Os celtas en Galicia |
|
Celtas si ou celtas non, non nos toca a nós resolver ese dilema. Unicamente sinalar que temos un problema de momento sen solución. ¿Cal destas opcións coller?: a) Aquí todos somos descendentes de celtas, tal e como se aventurou no século XIX, co primeiro pulo da historiografía galega, condicionada polo afán de diferencialismo. b) Aquí o único celta é o Real Club Celta de Vigo. A favor e en contra hai bos argumentos; pero resumindo dicir que: tendo elementos materiais da cultura centroeuropea celta, como poden ser por exemplo os torques, faltan outros tan significativos coma o costume de incinerar e enterrar as cinzas en campos de furnas. Temos fontes históricas que citan entre os nomes dos pobos que habitaban Galicia un denominado céltico. Os romanos coñecían ben ós celtas e coñecían ós celtíberos (celtas culturizados pola cultura Ibera), polo que é normal que non se fosen equivocar sobre ese punto. Isto con todo debe aceptarse con precaución, pois non sabemos ata que punto son fiables esas fontes. Por outro lado a masiva presencia de restos lingüísticos que sobreviviron ó latín, fannos pensar nunha presencia de linguas non indoeuropeas, xunto con outras indoeuropeas, de diversa procedencia e cronoloxía. Quizáis esa diversidade poida ser explicada non tanto pola chegada de pequenas camadas de pobos ilirios, umbros ou ligures, como pola contaminación dun pobo, xa indoeuropeo, que no seu avance vai arrastrando léxico das distintas zonas polas que pasa, tal e como sucedeu en época histórica cos dialectos dos ciganos europeos. Tampouco debemos esquecer as evidentes mostras de contacto co mundo mediterráneo, por exemplo visible en ídolos coma o de Dombate ou na técnica do granulado dos nosos artesáns ourives. Todo isto leva á maioría dos autores a buscar unha solución intermedia que explique a confluencia de elementos de dous mundos distintos: o centroeuropeo e o mediterráneo. Con todo quedaría aberto o asunto de delimitar a importancia e o que corresponde a cada unha destas dúas innegables pegadas no mundo castrexo e como foi a súa relación: de convivencia ou de fusión nun mesmo crisol máis ou menos homoxéneo. Máis problemas: a cronoloxía. Aventúrase unha época de chegada á Península Ibérica, o século VIII a. de C. ¿por que? por que temos palabras con correspondencias léxico-semánticas, noutras linguas celtas, como son PÁRAMO (topónimo Paramos) ou PALA (cova ou oquedade escavada polo río nas rochas). As linguas celtas caracterízanse pola perda dese P inicial. Logo a idea sería: chegan os primeiros celtas, antes da época na que supostamente se produza ese fenómeno no resto de Europa, e como son grupos pequenos, quedan aillados da evolución maioritaria, e por iso mostran elementos arcaizantes. Posteriormente volvería aparecer sobre a Península grupos significativamente máis importantes, no século VI a.C., que serán os que constitúan o aporte maioritario de poboación centroeuropea. |
|
Labra con decoración en relevo. Museo do Tegra |
| Deixando ben claro que o celtismo como única explicación a este problema resulta anacrónico, temos no museo do Tegra varias pezas moi interesantes nesta polémica: un ou dous torques (se se considera ou non, que un deles sexa remate de espada ou de torque), pezas masculinas de indubidable raíz indoeuropea; tamén labras labirínticas coincidentes coas celtas; outras labras con formas serpentiformes, demasiado facilmente relacionables cos celtas ou saefes (palabra que significa precisamente serpe); pero que, en fin, aí están. |
Remate de torque. Museo do Tegra |
| O Baixo Miño ten que ser interpretado como parte dun conxunto maior, que engloba Portugal e parte do norte peninsular, pois os datos tirados exclusivamente de aquí serán por forza fragmentarios; pero iso non nos impide reflexionar sobre a súa realidade. O que está claro é que non escapamos dun problema, no que as dúbidas son máis abundantes cás certezas, nada se pode dar como seguro. Outro exemplo: collamos dous topónimos: o da praia fluvial da Armona en Camposancos, forma relacionada coa raíz, non indoeuropea, AR-, que indica presencia de auga. Como tamén temos o monte da Groba, neste caso relacionada coa raíz indoeuropea ou celta se se quere, GROBS-, que indica lugar alto, refuxio. E como ambas palabras hoxe en día non teñen significado na nosa lingua, temos que deducir que alguén que as usaba na súa correspondente lingua, denominou estes topónimos dun xeito descriptivo, e así é como quedaron, ata hoxe, cando xa o seu significado semántico orixinal está perdido. Consecuencia aquí tivemos celtas, xunto ou despois de xentes non indoeuropeas e por iso temos eses dous topónimos que perviviron cando xa ambos pobos foron romanizados. ¿Si? ¿quen nos garante que, por exemplo, esas palabras non entraron na lingua dun terceiro pobo, que as incorporou á súa lingua antes de que ambas caesen en desuso. O punto fraco da teoría celtista é falta de enterramentos en campos de furnas, ademais doutras manifestacións culturais asociadas. |
| E, por último, un enterramento nunha ola de barro. Sendo tan significativa esta peza, non deixa de ser un algo anecdótico, pois poderíanselle buscar moitas explicacións ó tratarse dunha única peza, aillada. En contra tamén temos argumentación, como é o feito de que o espectacular granulado do remate de ouro da peza do museo (técnica moi usada en arracadas e outras xoias castrexas) ten moito máis que ver coa orfebrería mediterránea que coa centroeuropea. Contacto este facilmente explicable, pois os fenicios chegaron a ter unha factoría cerca de Lisboa e sabemos que os cartaxineses chegaron navegando ata as illas británicas (viaxe de Himilcón no 450 a.c.). |
|
|
De feito teñen aparecido unhas vinte áncoras pétreas de tipo fenicio nas rías galegas e xustamente en 1997 un dos colaboradores deste traballo atopou unha máis, na liña de costa A Guarda-Baiona, co que se confirma que estes barcos recalaban con certa frecuencia en puntos da nosa costa. Polo que as conclusións non difiren do que se dixo ut supra, con carácter xeral e non podemos máis que ir catalogando cada elemento, en espera dunha definitiva valoración completa do conxunto do problema. |
|
Alimentación - Bibliografía - Os celtas - Comercio - Cultura castrexa - Contexto portugués - Cultos - Guía didáctica - Ligazóns - Localización - Museo - Nós - Ornamentos - Poboado - Sociedade - Urbanismo - Vivendas |