Actividades de Nadal

A foto superior corresponde á actuación da cantante Najla Shami, que deu un magnífico concerto para o alumnado de 4º de ESO e Bacharelato coa asistencia e participación de numerosos profesores. Esta actividade foi organizada polo Equipo de Normalización Lingüística.

Najla Shami é unha cantautora e compositora nacida en Santiago de Compostela e que foi educada ao abeiro de tres culturas: a palestina, a galega e a arxentina. A cantante creceu entre Galicia e Kuwayt e estudou música moderna e educación musical en países como Noruega, Estados Unidos, Xordania, Kuwayt, India, Inglaterra, Portugal ou España. No disco "A lingua que eu falo", Najla Shami afonda na obra de Rosalía de Castro a través dunha selección de dez temas que reúnen sete poemas da autora galega con música orixinal, dúas novas creacións e unha revisión do clásico "Negra sombra". Este traballo mostra influencias de distintos estilos musicais como jazz, funk, world music e música tradicional e traslada ao espectador ata lugares como África ou Brasil.

 

Esta outra foto é da actuación da contacontos Teresa Grau na biblioteca do centro. Nesta actividade participaron alumnos de 1º ESO.

A Vicedirección do centro en colaboración co Ciclo de Turismo tamén organizou unha actividade para 2º de ESO: "Coñecer Monforte ", onde as alumnas do Ciclo exerceron de guías do alumnado nun paseo turístico pola cidade, así como as actividades deportivas nas que participaron os alumnos de 3º ESO.