Enerxía positiva
 
INTRODUCIÓN

Para o profesorado

Aínda que polo seu contido toque aspectos de materias como as Ciencias Medioambientais e da Saúde, a presente webquest foi concibida como actividade para a área de Lingua Galega do segundo ciclo da ESO. Evidentemente, isto non impide que se aproveite para cantas outras se considere útil, con ou sen modificacións, pero si determina e explica os parámetros de avaliación da versión actual, centrados na lectura comprensiva e na expresión oral e escrita, en concreto no traballo con textos expositivos e argumentativos. Explica así mesmo a selección de ligazóns, cunha clara preferencia polas que están escritas en galego, e o feito de que se optase pola tradución e realoxamento de varias páxinas con informacións relevantes, aínda que sempre se dese nestas novas versións a posibilidade de acceder ao web orixinal.

Entendemos que calquera webquest que obrigue o alumnado a exercitar habilidades como condensar información, extraer conclusións dunha lectura, debater oralmente ou redactar un texto formal é un instrumento útil na clase de Lingua Galega, independentemente do tema obxecto de discusión. Este debe cumprir o requisito de conter certa carga polémica, co fin de espertar o interese do estudantado e de avivar o debate, pero non é imprescindible que verse sobre aspectos estritamente literarios ou lingüísticos. Neste sentido, animamos o profesorado de Lingua Galega e Literatura a aproveitar para as súas clases múltiples materiais que, en diferentes páxinas de webquests, se atopan clasificados como adecuados para outras materias.

Por parte, a ningún docente lle escapará o feito de que esta actividade permite traballar, cando menos, dous eixes transversais: Educación Medioambiental e -na medida en que se propicia o traballo en grupo, o debate respectuoso e a busca de consensos- Educación para a Paz e para a Convivencia. Así mesmo, agardamos que sirva para superar certos prexuízos que aínda ligan o galego cunha cultura do pasado e permita asocialo coas tecnoloxías da información e da comunicación, ao revelarlle ao alumnado a súa presenza na Web como vehículo para tratar temas de actualidade.

Para o alumnado

Por primeira vez en moitos anos, o partido político X ten a opción de alcanzar o poder. As eleccións están preto e hai que redactar un programa electoral. Todos os membros do partido coinciden nos seus obxectivos en materia de sanidade, de educación... pero hai un punto en que non acaban de poñerse de acordo: o modelo enerxético que van implantar. E este évos un asunto importante e de moito interese para os votantes, que están preocupados pola contaminación do planeta e pola chamada crise enerxética: o forte desenvolvemento económico e industrial de países coma China ou A India fai que cada ano aumente espectacularmente a demanda de materias primas e de fontes de enerxía, pero as reservas de combustibles fósiles son limitadas. Temos petróleo para seguir consumindo, todos, ao ritmo en que o viñan facendo só os países ricos? Ata que ano durarán as reservas e que faremos despois?

Cómpre estar preparados e buscar solucións e/ou alternativas. Ata aí, todos de acordo, pero... que solucións e que alternativas? Uns optan polas enerxías renovables, outros pola nuclear, uns terceiros coidan que a solución está no aforro... O tempo bótase enriba e cómpre definir as propostas de actuación. Hai que ter ben presente que a política enerxética que se deseñe pode afectar a moitos outros aspectos do programa: transportes, vías de comunicación, vivenda, emprego... vanse ver afectados pola orientación que tome a política enerxética do país. No próximo congreso do partido este asunto deberá quedar definitivamente claro.

Co fin de estaren ben informados á hora de abriren o debate sobre a enerxía no congreso, os membros da executiva do partido contratáronvos a vós: un grupo de expertos encargados de aconsellar sobre o modelo enerxético que se debe implantar en Galicia. Évos un traballo de moita responsabilidade, porque o partido ten moitas probabilidades de gañar as eleccións e, unha vez no goberno, de levar a termo as vosas propostas. O futuro do país está nas vosas mans.

 

   
   
Webquest elaborada por Contidos Educativos con