A forma de redactar, organizar e deseñar unha información para ser publicada nun servidor web conectado á rede Internet é moi diferente á que se empregaría se se for publicar no soporte tradicional en papel. Deberanse ter en conta toda unha serie de cuestións que son propias e específicas desta tecnoloxía:
Nun documento en papel movémonos pola información dun xeito lineal: unha folla tras outra. Pola contra, nunha páxina web o hipertexto permítenos irnos desprazando dun documento a outro co simple acto de pulsar sobre unha ligazón. Isto fai que sexa necesario fragmentar a información en diferentes ficheiros e, ademais, crea a necesidade de estruturar o mellor posible a información, de forma que a persoa que le estea sempre ben orientada sobre a sección en que se atopa e que entenda a relación entre as páxinas que está visitando. Para conseguilo presentamos algunhas suxestións:
Sempre debemos ser conscientes de que a páxina web que estamos deseñando se vai transmitir por unha rede de comunicacións que non é tan rápida como sería desexable. Así, temos que coidar que as nosas páxinas non teñan un tamaño demasiado grande para facilitar a súa carga rápida pola rede. Adóitase considerar como o máximo tolerable uns 40 ou 50 Kb (ficheiro + imaxes).
Hai que intentar que o lector ou lectora chegue á información desexada co menor número de pasos intermedios que sexa posible, para evitar que teña que cargar ficheiro tras ficheiro. Por iso, se ben as páxinas con índices son imprescindibles, non debemos abusar delas, poñendo índices que remitan a máis índices, como, ás veces, podemos atopar en Internet. Polo tanto, o índice principal debe estar sempre visible.
Nun documento web o que ocupa máis espazo son os gráficos, sons e vídeos, polo que deberemos valorar coidadosamente a necesidade, cantidade e calidade dos que poñamos. Para detalles máis técnicos, ler as recomendacións sobre inclusión de gráficos en páxinas web.
Tamén, a diferenza dos documentos en papel, as persoas que navegan polas nosas páxinas web teñen que empregar unha ferramenta para visualizalas: os navegadores ou browsers. Hai tres navegadores principais: Internet Explorer, FireFox e Opera. O problema que presentan é que amosan certas diferenzas respecto da presentación das páxinas web, por iso é importante visualizar as páxinas en cada un deles e remodelar o que se precise.
Isto fai que unha páxina que nós temos deseñada e probada co programa Internet Explorer poida dar sorpresas desagradables ao intentarmos visualizala con Mozilla Firefox ou Opera, e viceversa. O mesmo pode ocorrernos se vemos esa páxina web co programa empregado no seu deseño, pero nunha versión inferior. Esta é a razón pola que debemos de valorar coidadosamente se de verdade cómpre utilizar a “última” tecnoloxía de deseño de páxinas web, de moda nese momento, e pola que debemos ser conscientes de que canto máis simple sexa a nosa páxina máis posibilidades hai de que poida ser correctamente visualizada por un maior número de lectores. Recomendamos empregar os estándares vixentes.
Moitos dos problemas de incompatibilidade cos distintos navegadores veñen de usar carácterísticas específicas dun deles. O consorcio W3C traballa para mellorar a compatibilidade e a accesibilidade da Web.
Froito do seu esforzo son a linguaxe XHTML, que substitúe e mellora o HTML tradicional (se vostede sabe algo de HTML verá que practicamente é igual de sinxelo de aprender, con prácticamente a mesma sintaxe) e permite o visionado de páxinas web en multitude de dispositivos, ou por exemplo as follas de estilo CSS, que fan que sexa posible separar o contido da presentación dun documento web (neste enlace pode ver a gran funcionalidade que permite o uso de CSS). Algo tan sinxelo como iso fai que cada usuario ou usuaria poida, de xeito sinxelo, ver a información segundo o estilo que lle guste. Isto, por exemplo, mellora moitísimo a accesibilidade de calquera información que publiquemos na Web.
A modo práctico, se en vez de usarmos un editor de páxinas web de hai 5 anos, optamos por un editor actualizado que se adhira aos actuais estándares XHTML e CSS 2, estaremos reducindo enormemente problemas de incompatibilidade cos navegadores actuais e mais cos tamaños de pantalla e facilitaremos que persoas con dificultades de acceso poidan navegar axundándose de dispositivos especiais e escollendo o estilo, tamaños de letra, cores, etc. con que queren eles ver a información.
