Skip to Content

"TONA DE LARANXA", María Lourenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón (Premio Xerais 2012)

Versión para impresoraVersión para impresora

As palabras da Illa

A Illa de San Simón acolleu este sábado a tradicional festa das letras da Editorial Xerais. María Lourenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón fixéronse co Xerais 2012 de novela coa súa obra Tona de laranxa e Marcos Calveiro obtivo o Merlín de Literatura Infantil con Palabras de auga. Falamos cos autores para coñecer máis sobre estes dous proxectos literarios.

Un nutrido grupo de persoeiros da cultura galega participou este sábado na entrega dos Premios Xerais. Coa coordinación de Celia Torres, a música de Xurxo Souto e o discurso inaugural de Marilar Aleixandre, titulado O círculo de luz: escrita, conflito e lume, a cerimonia presentou os dous gañadores dos premios Xerais. Sería a XXIXª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros, e a XXVIIª do Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros.

As tonas de laranxa
A parella formada por María Lorenzo e Manuel Lorenzo (filla e pai respectivamente) recibiron o premio Xerais de novela pola súa obra As tonas de laranxa . O xurado do premio valorou así Tonas de de laranxa: “Tivemos moi clara a escolla desde o primeiro momento. Quedamos engaiolados polo sensitivo perfume a laranxa desta obra na que o lírico, o onírico e o simbólico se conxugan de xeito maxistral”.

“Dicir que Tonas de Laranxa foi feita a catro mans”, bromea Manuel Lorenzo, “é unha maneira máis pianística que literaria”. Lorenzo explicou como a novela agromou a partir dun relato previo. “María escribiu un conto moi longo hai uns anos e eu insistinlle en diferentes ocasións en que tiña que rematalo. Era unha prosa moi fresca. Así que o verán pasado díxenlle que había que rematalo dunha vez, e que se non se puña ela púñame eu. E así fumos escribindo entre os dous a historia, quitando e poñendo, e o conto acabou sendo unha novela do dobre de páxinas, pero segue conservando a esencia, a cerna e o espiñazo das personaxes”.

Tonas de laranxa é unha novela do seu territorio, as Terras de Iria e a confluencia entre o río Ulla e o mar de Arousa, un lugar onde as laranxas foron froitas moi sonadas, narradas a partir dunha aldea imaxinaria, Moreira. “Hai un texto moi fermoso do cardeal Jerónimo del Hoyo”, comenta Manuel Lorenzo, “cando fai unha reflexión sobre a sona que tiñan as laranxas da zona de Padrón e de cómo se comerciaban por mar con elas. En Moreira consérvase tamén a memoria dos barcos de laranxas, pero xa non saen no tempo das personaxes. Só hai un constante cheiro a laranxa”.

Pero tamén é do seu territorio polas referencias literarias. “As tonas de laranxa é como aquelas “herbas de aquí e acolá” que falaba Cunqueiro, que colle referencias na súa linguaxe poética. “Nós vivimos na casa na que viviu Eusebio Lorenzo, pero tamén nos influencian no Pensa Nao de Anxo Angueira, sempre cos debidos respectos e coas debidas distancias a todos eles”. A Lorenzo non lle resulta doado describir o argumento de Tonas de laranxa. “En Moreira mestúrase o real e fantástico. Procuramos que o lector estea aberto e á expectativa. En Moreira a xente tirou os reloxos, oriéntanse no día co sol e hai un olor ás laranxas que non se sabe de onde ven. Apostamos porque o poético pode dar conta do mundo que temos, non só exemplificalo senón transformalo. Un mundo no que non se farían rescates á xente que ten iates, senón á xente que o precisa”.

Palabras de auga
O escritor Marcos Calveiro gañou o Merlín de Literatura Infantil coa novela Palabras de Auga. O texto ten un punto de partida no mundo real fascinante: “Lin unha nova nun xornal sobre que as mulleres do Chad cribaban a terra dos formigueiros para sacar o gran collido polas formigas e así faceren as tortas para os seus fillos. É brutal esa imaxe, que o ser humano acabe roubándolle a comida ás formigas”. Impresionado pola historia, Calveiro foi escribindo Palabras de Auga.

O xurado do Merlín valorou así o texto: “cunha narración liviá entre a que se van entrelazando o galego e o suahili, o autor fai un impecable retrato do ser humano e do seu comportamento sometido a condicións extremas. O libro reborda lirismo e calidade literaria”. Calveiro constrúe en Palabras de auga unha historia sobre unha tribo nómade que se atopa na sabana fuxindo dos incendios, a violencia, a guerrilla. Hai un conflito sobre como afrontar o futuro entre o xamán e a xente nova do grupo e a historia estrutúrase en capítulos que incorporan a narración dos feitos e a ollada cara atrás.

Preguntámoslle a Calveiro pola súa querencia polos escenarios estranxeiros: “realmente son as historias as que me levan dun lugar a outro, e creo que iso é algo moi valioso nas nosas letras, porque a nosa lingua vale para calquera territorio e calquera país”.

Unha maior atención para o libro
O director da editorial Xerais, Manuel Bragado, parabenizou aos novos medios de comunicación en galego e demandou “maior atención” para o mund do libro e da cultura.



story | by Dr. Radut