CAMPAÑA DE VERÁN da Xunta de Galicia.

A xunta de Galicia publicou o programa de CAMPAMENTOS DE VERÁN para este ano 2023. Hai moitas e variadas opcións para desfrutar do tempo de lecer dunha forma saudable e no medio natural, facendo actividades como kaiak, windsurf, escalada, sendeirismo, tiro con arco, etc.

Para máis información pincha aquí ou aquí.

    Entrimo 3          Entrimo 2

                            BANNERWEB   

 

Bolsas EUROLINGUA venairlanda. Cursos de inglés en Irlanda.

Publicada a convocatoria para as bolsas para estudar inglés en Irlanda este verán 2023. 

As persoas interesadas teñen que ter nacido antes do 31 de decembro do 2008 e solicitalas antes do 19 de abril. 

Para conseguila, terase en conta a media do expediente académico (mínimo de 6) que valerá o 71% e os méritos, que son o 29%. Estes méritos consisten en:

- Proxecto, en inglés ou español coa temática " A importancia do inglés para viaxar"

- Test de motivación.

- Interese polo idioma, acreditado a través dunha carta de recomendación do profesorado de inglés. 

Para obter máis información, pincha aquí. 

DEIXA A TÚA PEGADA POLAS MULLERES DA TÚA VIDA

O alumnado do Ies de Melide conmemorou o 8 M a través de diferentes actividades ao longo do día. Aquí deixamos as creacións da materia de Plástica e o cartaz que fomos construíndo pouco a pouco entre todas: DEIXA A TÚA PEGADA POLAS MULLERES DA TÚA VIDA.

 

 

CURSO DE ACABADOS DECORATIVOS CO MUNDO DO PINTOR

 

  O alumnado de Carpintería e Moble do IES de Melide, tivo unha xornada de formación sobre acabados decorativos, con unha demostración de materiais para traballar, pintar e barnizar con distintos efectos, como craquelados ou efecto mármore, entre outras variedades de decoración en mobles e carpintería. Queremos agradecer a colaboración da empresa melidense Mundo do Pintor, que nos mostrou as últimas novidades en materiais e técnicas.

OBRADOIRO COA ARTISTA LAURA ROMERO

  Este 8 de marzo contamos coa presenza da artista galega Laura Romero para impartir un obradoiro de artes plásticas dirixida ao noso alumnado de 4º de ESO. Laura Romero é a creadora do novo mural que está no exterior do noso centro, a carón da biblioteca e que inauguramos  para celebrar o Día da Muller. Ten como protagonistas a mulleres da nosa contorna que destacaron no eido da Música.

PARTICIPACIÓN DO IES DE MELIDE NO PROGRAMA 21 DÍAS EN GALEGO E +

 Durante o mes de febreiro, o IES de Melide participou no programa 21 Días en Galego e +, que organiza a Consellería de Política Lingüistica e na que participaron centros de toda Galicia, sendo un éxito de participación no noso IES, pois durante máis de tres semanas o alumnado implicouse a fondo nas variadas actividades propostas dende os diferentes departamentos didácticos do instituto. Dende grabacións de podcast, vídeos, obras teatrais, recreación de cadros de Castelao, música, rock en galego, karaoke en galego, actividades escritas e dende logo, moita oralidade, na que o noso alumnado destaca con moita diferenza. Foi unha experiencia intensa que rematou con un gran concerto ofrecido por Herba Grileira, a quen agradecemos dende o noso instituto a súa colaboración para que o noso programa tivera un remate de luxo. Finalmente, o alumnado acompañado da profesora Marga Quintela e Miguel Docasar, acudiron ao peche do 21 Días en Galego que tivo lugar na Cidade da Cultura, e onde destacaron pola súa interpretación dunha breve teatralización diante toda a asistencia. Todo un éxito e dende aquí damos os parabéns a toda a comunidade educativa do IES, especialmente ao noso alumnado tan xeitoso e participativo e ao profesorado tan activo e comprometido coa nosa lingua.

Charla sobre bosques naturais no IES de Melide

 O alumnado de Carpintería e Moble do IES de Melide xunto con FP Básica e o alumnos e alumnas da materia de Flora e Fauna, participou nunha charla sobre bosques naturais co profesor Ignacio Díaz-Maroto da universidade de Santiago, da facultade de Enxeñería agro-forestal.

PROXECTO DE FP BÁSICA "A OCA REVOLUCIONARIA"

 

 O alumnado de 2º de FP Básica de Carpintería e Moble do IES de Melide realizou na materia de Comunicación e Sociedade, un proxecto innovador coa elaboración duns taboleiros do xogo da oca especiais de temática histórica, baseados na Revolución Francesa, e repletos de persoeiros, momentos clave, símbolos, e datas históricas do proceso revolucionario francés. A novidade radica na utilización de códigos QR para afondar no xogo e no significado de cada casilla, ademáis da aprendizaxe que supón tanto o xogo como o deseño.

Agradecemos a doazón dos dous taboleiros coas súas correspondentes fichas todo realizado por eles, dende os debuxos ate a cor e o barniz, dando mostra das súas habilidades. Explicáronnos o xogo a distintos grupos da ESO e tamén o presentaron na biblioteca do IES, onde os deixaron para que todos poidamos disfrutar deste xogo tradicional revisado. Parabéns ao grupo pola súa disposición e destreza.

 

 

Sensibilización sobre os problemas de ADICIÓNS SEN SUSTANCIAS

A asociación AGALURE visitou o IES de Melide para sensibilizar ao alumnado de 4º de ESO e FP básica sobre os perigos das adicións sen sustancias. Falamos do uso, abuso e adición aos videoxogos ou ás apostas e sobre as alteracións comportamentais que implican. 

 

AS NOSAS CREACIONS

Radio na Biblio

CALENDARIO

Distribuir

Distribuir contido