Recomendamos encarecidamente seguir estas normas de deseño web.
Os documentos web están pensados para ser visualizados na pantalla dun ordenador. O problema é que descoñecemos o tipo de monitor desde o que se van ler as páxinas: pequeno ou grande, de cristal líquido, en cor ou branco e negro, con resolución boa ou mala, etc. Por esta razón, non está de máis comprobar o aspecto que toma a nosa páxina en distintos tipos de pantallas.
En calquera caso é importante que o máximo de información significativa apareza na pantalla nada máis acceder á páxina.
Unha das principais vantaxes do soporte web é a posibilidade de manter actualizada a información de xeito inmediato. Así, a tarefa de realizar unha páxina web non finaliza coa súa publicación nun servidor. É necesario mantela actualizada, traballo que, en realidade, non “remata” nunca. É necesario considerar previamente a posibilidade de caducidade da información que imos poñer na rede e valorala. O mesmo ocorre coas tan comúns listaxes de ligazóns recomendadas: quedan obsoletas con gran rapidez. É importante indicar na propia páxina a data da última modificación, de forma que o lector ou lectora estea informado da posta ao día desta.
Todas as publicacións que se fagan en páxinas web deberán respectar os límites legais fixados polas normas integrantes do ordenamento xurídico, e moi en particular na Lei da propiedade intelectual R.D.L 1/96 e na Lei de protección de datos, L.O 15.
Só deberemos publicar en Internet materiais que sexan propios ou de libre uso. En caso contrario, deberemos dispor do permiso do autor. Todo o material publicado en Internet está protexido pola lexislación sobre propiedade intelectual. Ademais, debemos de valorar coidadosamente a oportunidade ou non de publicar algún tipo de información sensible ou confidencial.
Cando esteamos a falar da reprodución de textos e imaxes nun web educativo, teremos que acollernos ao artigo 32 do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril (BOE número 97, do 22 de abril) coas modificacións aplicadas a este pola Lei 5/1988 do 6 de marzo (BOE número 57, de 7 de marzo) e a Lei 1/2000 do 7 de xaneiro (BOE número 7 e 8 de xaneiro).
O seu texto di:
“É lícita a inclusión nunha obra propia de fragmentos doutras alleas de natureza escrita, sonora ou audiovisual, así como a de obras illadas de carácter plástico, fotográfico figurativo ou análogo, sempre que se trate de obras xa divulgadas e a súa inclusión se realice a título de cita ou para a súa análise, comentario ou xuízo crítico.
Tal utilización só poderá realizarse con fins docentes ou de investigación e indicando a fonte e o nome do autor da obra utilizada."
Por outra banda, cando se utiliza unha obra de maneira recoñecible para elaborar outra obra diferente, iso correspóndese co dereito de transformación do artigo 21 do Real decreto 1/1996, da Lei da propiedade intelectual:
"21. 1 A transformación dunha obra comprende a súa tradución, adaptación ou calquera outra modificación na súa forma da que derive unha obra diferente.
21.2 Os dereitos da propiedade intelectual da obra resultado da transformación corresponderanlle ao autor desta última sen prexuízo do dereito de autor da obra preexistente de autorizar, durante todo o prazo de protección dos seus dereitos sobre esta, a explotación deses resultados en calquera xeito, e en especial mediante a súa reprodución, distribución, comunicación pública ou nova transformación. Polo tanto, é necesario solicitarlle o permiso ao autor ou propietario destes dereitos, pois cabe recordar que cabe a posibilidade de que o autor enaxenase algún dos dereitos de explotación."
Prohíbese a difusión de información e a utilización das imaxes ou nomes dos menores nos medios de comunicación que poidan implicar unha intromisión ilexítima na intimidade, honra ou reputación, ou que sexa contraria aos seus intereses, aínda que presten o seu consentimento eles mesmos ou os seus representantes legais (LG3/1997).
Aínda así, no caso de utilizar imaxes de menores, deberemos ter o consentimento, ben dos pais ou nais, ben das titoras ou titores legais.
