IES VALLE INCLÁN

blogue demil_primaveras_mais

video

video

Escritores galegos en Pontevedra (7)

Mañá, 24 de febreiro, cúmprense 175 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Non imos facer aquí unha biografía da nosa figura literaria máis universal, iniciadora do Rexurdimento da literatura galega, nin un estudo da súa obra, tan só deixar constancia da santificación e mixtificación dos que en ocasións foi obxecto coa intención de minusvalorar os aspectos máis avanzados e profundos dos seus poemas.

O monumento áchase ao outro lado do río Lérez, nun pequeno xardín ao final do Paseo do Enxeñeiro Rafael Areses, e na parte inferior, que non aparece na imaxe está gravado un fragmento do primeiro poema de Cantares Gallegos: "Cantarte hei, Galicia/ teus dulces cantares..."

 

Entroido

Hoxe cambiamos radicalmente de tema. Estamos no Entroido, días de festa, disfraces, alegría e boas comidas. Na miña familia paterna -orixinaria de Alongos-, un prato exquisito e característico desta época e do Nadal sempre foi a cachucha prensada; de preparación lenta e laboriosa, o seu sabor compensa as horas pasadas na cociña.

Escritores galegos en Pontevedra (6)

Na Parda, preto do edificio dos Xulgados, figura este busto de Fermín Bouza Brei. Xuíz (exerceu en Pontevedra, ademais doutros detinos) e maxistrado, cargo do que foi expulsado, abriu despacho de avogado en Santiago de Compostela.

Pero aquí salientaremos o seu labor cultural e literario. Fundador -xunto con outros estudantes e profesores composteláns- en 1923 do Seminario de Estudos Galegos, colaborou tamén coas revistas literarias e culturais de preguerra: Nós, Cristal e podemos consideralo o creador do Neotrobadorismo, a corrente literaria vangardista máis autóctona, na que mestura os recursos e sensibilidade das cantigas medievais, sobre todo as de amigo, coas imaxes rupturistas propias das primeiras décadas do s. XX. Este tipo de poesía foi o máis cultivado naquel momento, prolongándose aínda no renacer posterior á guerra civil. Ademais de poeta foi tamén investigador, campo no que destacan os seus estudos sobre Rosalía de Castro.

Babelia en galego

Onte á tarde asistín á presentación dun sorprendente e enriquecedor libro, do que é coordenadora e tradutora a poeta galega Yolanda Castaño. O libro é froito dun Obradoiro de Tradución Poética realizado en Eslovenia no que interviron autores de linguas con moitos falantes (ruso, xaponés e chinés) e outros de linguas minoritarias (canarés -unha das linguas faladas na India-, galego, esloveno e maltés), que traduciron os seus poemas a todas estas linguas. O resultado é o libro Babelia en galego no que figuran os textos na versión orixinal e na tradución ao galego. Contamos ademais coa presenza do poeta xaponés, Yasuhiro Yotsumoto, e puidemos escoitar un fermosísimo recitado bilingüe: a versión orixinal en boca do propio autor e a versión galega da man de Yolanda Castaño.

Escritores galegos en Pontevedra (5)

Benito Soto foi un pirata pontevedrés do s. XIX que deu nome a unha colección de poesía publicada en Pontevedra a partir do ano 1949, un dos primeiros intentos de recuperación da nosa literatura logo da guerra do 36. Editouse nesta casa, situada na rúa Don Filiberto, nun dos laterais do Teatro Principal, e que era a imprenta do pai de Sabino Torres, verdadeira alma desta aventura editorial. Unha vez iniciada a súa publicación pediron a colaboración de Celso Emilio Ferreiro, que daquela vivía en Pontevedra e que sería o director da colección.

Escritores galegos en Pontevedra (4)

Se iniciamos esta serie pola escritora máis próxima a nós, no tempo e no sentimento, hoxe imos remontarnos ao máis afastado, Paio Gómez Chariño. Foi un nobre galego, nomeado Almirante do Mar por Afonso X, que participou na conquista de Sevilla co rei Fernando III. Trobador en lingua galega cultivou os tres xéneros de cantigas, destacando nas de amor, nas que introduce a temática mariña. Está soterrado na igrexa de San Francisco, aos pés do altar maior.

Verbas no ar (2)

Xa está publicada a novela Verbas no ar, de cuxa presentación en Pontevedra falamos hai uns días. Nesta ligazón pódese ver o PDF da revista Biblos, o clube galego de lectores que convocou o concurso no que foi premiada e aparece tamén a convocatoria da 8ª edición do concurso; lede con atención as súas bases os menores de 25 anos, esta pode ser a vosa oportunidade. Na portada vemos a Iria durante a súa estadía no pazo, cando traballaba na obra e nas primeiras páxinas da revista algunhas fotos do acto de presentación no Pazo de Mugartegui; se vos fixades ben nelas -aínda que non sexa doado- veredes algúns profesores do centro. Volverei sobre a obra cando a teña lida.

