AVISO: Entrega dos "vales" para os libros de texto

Os vales para a adquisición dos libros de texto entregaranse a partir do día 11 de xullo na Secretaría do centro, cun horario de 10:00 a 13:00 horas.

Só se entregará un vale por cada alumno e o centro levará un sistema de control dos vales entregados, de xeito que en todo momento poida efectuarse calquera comprobación ao respecto, especialmente a data de entrega ao/á interesado/a.

O centro nunca expedirá un novo vale no caso de que este sexa extraviado polo solicitante ou pola libraría.

Unha vez que a persoa solicitante estea en posesión do vale, poderá adquirir unicamente libros de texto no correspondente establecemento, á súa libre escolla e polo importe máximo que figura no documento. Se o importe dos libros de texto adquiridos é inferior ao valor do vale, o persoal do establecemento deberá introducir no recadro establecido para o efecto a contía exacta da venda; se o importe for superior ao valor do vale a diferenza será aboada polo solicitante.

A  Consellería non asume máis que o importe consignado no vale. Ademais, o establecemento deberá sinalar os libros que se facilitan integramente con cargo ao vale no espazo establecido para o efecto (indicando unicamente as materias). O establecemento receptor dos vales non poderá, en ningún caso, requirir a persoa para que lle anticipe o importe do vale, nin que lle entregue o vale antes da recepción dos libros.

O solicitante nunca deberá asinar e entregar o vale antes da recepción dos libros. A sinatura do vale e a súa entrega implica a súa conformidade cos libros de texto entregados, así como, se é o caso, co importe indicado polo establecemento no recadro establecido para tal efecto. Unha vez entregados os libros de texto o establecemento quedará en posesión do correspondente vale.

Os vales non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe total de cada vale só pode ser utilizado nun único establecemento.

 

A concesión da axuda comporta as seguintes obrigas:

a) Seguir as directrices que marca a orde da convocatoria e destinar o importe da axuda na súa integridade á adquisición dos libros de texto propios do curso académico para o que se solicitou a axuda, segundo a relación que, para tal efecto, ten publicado o centro onde está matriculado o alumno/a:

http://www.edu.xunta.gal/centros/iesriocabe/node/517

b) Cooperar coa Administración educativa en cantas actividades de inspección e verificación leven a cabo, para asegurar o correcto destino da axuda.

c) As establecidas para os beneficiarios no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Conservar en bo estado os libros de texto adquiridos con cargo ao importe das axudas, así como incorporalos, ao rematar o curso escolar 2014/15 (xuño ou setembro, segundo o caso), a un fondo solidario que se constituirá no centro (banco de libros), que permita a súa reutilización nos seguintes cursos académicos como medida que favoreza o establecemento dun sistema de socialización do seu uso.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda percibida, xunto cos xuros de demora, nos casos indicados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especialmente no caso de que se detecte que o importe recibido non foi empregado na adquisición dos libros de texto.

 

Axudas libros de texto