Poñer a información nun servidor web non é garantía abonda de alcanzar a todos os usuarios e usuarias potenciais desexados. Necesitamos darlle difusión á existencia das páxinas se desexamos que cumpran a súa función. Normalmente o usuario ou usuaria utiliza os buscadores da rede. Para que aparezan as páxinas reflectidas nestes buscadores, deberemos ter en conta os elementos que empregan para localizar a información:
O máis importante nunha páxina web son os contidos. A busca de calquera información en Internet adoita ser unha longa navegación de páxina en páxina, e necesítase empregar moito tempo en atopar información útil. O xeito de deseñar e organizar a nosa información estará claramente condicionado polo tipo de contidos e, sobre todo, polos usuarios e usuarias a quen van dedicados.
Recoméndase o uso da lingua galega normativa para a redacción do web, especialmente se o material está pensado para ser aloxado nos servidores da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria
Na seguinte ligazón pode acceder a un resumo dos cambios máis relevantes que se produciron a raíz da última revisión normativa do galego. Acceso ao documento resumo sobre o galego normativo
Recoméndase evitar calquera discriminación por razón de sexo na redacción do material web. Na seguinte ligazón pode acceder a exemplos de linguaxe non sexista que, se ben están máis orientados cara á linguaxe administrativa, poden servir de referencia. Acceso a o documento sobre linguaxe non sexista (PDF - 620 Kb)
As páxinas deberanse facer o máis curtas e concisas posibles. Ter que despregar moita cantidade de texto (e/ou imaxes) na pantalla pode producir desorientación no lector, xa que perde as referencias da cabeceira e as axudas á navegación. Canto máis importante sexa unha páxina e máis atención requira por parte dos internautas, máis curta debe ser.
Adóitase recomendar un máximo de 4 pantallazos como lonxitude aceptable para unha páxina. Se necesitamos incluír máis información deberemos considerar a posibilidade de dividir o contido en varias páxinas, ou ben facer un índice de contidos ao principio do documento con ligazónsás diversas partes (uso de marcadores).
A lonxitude da páxina é ademais unha das moitas razóns que desaconsellan o uso de tipos de letras moi grandes. Sempre que a páxina estea correctamente deseñada, o usuario ou usuaria poderá vela co tamaño de letra que elixa. Ver a alínea 4 de tipografía.
Os contidos deberán ser visibles de xeito cómodo nunha pantalla de resolución de 800 x 600 e superior.
Unha das principais dificultades á hora de realizar un documento web é o seguinte: o máis probable é que nós esteamos traballando nun PC en contorno Windows, pero as nosas páxinas poderían residir nunha máquina con sistema operativo UNIX. En UNIX son especialmente importantes as maiúsculas/minúsculas nos nomes dos ficheiros, dato que debemos ter en conta á hora de nomear un ficheiro e facer unha ligazón a este: se puxemos o nome en minúsculas, deberemos facer igual as ligazóns. De non facelo así, poida que as imaxes se vexan ben no noso PC, pero que non se atopen cando residen no servidor. O mesmo sucede coas extensións dos ficheiros: podemos empregar “.html” ou “.htm”, “.jpg” ou “.jpeg”, pero deberemos respectar isto á hora de facer as ligazóns.
Outros elementos que deberemos evitar ao lles poñer nomes aos ficheiros son:
O mellor é que, desde o principio, establezamos un criterio e que o sigamos para todas as páxinas relacionadas: por exemplo, optar por poñer todo en minúsculas e coas extensións .html e .jpg.
Sempre se debe evitar cambiarlles o nome aos ficheiros, aínda que actualizásemos a información; non hai que esquecer que a páxina pode estar referenciada en diversos sitios. Se non quedase máis remedio que cambiarlle o nome, pódese manter a páxina antiga, cunha nota na que se avise de que “esta páxina cambiou de sitio” e dar a continuación o novo enderezo.
Non se recomenda o uso de marcos porque dificultan, entre outras cousas, a accesibilidade da páxina. No caso de utilizármolos deberemos intentar que estean perfectamente identificados e colocados no deseño da páxina.
Os marcos permiten dividir a pantalla en diferentes xanelas, cun documento html diferente en cada unha delas. Adóitanse empregar bastante, xa que nos permiten exercer un control elevado sobre a disposición xeral e a aparencia da páxina. Con todo, débense empregar con coidado, xa que presentan algúns inconvenientes: non se poderán empregar marcadores ás partes, haberá dificultade para imprimir as páxinas individuais, reducen o espazo útil onde visualizar a información...