Escritores galegos en Pontevedra (3)

Totalmente rodeada de cables podemos ver a placa que lembra a casa onde viviu Luís Amado Carballo, situada na intersección das rúas Cobián Rofignac e Benito Corbal.

Traballou como mestre de escola e tamén como xornalista; igual que outros autores coetáneos, morreu moi novo de tuberculose (decatémonos de que nese momento aínda non se coñecía a penicilina).

Autor de dúas obras en prosa, destaca fundamentalmente como poeta, encadrado nas correntes vangardistas dos anos 20, aínda que a súa poesía -o hilozoísmo- ten máis de tradicional que de vangarda: sobre unha base autóctona (verso curto, musicalidade, recreación da paisaxe pontevedresa...) engade imaxes máis renovadoras, baseadas na humanización desa paisaxe, mentres desaparece a presenza humana, e nas sensacións sinestésicas.

Escritores galegos en Pontevedra (2)

 A escultura que homenaxea as tertulias pontevedresas, situada na praza de San Xosé, diante do café Moderno, converteuse en poucos anos nun símbolo de Pontevedra e un dos monumentos máis fotografados da cidade. Houbo moitas tertulias recoñecidas en Pontevedra, comezando pola do farmacéutico Perfecto Feijoo (a quen pertencía o loro Ravachol), á que asistiron personaxes como Emilia Pardo Bazán ou Pablo Iglesias, ata as da actualidade, como a do Carabela ou a do Blanco e Negro, á que asisten algúns profesores e antigos profesores do IES Valle Inclán. Evidentemente esta escultura non representa ningunha das tertulias históricas, senón que é un símbolo que une personaxes de diferentes épocas da cultura galega.

Se nos imos fixando neles dun en un, podemos recoñecer no extremo esquerdo a Alexandre Bóveda, un dos principais redactores do Estatuto de Autonomía de 1836. O 20 de xullo foi detido tras o "alzamento nacional", acusado de traizón e condenado a morte nun xuízo celebrado o 13 de agosto dese mesmo ano. A sentenza executouse o 17 de agosto na Caeira (Poio).

O seguinte é Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a personalidade máis importante de cultura galega do s. XX e profesor do instituto de Pontevedra, na actualidade figura un cadro del realizado por outro antigo profesor do centro a un dos lados da entrada do paraninfo, ademais da exposición permanente nos corredores da planta baixa. Escritor que cultivou practicamente todos os xéneros literarios (narrativa, teatro, ensaio), artísticos (caricaturista, pintor) e -sobre todo- debemos destacar o seu labor político (sempre minimizado desde determinados poderes) tanto no plano ensaístico, Sempre en Galiza, considerada como a biblia do galeguismo como práctico (deputado no ano 1931 e novamente no 36, ministro do goberno republicano no exilio, presidente do Consello de Galiza) entre outras moitas cousas, pois resulta imposíbel resumir a súa contribución á nosa cultura nunhas poucas liñas.

 O seguinte, -xa noutra mesa- é Valentín Paz Andrade, a quen este ano 2012 se lle dedica o Día das Letras Galegas. Personalidade polifacética, mencionaremos aquí unicamente a súa contribución ás letras galegas. Unha das súas primeiras publicacións foi Pranto Matricial (1955), mais cultivou tamén o ensaio (literario, histórico ou económico) e o xornalismo.

Carlos Casares apoia as súas mans sobre os ombreiros deste e do último personaxe sentado. Autor dunha estensa e variada obra literaria é un dos máis sobresalientes escritores da segunda metade do s. XX. Desde a súa primeira e novidosa colección de contos, Vento ferido (1968) ata a póstuma O sol do verán, cultivou tamén con grande éxito a literatura infantil, o ensaio e a tradución. Destacábel así mesmo é a columna xornalística que durante anos publicou en La Voz de Galicia, "Á marxe", na que fixo famoso o seu gato Samuel.

A última figura é Ramón Cabanillas. Basilio Álvarez, a quen coñeceu en Cuba, foi clave na súa decisión de dedicarse á poesía galega, ao unilo á causa agrarista. Aclamado como Poeta de raza, puxo a súa poesía ao servizo da construción nacional de Galiza, sobre todo coa súa obra Na noite estrelecida, na que reelabora os mitos artúricos uníndoos a lendas galegas, en busca da redención de Galiza. Tamén cultivou o teatro e a tradución.

Finalmente, de pé, ameniza a tertulia co seu violín Manuel Quiroga, destacado violinista pontevedrés, que viu rota a súa carreira ao ser atropelado por un tranvía en Times Square, pois foi perdendo a mobilidade do seu brazo dereito ata a parálise. Dedicou o resto da súa vida á composición (temas tradicionais galegos -"Galicia", "Alalá", "Alborada", "Emigrantes celtas", "Muñeira"...-, españois e danzas cubanas e arxentinas) e á pintura.

 

Distribuir contido