Viaxe a Santiago do alumnado de 4º ESO

O martes día 10 de maio o alumnado de 4º da ESO, acompañados por dous profesores, fixeron unha viaxe didáctica a Santiago. En primeiro lugar visitaron o Parlamento de Galicia, onde un guía deulles explicacións tanto no que se refire ó edificio (arquitectura, usos que tivo anteriormente, disposicións das diferentes dependencias, reformas, etc.) como ó labor que se realiza nese lugar. Presenciaron  varias ponencias durante a sesión parlamentaria que tiña lugar neses momentos. A visita e as explicacións foron moi instrutivas, pero o que máis ilusión lles fixo foi que dous dos parlamentarios monfortinos, Dª. Julia Rodríguez e D. Vicente Docasar, abandonasen temporalmente o hemiciclo (onde se estaban discutindo os orzamentos da Lei da Vivenda) para manter unha conversa distendida con todo o alumnado, prestándose a responder a canta pregunta quixemos facer e explicando cales eran as súas funcións dentro do Parlamento, como chegaran aí, e incluso facendo unha representación do que poderían ser as discusións que se plantexan durante as sesións parlamentarias, esta vez comentando a LOMCE. Foi un detalle que lles agradecemos encarecidamente.



A continuación visitaron a Cidade da Cultura. Recibiron explicacións acerca da novedosa arquitectura, das funcións dos diferentes edificios, achegáronse á enorme biblioteca, incluso ó soto que comunica todos os edificios, e utilizaron o ascensor con máis capacidade de toda a comunidade, situado no edificio do museo e que se utiliza para mover esculturas e pinturas de gran  tamaño. Finalmente visitaron a exposición “Con-fío” que expón traxes históricos galegos e tamén o instrumental para tecer tanto o liño como a la, así como as dependencias e as ferramentas que utilizaban os xastres antigamente.



Logo de facer unha parada nun centro comercial para recuperar forzas, visitaron o Pazo de Oca. Lamentablemente o tempo non acompañou, pois chovía a regos. Ainda así a visita foi moi instrutiva, pois recibiron explicacións acerca da arquitectura, da historia, da sociedade que edificou eses magníficos edificios, e que encheu os xardíns de especies vexetais exóticas, que tamén tiveron ocasión de ver: sequoias, magnolios, camelios (máis de 170 variedades), cítricos, criptomerias, buxos, teixos, tileiros… os xardíns son unha marabilla, tanto a parte  de estilo francés (perfectamente estruturada) como o de estilo inglés (máis ‘natural’ e aparentemente silvestre), o estanque, os diferentes labirintos, as esculturas vexetais, a horta…



En resumo, unha viaxe instrutiva e un pracer para os sentidos. Lamentar só que o tempo non acompañase. Volveron a Monforte sobre as 20.30, algo mollados pero moi satisfeitos.