Algunhas recomendacións para páxinas con marcos:
Ao escoller a tipografía que imos empregar na nosa páxina, debemos ter en conta que estamos deseñando un documento para que sexa lido na pantalla dun ordenador. Polo tanto, debemos escoller tipos de letras non moi grandes, para non facer demasiado longa a páxina, pero tampouco excesivamente pequenos, que lles poidan causar dificultades de lectura ás persoas que non teñan boa visión. Como recomendación, aconséllase empregar un tipo de letra con tamaño relativo para que o usuario ou usuaria poida adaptalo no navegador seguindo as súas necesidades. Denberán utilizarse tipos de letras sinxelas e de doado recoñecemento.
En xeral, é importante unha boa estruturación do texto ao longo da páxina, empregar parágrafos curtos que faciliten a lectura e poñer títulos destacados nas distintas seccións do texto. Ademais, é mellor non apurar moito os bordos da pantalla do ordenador: as liñas curtas lense con maior facilidade cás longas. O ideal serían 60-80 caracteres por liña.
Empregue tipos de letras que sexan case universais, como Arial ou Verdana, xa que o/a internauta só poderá ver os tipos de letra que teña instalados no seu ordenador. Se desexamos empregar algunha tipografía especial para un titular ou logotipo, deberemos convertelo nunha imaxe, co que garantiremos a súa correcta visualización. Debemos ter en conta que isto lle engade tamaño á páxina (faina máis pesada), así que é mellor usar esta técnica só cando sexa imprescindible.
O excesivo emprego de maiúsculas dificulta a lectura. Non se deben empregar para titulares longos e aínda menos para bloques de texto. O mesmo pode dicirse do emprego de negriña, cursiva ou cor: son recursos aos que recorreremos só para resaltar palabras ou partes do texto. Se desexamos destacar todo un parágrafo é mellor facelo cun sangrado. Tamén podemos destacalo aínda máis se o deseñamos poñendo unha cor de fondo diferente.
Non se debe empregar o subliñado para destacar un texto: nas páxinas web estamos afeitos a que as partes subliñadas sexan ligazóns e a xente adoita premer co rato sobre elas agardando acceder a outra páxina. Tamén debemos evitar o uso do blink ou texto que esmuxica. É moi molesto e perturba a lectura do texto. Podemos combinar o texto con algunhas imaxes para evitar a monotonía, pero deberán ser imaxes pequenas (que se carguen rapidamente) e atopar un bo equilibrio visual entre as figuras e o texto.
A frase na que situemos a ligazón debe ter significado. Incluso, se é posible, debe conter a mesma frase que o título do documento ao que se vai acceder desde o vínculo. Por exemplo:
Mellor: “Para máis información, consulte o noso Manual de estilo.”
En lugar de: “Para ver o manual de estilo prema aquí.”
As listaxes de ligazóns externas deben ser revisadas periodicamente, xa que adoitan quedar obsoletas con gran rapidez.
Non se deben de cambiar as cores estándar das ligazóns (azul para as ligazóns, violeta para as ligazóns xa visitadas) porque iso poedría confundir os lectores e lectoras. Do mesmo xeito, non se deben empregar estas cores ao longo do texto, xa que o usuario ten tendencia a premer co rato sobre o texto que as leva.
Cada botón ou ligazón debe ter unha mensaxe que o identifique. Para iso, colocaremos un “ALT” en que se nos indique o enderezo que imos visitar; ex: ”Páxina da Xunta de Galicia”.
Debemos poñer nomes sinxelos nas ligazóns e evitar redundancia:
Ex:“ligazón a...”.
Se se utilizar unha imaxe como ligazón: esta deberá ser o máis representativa posible do contido ao que nos leva e ir acompañada dun “alt” e dun “title”.
Existe a posibilidade de poñer un servidor web de ficheiros que non sexan en formato html: en Word, Excel, PowerPoint, PDF, etc. As ligazóns fanse igual que se estivésemos enlazando calquera páxina web. Na maioría dos navegadores, ao premer co rato sobre estas ligazóns, abrirase automaticamente o programa que xestiona eses ficheiros. En caso contrario, daranos a posibilidade de gardar no noso ordenador o documento. Isto quere dicir que, para poder empregar estes ficheiros, cómpre ter instalado ese programa no PC, polo que só deberemos de poñelos se temos a seguridade de que os nosos lectores e lectoras van contar co software necesario. De non temros esta seguridade, é mellor que convirtamos a información ao formato html.
