VIDEOCONFERENCIA DO ENXEÑEIRO AEROESPACIAL ESPAÑOL FERNANDO ABILLEIRA

Este luns 16 de novembro o alumnado de 1º e de 2º de Bacharelato de Ciencias tivo a sorte de poder asistir a unha videoconferencia titulada "pasado, presente e futuro da Investigación espacial en Marte", dende o NASA Jet Propulsion Laboratory de Pasadena, California do enxeñeiro aeroespacial español Fernando Abilleira, que entre outros traballos formou parte do equipo de Deseño de Misión e Navegación do proxecto Mars Science Laboratory, o cal acadou aterrizar con éxito o rover Curiosity en Marte o 6 de agosto de 2012. Curiosity atópase no interior dun cráter coñecido como Gale, e está actualmente avaliando se nalgún momento esa rexión albergou as condicións necesarias para o desenvolvemento de vida microbiana.

Na actualidade Fernando é o Manager de Deseño de Misión e Navegación e o Subdirector de Misión durante a fase de Aproximación e Aterrizaxe do próximo vehículo marciano coñecido como InSight que se lanzará a Marte en marzo de 2016.

Fernando Abilleira desenvolveu o tema de xeito moi ameno con diapositivas e vídeos, e despois contestou as numerosas preguntas que se lle formularon. Buscando compartir con todos esta bonita e moi interesante experiencia, aquí tedes os catro vídeos que se proxectaron relacionados co envío do rover Curiosity a Marte.