MÁSCARAS GALEGAS

imprimir

Os boteiros son propios das terras do  Bolo, son únicos. É espectacular o colorido da roupa; por exemplo, a camisa vai bordada con infinitos anacos de fitas de cores formando distintas figuras xeométricas. O pantalón, xeralmente encarnado, de seda, con flocos de cores nos laterais, cunha faixa con picos e borlas; un cinto con esquías ou campaíñas; unha polainas, tamén chamadas legues, de cor negra; na man levan unha pértega á que lle chaman monca, rematada nunha pequena borla.

A máscara pesa varios quilos. Está formada por unha carauta negra tallada en madeira e con aberto sorriso ( máscara de Pradoalvar) e unha figura xeométrica a modo de pantalla frontal por riba da cabeza formada por unha estrutura de cartón e de arame que configura debuxos variados e multicolores. A Pantalla case ten un metro cadrado nalgúns boteiros.

Pode ver mais imaxes premendo aquí.

Grazas á declaración do Entroido en Verín como "festa de interese turístico galego”, o cigarrón é hoxe unha das máscaras máis coñecidas en Galicia. Os traxes elabóranse durante todo o ano. Entre os seus elementos máis sobranceiros destácanse a carauta sorrinte, de bigote e de barba e con amplos coloretes, feita de madeira de breixo; e a mitra, feita de folla de lata e decorada con motivos animais ou vexetais. Na parte traseira, cabeza e mitra van cubertas por unha pelica que hoxe adoita ser de feltro. Camisas, calzas de encaixe e medias brancas compoñen o seu vestiario, que se complementa cunha chaquetiña e cun pano ás costas de cor vermella. As chocas cinguidas ao cinto poden ser femias ou machos de acordo co son que emiten, graves os machos e agudos as femias.

 

Os peliqueiros son as máscaras típicas de Laza. Chamáseslle así porque levan pelica, unha pel de can ou de ovella que lles colga coma se fose unha melena.
 O peliqueiro ten unha serie de privilexios, é "sagrado", ninguén o pode tocar; vai botando fariña e formigas a quen se cruza no seu camiño e é posible que dea lategazos. Non fala, camiña a saltos pequenos, salta e baila facendo soar as chocas que levan nas costas. A cambio, o público poderá alteralo e insultalo.

Pode acceder a distintas galerías de imaxes premendo aquí.

 

 

imaxe da Voz de Galicia/Xurxo Lobato

imaxe tomada dun folleto editado polo Concello de Maceda, escrito por Santiago Prol.

O felo de Maceda vístese - aínda que con elementos externos diferentes - coa indumentaria convencional dos peliqueiros de Laza e dos cigarróns de Verín. Calcetíns de la brancos, medias negras, ringleiras de borlas de distintas cores, colcha con flocos claros arredor do van, rabo de raposa no alto da mitra, colares varios e caxato como arma intimidatoria conforman as súas particularidades iconográficas, máis primitivas e masculinizadas na parte inferior cás do tronco común. O canónico aconsella pintar na mitra animais ou aves da Serra de San Mamede e non fauna nin motivos alleos.

A máscara -de sorriso retranqueiro- representa a virilidade máis fidedigna. O felo da medo. Podémolo insultar, endexamais tocar nin tentar sacarlle a carauta. Transgride as normas. É a autoridade nestas datas, pero o seu espírito anárquico e rebelde estase modificando.

 

O símbolo por antonomasia do carnaval de Xinzo é a pantalla. A pantalla é o nome en si da carauta, que se estende ao conxunto. Faise de cartón, papel de xornal, feltro, fariña, auga e pintura. Estas máscaras corren polas rúas golpeando entre si as vexigas e facendo soar as campás que levan cinguidas á cintura.

A pantalla faise nunha soa peza que logo se encaixa na cara e na cabeza collendo a forma de gorro ríxido que remata na parte frontal. Ten cara de diaño, cos cornos incluídos, con xesto de sorna. A parte de arriba adórnase con motivos astrais ou animais totémicos. Uns flocos fan a función de barba e unha tea, a percalina, colga polos lados. A vestimenta da pantalla está formada por unha camisa de felpa e un calzón branco, unhas polainas negras e unha capa vermella con fitas de distintas cores, como xa se explicou máis arriba.

 

Acceda ao artigo de Federico Cocho "O Entroido de Xinzo no século XXI"
 

imaxe sacada da páxina web galeon.com/carnaval_ourense

imaxe tomada de concellodechantada.org

Os volantes son os personaxes típicos do Entroido ribeirao. Portan sobre a testa os famosos “puchos”, que non son outra cousa que enormes gorros dos que se di que teñen a forma de camarín da Virxe. Estruturas moi pesadas, estímase que poden chegar a pesar 15 quilos. Teñen unha estrutura interna de madeira feita con paus de vimbia ou salgueiro. Sobre ela colgan numerosas cintas ou “colonias” de moita anchura e lonxitude cunha gran profusión de colorido. Tamén é común que sobre o “pucho” se coloquen bonecas e flores que nun tempo eran elaboradas polas mulleres das distintas parroquias. Coméntase que en cada freguesía tiñan un xeito de facelas. Nos ombreiros, os volantes levan panos cunha gran variedade cromática: son os chamados “portugueses”, que se diferencian dos  de cores máis tristes, utilizados antigamente e denominados “mariños”, xa que moitos deles proviñan de ultramar. O volante, sempre masculino, ten unha vestimenta inferior caracterizada por presentar unha serie de bandas con cores moi significativas; son comúns as cores vermella e amarela (por ser como a bandeira española; dise que na antigüidade era a tea máis barata) aínda que na actualidade non é estraño ver os volantes coa cromática azul/branco.

