Comercio

 

Importancia Períodos Productos

 

Importancia e primeiros intercambios

 

Un dos tópicos que parece derrubarse é o da Galicia aillada, sen contactos; e o da actividade comercial como algo tipicamente mediterráneo ¡pero se nas navegacións antigas o comercio dos metais co mundo atlántico era unha actividade fundamental! Por outro lado, se fenicios e romanos se "deixaban caer por aquí" con tanta frecuencia, algo sacarían os nativos. Onte coma hoxe o comercio a longa escala é outra das actividades económicas de importancia. 

Os primeiros comerciantes que chegan a estas costas no s.VI a. C., serían xentes do Sur da Península, quizáis con elementos púnicos; pero serán navegantes da colonia de Gadir os que manterán o monopolio da ruta comercial atlántica ata a conquista romana.

En xeral, as grandes transaccións en volume e distancia -interprovinciais ou interrexionais- axustaranse a esquemas de mercado, no sentido de que se axustan uns prezos ós productos que uns e outros producen. 

 

O comercio interior é pouco activo dada a tendencia ó autoabastecemento, o que non quita para que os excedentes, sobre todo agropecuarios, puidesen comercializarse a nivel local ou comarcal. Por outra banda, produccións locais de manufacturas que requiren materias primas escasas ou inexistentes na zona fan posible pensar na existencia de circuítos específicos de intercambio para estes productos. Tal é o caso de pedras idóneas para a fabricación de metais. 

 

Periodificación dos intercambios

 

Segundo Naveiro pódese establecer varias etapas periodificación  na que se diferencian  obxectos, suxeitos, modos e medios de intercambio:

Nunha fase prerromana, no s. II a. C. na que o comercio estaba baixo control púnico, os intercambios serán puntuais, con certa regularidade nas zonas costeiras máis accesibles e tramos inferiores dos ríos máis importantes. As vaixelas sinxelas e outros productos de luxo constitúen a maioría das importacións. 

Entre finais do s. II e primeira metade do s. I a. C.,coincidindo co control romano da costa lusitana e bracarense déixanse sentir os contactos romanos. Introducen productos coma o viño e os fluxos penetran máis no interior seguindo o curso dos ríos. 

 

Trala conquista e ocupación romana (s. I a C. - s. I d.C) as áreas máis dinámicas que serven de apoio ó exército de ocupación, intégranse á cultura do dominador e desenvolvese grandes poboados indíxenas. Establécense estructuras administrativas, os primeiros tramos viarios e fundacións urbanas.  Coa Pax Romana alcánzase o máximo desenvolvemento do comercio marítimo a longa distancia. Seguen destacando as importacións de viño e a introducción da moeda.

caetra2.gif (4258 bytes)

Desde mediados do s. I d. C.a  mediados do s. III d. C. complétase a infraestructura viaria e portuaria, aumentan os núcleos urbanos e decae o comercio marítimo co Mediterráneo en favor das rutas atlánticas. Melloran as conexións coa Meseta e rexístrase un incremento da producción artesá.  

Nunha última etapa entre mediados do s. III d.C.e o s. V d C consolídadese o desenvolvemento interno iniciado na etapa anterior.  O Noroeste sofre unha rápida romanización que atenúa a súa posición periférica con respecto a Península ó deprazárense os centros económicos, coas sucesivas reformas administrativas do Baixo Imperio, que os descentralizan. O mundo rural adquire maior importancia, dentro dunha civilización eminentemente urbana, ante a perda de poder decisorio dos centros urbanos. As villae alcanzan o seu máximo desenvolvemento e os seus propietarios monopolizan un comercio reducido de productos de luxo a longa distancia. 

 

Productos de importación

 

 Ánforas
anfora.jpg (9895 bytes)

Ánfora. Museo do Tegra

A partir do s. I a. C. hai unha crecente importación de ánforas de procedencia itálica e sobre todo, bética. A forma que adoptan está condicionada polos productos que transportan: viño, salgazón, aceite, salga -prebe denominado garun-, e gran. Diferéncianse tres grupos:

As Dressel, de producción itálica en época de Augusto. Son pezas voluminosas de panza decrecente para á base e boca estreita; reservadas para o transporte de viño

  As Beltrán de forma ovoide adicadas ó salgazón e de orixe bética, cunha cronoloxía entre os séculos I e II d. C.  A asa acostuma a presentar unha acanaladura.

  As Tripolitanas de orixe africana para o transporte de aceite e olivas. Pertencen ós séculos III e IV d.C.

 

 Vidro
A súa fabricación supón uns coñecementos técnicos alonxados durante tempo da artesanía autóctona, polo que ha de supoñerse que os máis antigos sexan de importación. Na época tardía cabe sen embargo unha fabricación propia. Cuncas polícromas de vidro mosaico do tipo millefiori, cuncas de vidro incoloro ou verdoso, botellas cuadrangulares, ungüentarios (aínda que escasos) e copas ou vasos cónicos e cuncas hemiesféricas que aparecen formando parte de enxovais funerarios son as pezas máis típicas.

Restos de cristal

Restos de obxectos de vidro. Museo do Tegra

 

 

   Alimentación  -  Bibliografía  -  Os celtas   -  Comercio  -  Cultura castrexa   -  Contexto portuguésCultos  -  Guía didáctica  -  Ligazóns -  Localización - Museo  -  Nós  - Ornamentos - Poboado  -  Sociedade  -  Urbanismo  - Vivendas