1- Que se entende por ferramentas de autor?
Unha ferramenta de autor é un programa especializado que facilita a creación de contidos educativos multimedia por parte de persoas sen apenas coñecementos técnicos. Non é necesario saber HTML ou Flash ou programación para poder crear recursos educativos con estas ferramentas. Moitas veces o proceso resumirase en facer unha recompilación de imaxes e de textos e en ir por orde, indicando o texto de cada actividade e as respostas correctas e incorrectas.
2- Que vantaxes presenta traballar con ferramentas de autor?
Principalmente dúas: que non cómpre ter coñecementos técnicos para facer actividades e que as actividades feitas por outra persona pódense editar, cambiar e traducir de xeito sinxelo.
3- Que inconvenientes presentan as ferramentas de autor?
O principal inconveniente é a falta de flexibilidade. O programa que usemos como ferramenta de autor terá máis ou menos opcións, pero nunca poderemos facer todo o que queiramos. Usualmente, flexibilidade e dificultade de uso van parellas: canto mais flexible é unha ferramenta de autor e máis opcións nos dá, máis complexo é o seu manexo. Tanto JClic como Ardora presentan un compromiso aceptable entre flexibilidade e simplicidade de uso.
4- As ferramentas de autor son de pago ou gratuítas?
Hai de todo. Hainas de pago (por exemplo Flash, que é unha ferramenta moi completa pero cara), hainas de tipo shareware, que se poden probar e ao cabo de certo tempo hai que pagar unha pequena cantidade por elas, e hainas gratuítas. Non é o mesmo gratuíta ca libre. Ademais, debemos fixarnos en que tipo de uso nos permiten do material que elaboremos con elas. Hai ferramentas gratuítas que impoñen restricións ao uso do material feito con elas. O mais lóxico é que, se unha ferramenta é gratuíta, non permita cobrar o material que se fai con ela. Así pasa co JClic, que propón un tipo de licencia de uso Creative Commons que implica que os materiais que se fagan con ela se poden distribuír e cambiar, pero sempre recoñecendo a autoría orixinal e nunca se pode cobrar por eles.
5- Que pasa co material creado coas ferramentas de autor? Pódese publicar nunha web?
Abondando no xa comentado na anterior pregunta, temos que fixarnos nos termos de uso de cada ferramenta. Dende a Consellería de Educación e O.U. queremos fomentar a realización, difusión e intercambio de material educativo de xeito altruísta, polo que soportamos as actividades realizadas con programas como JClic ou Ardora, que permiten un uso flexible do material realizado con eles, para colgalo nas nosas webs e para redistribuílo.
6- Que ferramentas de autor teñen soporte no portal de contidos?
Polo de agora JClic e Ardora, pero daremos soporte a mais ferramentas de autor se a comunidade educativa esá interesada.
7- Podo usar outras ferramentas de autor?
Por suposto, pero sexa consciente de que uso pode facer do material que elabore con elas. Para intercambiar material con otros profesores terá que usar unha ferramenta amplamente difundida, pois, do contrario, ninguén poderá usar e modificar os seus traballos.
8- Como podo examinar unha actividade colgada no Obradoiro de Recursos?
Simplemente premendo co rato no nome poderá acceder ás actividades feitas en JClic ou Ardora e ver se se adecúan ao que busca.
9- Como podo editala ao meu gusto, ampliala ou traducila?
Pulsando na ligazón inferior poderá descargar o ficheiro da actividade ao seu ordenador e, se ten a ferramenta de autor instalada, abrilo e editalo.
10 - Como podo contribuír coas miñas actividades?
Se ten actividades feitas en JClic, Ardora ou outra ferramenta que permita a libre difusión do material feito por vostede, pódenolas enviar a contidos@edu.xunta.es e, tras ser revisada polo equipo de Contidos, poñerémola a disposición da comunidade educativa na sección correspondente. |