Pais/Nais
Magosto 2023
admin — Lun, 05/02/2024 - 17:59
O 31 de outubro celebramos o Magosto no instituto. Tivemos castañas, música, un Pasapalabra organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística e xogos tradicionais. Ademais, a ANPA axudounos e contratou un posto de flocos de millo que foi todo un éxito.
Quedamos no palco, quedamos coa clásica
admin — Ven, 02/02/2024 - 09:22
O Teatro Afundación de Vigo ofrece aos centros educativos da ESO e Bacharelato esta actividade para que o alumnado poda desfrutar de concertos de música clásica gratuítos. O alumnado do centro interesado en asistir a Concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Filharmónica tivo a oportunidade de ir no marco desta actividade. A actividade foi organizada por Laura Rodríguez, profesora do departamento de Música.
Visita ao Museo Liste
admin — Ven, 02/02/2024 - 09:16
O 28 de novembro, o alumnado de 1º ESO visitou a exposición “Ancestros tecnolóxicos” do Museo Liste. A actividade foi organizada polo departamento de Tecnoloxía e polo de Lingua e Literatura Galega do centro.
Obradoiro de fotografía “Pensar antes de disparar”
admin — Ven, 02/02/2024 - 09:09
O 31 de outubro e o 7 de novembro, o alumnado de 3º ESO C participou na Cidade da Cultura no obradoiro “Pensar antes de disparar” impartido pola fotógrafa Carla Andrade no marco da exposición que dedicaron este ano á figura do fotógrafo documental Nicolás Muller. O xogo, a paisaxe, as emocións e a natureza protagonizan as imaxes tomadas polo noso alumnado con cámaras analóxicas. Estas imaxes foron expostas de 15 ao 17 de decembro no Museo Centro Gaiás. Esta actividade foi organizada por Luis Miguel Pérez, profesor do departamento de Bioloxía e Xeoloxía do instituto
Acceso ao Instagram
Charla “Que significa investigar”
admin — Mér, 13/12/2023 - 11:52
O 29 de setembro, o alumnado de 3º ESO asistiu á charla “Que significa investigar” na que Mª Asunción Longo González, investigadora da Facultade de Enxeñaría Química da UVigo, achegou o labor investigador que se realiza na universidade ao noso alumnado. Ofrecéronnos esta charla con motivo da G-Night, a Noite Europea das Persoas Investigadoras. Este é un evento de divulgación científica que se celebra de xeito simultáneo en cidades de toda Europa, o último venres de setembro e que, no caso de Galicia, está coordinado pola Universidade de Vigo. A actividade foi organizada polo Departamento de Física e Química do instituto.
Concurso tarxeta de Nadal 23-24
admin — Mér, 22/11/2023 - 11:33
O IES Rosais 2, en coordinación co Departamento de Educación Plástica e Visual e a ANPA Agarimo, convoca o XXXV Certame de Postais de Nadal Rosais 2
As bases do concurso
Teatro: “Golfa”
admin — Mér, 22/11/2023 - 11:27
O alumnado de 4º ESO asistiu o 30 de outubro á obra de teatro “Golfa” no Teatro Afundación. A obra trata o acoso virtual despois dunha relación de parella truncada. A actividade organizouna o Departamento de Orientación do instituto.
VISITA DIDÁCTICA AO LAGO DE SANABRIA-CENTRO DO LOBO IBÉRICO E COVA DE VALPORQUERO
admin — Xov, 09/11/2023 - 13:12
O alumnado de 1º de bacharelato, grupos A e B, que cursa a materia de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais, os días 2 e 3 de novembro realizou unha viaxe didáctica, acompañado polos profesores Raúl Matos e Olga Mijón do Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía. Os obxectivos da actividade en relación ás tres áreas que aborda a materia, foron resaltar a importancia da protección de espazos naturais, a conservación da biodiversidade e o estudo xeomorfolóxico do territorio observando formacións derivadas do modelado glaciar e Kárstico.
Visitáronse dous centros de interpretación, con visita guiada polas exposicións e recintos: a Casa Parque do Lago de Sanabria en Zamora onde coñeceron a formación dun lago glaciar, as súas características e as especies que presenta. Visitouse brevemente o Lago de Sanabria xa que as condicións meteorolóxicas eran moi desfavorables. O Centro do lobo ibérico Félix Rodríguez de la Fuente (Robledo, Zamora) onde recibiron información sobre o ciclo vital desta emblemática especie, o seu comportamento, o estatus da especie, e ademáis observaron varios exemplares de lobo ibérico en réxime de semi-liberdade.
Tamén se realizou unha visita guiada a fermosa Cova de Valpoquero en León, visualizando as formas endokársticas, e o profesorado no percorrido achegou datos xeolóxicos en relación as formas exokársticas e puido observarse unha zona con fósiles da era Paleozoica que explican a historia xeolóxica da Península Ibérica.
Actividades Extrescolares 23-24
admin — Dom, 17/09/2023 - 20:49
Coa intención de completar o ensino recibido polo noso alumnado vimos desenvolvendo no noso centro un programa de actividades extraescolares que se levan a cabo fóra das horas lectivas durante todo o período escolar. Dado que xa están en preparación, informámolos dos prezos e días das actividades para o alumnado que teña interese en asistir a elas no arquivo seguinte:
Vales axuda material escolar
admin — Xov, 31/08/2023 - 20:55
Os vales de axuda para material escolar poderán recollerse a partir do 1 de setembro de 2023 en horario de 9:00 a 13:00. Os vales deberán ser recollidos polos proxenitores ou un adulto debidamente autorizado.
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+