carlota Brea Martínez, Miguel Ángel Gómez Rey e Manuel Míguez Sangiao  participarán o venres 3 de marzo na MASTERCLASS EUROPEA de FÍSICA (“Física de Partículas coas mans”), organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías.

   É unha xornada na que profesores do Dpto. de Física de Partículas da Facultade de Física da USC, en colaboración co CERN, tentarán achegar o mundo das partículas elementais a estudantes de último curso de Bacharelato.

   Os detalles da xornada poden consultarse facendo clic na imaxe.

Homenaxe a Rosalía de Castro

   O xoves 23 de febreiro (186 aniversario do seu nacemento) celebrouse a homenaxe a Rosalía de Castro no Teatro Principal.
   Como vén sendo habitual, neste acto participou alumnado representante de todos os centros da Estrada recitando poemas da escritora. Por parte do noso instituto colaboraron Noa de Oliveira e Manuel Verde (ambos de 2º ESO), que realizaron un magnífico labor. 
Parabéns aos dous polo seu esforzo e polo seu bo facer.

Campionato Provincial XOGADE de Campo a Través en Vigo

   O alumnado clasificado na fase zonal da proba de campo a través do XOGADE tivo a oportunidade de participar, o pasado domingo 12 de febreiro, na fase provincial en Vigo.

   Na categoría cadete asistiron Noa de Oliveira, Noa Ortega e Manuel Souto, e na categoría infantil Lidia Calviño e Carla Pintor, estas dúas últimas clasificadas para o Campionato Galego Escolar que se disputará o vindeiro 4 de marzo na Pobra do Caramiñal.

   Parabéns a todos pola súa participación e agradecer o esforzo das familias para que o alumnado puidese partipar neste evento.

11 de Febreiro, día internacional da nena e a muller na ciencia

   O mércores 8 de Febreiro, o noso alumnado máis científico de 2º Bacharelato e 4º ESO, participou na III Edición de CONÓCELAS. Este ano contamos coas científicas-

divulgadoras Aurora Gómez (xefa de grupo no CIMUS), Cristina de Jesús (investigadora no CIB) e Cristina Cardona (doctoranda no CIB), que nos explicaron as

súas motivacións para loitar contra o cancro e orientarnos na decisión de continuar os nosos estudos.

Grazas ASEICA polo voso esforzo en mellorar a sociedade.

Distribuir contido