Skip to Content

Convocatoria de probas para a obtención do título de graduado en ESO.

Convocadas as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2021.

Condicións das persoas aspirantes.

Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

  1. Ter cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.

  2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.

  3. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2020/2021 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.

  4. O alumnado matriculado durante o curso 2020/2021 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:

    • Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.

    • Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.

O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

Forma, lugar e prazos de presentación.

Os prazos de matrícula serán:

Convocatoria de maio: 8 ao 18 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.

Convocatoria de setembro: 1 ao 8 de xullo de 2020, ambos os dous incluídos.

As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.

As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel nos centros educativos que se especifican ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado (código de procedemento ED540A) que figura como anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As persoas aspirantes formalizarán a súa inscrición nalgún dos centros que constituirán tribunais para a avaliación das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria. Na provincia de Ourense o centro de referencia é Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.

Xunto coa solicitude, achegarase a seguinte documentación:

a) Copia, se procede, do certificado dos ámbitos da proba superados en anteriores convocatorias ou a certificación académica de ámbitos ou materias superadas.

b) Acreditación de proceder doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro no caso de que se solicite a exención de lingua galega.

d) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.

Exención de lingua galega.

Durante o período de inscrición, as persoas aspirantes poderán dirixir á dirección do centro a solicitude de exención de lingua galega para que non sexa obxecto de avaliación nesta convocatoria.

Listas de admitidos e reclamacións.

No prazo dos quince días posteriores á conclusión do prazo de presentación de solicitudes, os centros publicarán a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, na cal se indicarán os motivos da exclusión. Tamén constarán as exencións da proba de lingua galega.

As persoas aspirantes disporán dun prazo de tres días hábiles para a reclamación, contados a partir do día seguinte ao da publicación da lista de admitidos. Transcorrido ese prazo, publicarase a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Realización das probas.

As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 21 de maio e 10 de setembro de 2021 para as respectivas convocatorias.

A sesión da mañá terá dúas partes: na primeira, de 9.30 horas ás 12.00 horas, realizarase a proba do ámbito científico-tecnolóxico, que inclúe exercicios das materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química e Tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo de Educación física.

Na segunda parte, de 12.15 horas ás 13.15 horas, realizarase a proba do ámbito social, que inclúe exercicios das materias de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación a Actividade Emprendedora Empresarial e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación plástica e visual, e Música.

Na sesión da tarde, de 16.00 horas ás 19.00 horas, realizarase a proba do ámbito da comunicación. Comprenderá os exercicios de:

a) Lingua galega e literatura.

a.1) Exercicio de redacción. Na valoración da redacción, terase en conta o xeito de estruturar os datos e os feitos, a coherencia da exposición, o vocabulario empregado, o dominio da ortografía e a presentación do escrito.

a.2) Cuestións de Lingua galega e literatura.

b) Lingua castelá e literatura.

b.1) Exercicio de redacción. Realizarase conforme o disposto no punto a.1) para a Lingua galega e literatura.

b.2) Cuestións de Lingua castelá e literatura.

c) Lingua estranxeira (inglés ou francés).

Normas de realización das probas.

1. Para a realización das probas, as persoas inscritas acreditarán a súa identidade presentando o DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito. Non se permitirá o acceso ás persoas que non estean correctamente identificadas.

2. Na proba do ámbito científico-tecnolóxico, o alumnado poderá utilizar calculadora. Non se poderán utilizar calculadoras programables nin aquelas que permitan a resolución de ecuacións ou a almacenaxe de datos alfanuméricos. En caso de dúbida, o Tribunal poderá revisar a calculadora para a súa valoración.

3. Non se permitirá o uso do teléfono móbil, de reloxos intelixentes (smartwatch) nin ningún outro dispositivo electrónico, agás o mencionado no punto anterior. No caso dos reloxos intelixentes non se permitirá o seu acceso para a súa utilización como un reloxo convencional.

4. As persoas aspirantes, unha vez resolta cada proba, que será de respostas pechadas, trasladarán as opcións elixidas a unha folla de respostas. Entregarán esta xunto co protocolo de exame.

Cualificación global da proba.

a) Os días 3 de xuño e 16 de setembro de 2021, no enderezo web http://www.edu.xunta.gal farase pública a listaxe de cualificacións provisionais de cada unha das convocatorias.

b) Contra a cualificación provisional, poderase presentar reclamación ante a Presidencia do tribunal no prazo de cinco días hábiles tras a publicación da listaxe provisional.

c) Transcorrido o prazo de reclamacións, elevarase a definitiva a listaxe de cualificacións que será publicada os días 11 de xuño e 24 de setembro de 2021 no enderezo web: http://www.edu.xunta.gal

d) Contra a listaxe definitiva da proba poderase interpor no prazo dun mes recurso de alzada ante o xefe ou xefa territorial correspondente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que esgotará a vía administrativa.

e) As persoas aspirantes que superen os tres ámbitos da proba serán propostas polo centro para a expedición do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, a través da aplicación de xestión administrativa de centros (XADE).

Máis información.



page | by Dr. Radut