En todo caso, sempre deberemos advertirlle no propio texto ao lector ou á lectora da ligazón de que se trata, dun texto en Word, Excel, etc.
Como xa mencionamos ao falar sobre a lentitude das redes de comunicacións, a inclusión de imaxes nas nosas páxina debe valorarse con detalle, co fin de que a carga da páxina sexa o máis rápida posible. Adoitan considerarse páxinas rápidas aquelas dun tamaño non superior a uns 40 ou 50 Kb (ficheiro + imaxes).
Podemos xogar co tamaño das imaxes á hora de lle quitar peso á nosa páxina, tratando de que estas sexan o máis pequenas posibles. Se queremos inserir algunha imaxe grande, é mellor poñer na páxina unha pequena mostra desta, indicando que se pode picar sobre ela para vela en tamaño grande. Así, só terán que soportar unha espera longa aqueles lectores que realmente teñan interese en vela. Non se debe reducir o tamaño da imaxe co programa co que estamos editando a páxina html (Dreamweaver, FrontPage...):daranos a falsa impresión de que a imaxe é máis pequena, pero o único que fai é reducir a forma en que vemos a imaxe, que en realidade é a mesma. Para reducir de verdade o tamaño da imaxe deberemos empregar un programa de tratamento de gráficos.
Existen programas de tratamento de gráficos que permiten “baixar” a calidade dunha imaxe de forma razoable. Dado que canta mellor calidade teña unha imaxe máis ocupa, deberemos de atopar un equilibrio entre a calidade desta e a información que se quere amosar.
Pódese referenciar a mesma imaxe todas as veces que se queira. Non debemos sobrecargar e poñer unha e outra vez a mesma imaxe en diferentes directorios: basta con poñela unha vez e referenciala.
Os formatos de imaxes máis empregados son: GIF e JPG (ou JPEG).
O formato GIF emprégase cando utilizamos imaxes de cores planas, é dicir, sen degradado, sen matices. Así pois, se utilizamos logotipos, imaxes escaneadas, pictogramas, etc., será o mellor xeito de presentalas. Este formato utiliza un máximo de 256 cores ou 64 tons de grises (pódense empregar menos, co que ocupa menos a imaxe) e permite a posibilidade de definir fondos transparentes e animación de gráficos (GIF animados). É apropiado para imaxes pequenas e con boa resolución ou para debuxos con bordos ben definidos.
O formato JPG permite calidades de máis de 256 cores. De feito, permite ata 16 millóns de cores e ten un sistema de compresión que fai que a súa transmisión pola rede sexa rápida. É o máis axeitado para imaxes fotográficas grandes. Este sistema de compresión permite escoller a calidade de compresión da imaxe para chegar a un bo compromiso entre tamaño e calidade.
As imaxes animadas deben empregarse con moito coidado (non se recomendan): ocupan bastante máis espazo que as imaxes normais, distraen a atención do lector ou lectora da información útil e acaban cansando, dificultan unha impresión “limpa” da páxina... No caso de poñelas deberemos proporcionar un mecanismo de parada.
Nas nosas páxinas web deberemos ter coidado en empregar unha harmonía de cores que non perturbe a lectura e procurar non empregar cores estridentes ou combinacións estrañas. Non se recomenda cambiar as cores estándar das ligazóns (azul para as ligazóns, violeta para as ligazóns visitadas), pois iso pode confundir aos lectores e lectoras . Do mesmo xeito, non se deben empregar estas cores ao longo do texto, xa que a xente ten tendencia a premer co rato sobre elas.
O mellor é empregar fondos de cores claras e texto de cor escura, xa que son tons que se adoitan ler con máis comodidade, polo que sempre se debería facer así nas páxinas nas que predomina o texto. No caso de empregar unha cor de fondo moi escura teremos que empregar unha tipografía en branco ou noutra cor moi clara, pero isto impide a impresión correcta da páxina (poucas persoas teñen configurado o seu navegador para que imprima os fondos).