 Estes relevantes personaxes portan un cinto feito en coiro sobre o que penduran un total de 24 campaíñas (as “esquías” de Manzaneda e de Viana do Bolo) que se van alternando en función do seu son; as de timbre grave, denominadas “ machos ”, e as de son agudo ou “femias”. O seu papel ou función é a de protagonista principal, anunciando a festa aló por onde van.

 

 

As comparsas de madamas e galáns celébranse en dúas parroquias do concello: Santo Hadrián de Cobres e Santa Cristina de Cobres, e as dúas forman unha banda integrada por un mordomo e parellas de madamas e de galáns que van bailar diante das casas dos veciños para que lles entreguen donativos cos que sufragar a festa.

Prema aquí para ver a partitura da danza de Entroido de Santo Hadrián de Cobres e aquí para escoitala.

O máis chamativo desta festa son os traxes que levan os protagonistas, cunha base branca enfeitada con colares, sombreiros, flores, plumas, abelorios... que os fan ir vestidos do máis rechamante.Sobre as roupas era obrigado levar moitas xoias de ouro que lles ían pedindo aos veciños: pulseiras, colares, pendentes... canto máis grandes mellor. Ben peiteadas cun moño na cabeza, lucían os seus encantos bailando cos seus galáns no torreiro, nun lugar reservado para eles. Os galáns ían cuns pantalóns brancos, camisa branca e chaleco negro con pequenos petos dos que penduraba a cadea dun reloxo antigo. Tamén levaban unha faixa azul ou vermella como complemento á "pajilla", un sombreiro de palla cunha cinta negra da que penduraban outras cintas de cores.
A festa remata co sermón do Entroido, onde un predicador fala en ton xocoso dos acontecementos que se produciron ese ano na aldea.

Hai tamén unha corrida do galo, que ultimamente xa non ten tanto esplendor por mor das denuncias dos ecoloxistas; aínda que neste caso non se mataba ao animal.

 

 

 

 

 

imaxes tomada da páxina web do Concello de Vilaboa (Pontevedra)

Prema aquí para ver mais fotografías do Entroido de Vilaboa, Madamas e Galáns en Santa Cristina de Cobres (2008)

Unha vez ao ano, os veciños da comarca da Ulla vístense de militares, búrlanse das autoridades da zona, dos veciños e mesmo de si mesmos; loitan entre eles e, ao final, todos quedan como amigos. Son os “Encontros dos xenerais”

O ritual repítese cada ano de xeito semellante. Na Ulla hai dous equipos: un invasor e outro defensor que conta con xenerais e con correos, que son os encargados de iniciar a batalla. O correo do exército atacante solicita a entrada nos dominios da sentinela, á que lle responde o correo do exército defensor.

Unha vez rematado o primeiro intercambio de aldraxes e de críticas, cada correo acode ante o seu xeneral para comunicarlle a situación do atranque. Logo de que os xenerais sexan sabedores da situación comeza o enfrontamento, sempre verbal, no que se burlarán de situacións da vida cotiá, dalgún feito de actualidade. Rematado o repertorio de coplas satíricas que os veciños prepararon con anterioridade para o asalto, o enfrontamento remata con vivas a determinados persoeiros, aos veciños e mesmo ao público pola colaboración (que sempre é económica) para a festa.

Os xenerais e o seu correo van por todas as parroquias da comarca da Ulla e dos seus “encontros” (tamén chamados “altos”, “saltos”, "atranques" ou “arranques”) .

A orixe destes desfiles de xenerais e de correos parece estar na Guerra da Independencia. Xosé María Castroviejo relátao deste xeito en Memorias dunha terra: "Ponte Ulla: de tódalas parroquias chegaban as xentes para contempla-lo sen igual antroido. A parte principal era un combate entre os paisanos e as tropas de Napoleón. A francesada deixou un gran recordo en Galicia, onde houbo combates encarnizados dos napoleónidas coa paisanaxe. Xa de neno chamábame a atención oír nomear ós cazadores do val da Ulla, os cans con nomes como Ney e Soult".

Xenerais da Ulla en San Xoán de Santeles (A Estrada) preparándose para darlles vivas ós veciños da parroquia.

Imaxe tomada o 9 de febreiro de 2002 (c) H. Neira 2002

 

Lembrámoslles que poden facernos chegar as súas preguntas, suxestións e materiais enviándonos unha mensaxe a contidos@edu.xunta.es

AVISO LEGAL

A reprodución de textos e imaxes desta Web acóllese á lexislación vixente sobre copyright e dereito de cita:"É lícita a inclusión nunha obra propia de fragmentos de obras alleas de natureza escrita, sonora ou audiovisual, así como a de obras illadas de carácter plástico, fotográfico e figurativo ou análogo, sempre que se trate de obras xa divulgadas e a súa inclusión se realice a titulo de cita ou para análise, comentario ou xuízo crítico. Tal utilización solo poderá realizarse con fins docentes ou de investigación, na medida xustificada polo fin desa incorporación e indicando a fonte e o nome do autor da obra utilizada".