NON SE CUMPRIRON OS PROGNÓSTICOS: SUPERÁRONSE

 
 A NOSA AROA, GALARDOADA NO GAIÁS

QUEDOU DE TERCEIRA NA ÁREA DA VENCEDORA ABSOLUTA

Pincha na foto para vela na galería

Ás 6 da tarde do día 6 do mes 6, xuntáronse na Cidade da Cultura as 6 persoas seleccionadas de cada unha das áreas galegas.

Proclamáronse os sextos postos... e Aroa non estaba.

O mesmo aconteceu cos quintos e cos cuartos.

Foi moi emocionante saber que o seu traballo se encontraba entre os tres mellores da zona de Compostela, nomeadamente cando a alumna de Lalín que quedou de primeira nesta, tamén foi vencedora absoluta de toda Galicia, gañando unha estancia literaria na clásica Residencia de Estudantes de Madrid.

A gala deste ano dividiuse en dúas partes. Na primeira organizouse unha visita á exposición sobre a auga doce que enche estes días as estancias do Gaiás cunha colección de máis de 700 obras. De aí que o pretexto de redacción da actual edición fose a fotografía dunha fonte. A segunda parte do acto inspirouse nas veladas televisivas grazas ás achegas dun dúo cómico que mantivo ben alto o ton humorístico da entrega de premios.

Ademais dos representantes da empresa de refrescos que convoca o evento, acudiron ao colosal complexo arquitectónico o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do IES Xelmírez I, Manuel Portas, principal artífice da creación da versión galega deste concurso.

A organización cursou cinco invitacións. Tres enviadas á alumna e dúas ao centro. Así que Aroa asistiu arroupada pola súa nai, polo seu pai, polo seu profesor de Lingua Galega e polo responsable deste departamento didáctico. Na anterior edición tamén estivemos na final grazas a Noelia Cernadas, que acudiu acompañada polo director do Maruxa Mallo. Cómpre agora que nos esforcemos para que se cumpra a máxima que asegura que non hai dous sen tres.