No caso de que se empregue unha imaxe como fondo (non se recomenda), deben de seguirse os mesmos consellos que acabamos de dar e empregar texturas simples e tenues, así como procurar non empregar texturas moi rugosas que se ven mal en pantallas de baixa resolución.
O servidor da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten gran cantidade de información, dividida en moitos directorios. Isto ás veces pode provocar que a URL dunha páxina sexa moi longa. Nestes casos, o que se adoita empregar son “alias” para facer máis curtos estes enderezos e así poder realizar unha mellor publicidade da páxina nos medios impresos: anuncios de prensa, trípticos que se coloquen nalgún mostrador, etc.
Polo momento, o emprego deste tipo de “alias” non está contemplado pola Consellería de Educación e O. U., senón que sempre se indica que a información pode atoparse no seu portal: http://www.edu.xunta.es
As táboas non se deben utilizar para maquetar texto, xa que provocan moitos problemas de accesibilidade. Unicamente se deben usar para expoñer datos tabulares. O texto maquetarase usando follas de estilo CSS na medida do posible. Cando se use unha táboa para mostrar datos tabulares deberá ir acompañada da información correspondente de encabezamentos de fila e de columna.
Sempre que for posible, deberá haber un menú principal, que apareza en todas as seccións, dende o que se poida acceder a calquera parte da aplicación. Ademais, é recomendable que se indique en todo momento o sitio onde nos atopamos dentro da secuencia global.
Todos os vídeos, imaxes e fotografías, así como a información relevante que aparece na pantalla, deben ter unha mensaxe asociada. Recoméndase o uso dun máximo do 50% da pantalla para contidos textuais.
Convén non sobreimprimir textos sobre imaxes, xa que dificultan a visión do texto. Debe optarse por fondos lisos dunha única cor.
O vídeo debe ter un botón asociado para comezar a súa visualización, e non comezar automaticamente. Ademais deberase dar a oportunidade de interromper momentaneamente, minorar e/ou repetir a proxección/verbalización.
formato:
•Vídeos: avi (Compresión en DivX).
•Imaxes: xa comentado, se son fotos usar formato .jpg, se son gráficos de cores planas usar os formatos .png/.gif
•Sons: en mp3 ou ogg.
Está recollido na disposición adicional quinta da Lei de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico (34/2002) o compromiso da Administración de presentar toda a información e os propios recursos accesibles na rede. Cando se fala de criterios de accesibilidade ao contido xeralmente recoñecidos, tómanse sempre como fonte principal de consulta as recomendacións e normas da WAI 1.0 (Web Accesibility Iniciative) do organismo W3C (World Wide Web Consortium) para a adopción das pautas de accesibilidade que deben presentar os materiais e recursos web.
Estas normas WAI teñen tres niveis de aplicación coñecidos como “A”, “AA” e “AAA”. Cada un deles recolle unha serie de características técnicas e de deseño de contido que fan máis doada a navegación a un maior número de usuarios.
As pautas e a lista de puntos que hai que verificar para determinar a conformidade cos criterios de accesibilidade de W3C pódense atopar en:
http://www.discapnet.es/web_accesible/wcag10/WAI-WEBCONTENT-19990505_es.html
Toda a información que se publique ou se desexe que saia publicada dende as páxinas da Consellería de Educación e O. U. intentará cumprir as normas referidas no nivel “A” ou “AA”. A política que debe seguir a Administración é que no futuro se poida aplicar “AAA”.
Debemos incorporar a accesibilidade como parte da metodoloxía de desenvolvemento do traballo. Como norma importante, cómpre sinalar que sempre que se comece un proxecto débese abordar o tema da accesibilidade nas primeiras etapas, xa que iso supón un esforzo menor que remodelar todo o desenvolto anteriormente.
A Consellería dispón dun programa de formación a distancia a través de PLATEGA (Plataforma de Teleformación Galega) con cursos de accesibilidade web.
Tamén existe unha conta de correo onde se ofrece asesoramento sobre todas estas cuestións: contidos@edu.xunta.es.
Outras ligazóns sobre accesibilidade:
O presente documento está baseado no documento da Universidade Carlos III de Madrid, que se pode atopar no seguinte enderezo:
http://www.uc3m.es/uc3m/web/recomendaciones.html
Última data de actualización deste documento: 18/4/2006