A relixión no mundo castrexo.

 

O panteón castrexo Culto no Tegra Culto no entorno

 

O panteón castrexo

 

Cando Estrabón afirma que os galaicos eran ateos, debemos entender ou ben un intento de enfatiza-lo seu barbarismo, ou simplemente que os seus deuses non eran os romanos. Esa escasez de referencias non nos deben facer caer na tentación de apropiarnos de manifestación relixiosas alleas, como por exemplo estender a presencia de castas de sacerdotes druídas, cando os indicios da súa presencia en Galicia son discutibles, escasos ou indirectos (un exemplo moi interesante é a interpretación que fai Blanca García Fernádez-Albalat da diadema de Ribadeo, na que aparecen persoeiros portando caldeiros, elemento caracteístico dos cultos celtas). Actualmante dispoñemos dun rico panteón de deuses a través dos estudios epigráficos; pero case nada se sabe dos seus cultos.Quizáis a fonte máis valiosa e tamén a máis insegura é a procura das manifestacións culturais que perviviron baixo capa romana primeiro, e cristiá despois.

Fálase de pobos de relixións animistas, que dan culto ás forzas da natureza; pero as referencias que nos quedan, permítennos asegurar que aparentemente estes pobos eran politeístas cun panteón amplísimo. Algúns dos seus nomes estaban asociados a zonas como castros ou vilas; outros aparecen asociados a deuses romanos ou aparecen, dun xeito indirecto, delatados nun topónimo ou nun hidrónimo. Tampouco adoitan aparecer nin esculturas, nin pinturas deses deuses, agás algunhas poucas excepcións, basicamente pezas referidas xa a deuses romanos.

O culto ó Deus que se relaciona coas montañas vai ser moi abundante. Para el temos un nome LAROCO; pero sobre todo descubrimos un sincretismo dos nomes co Xúpiter romano. Do mesmo xeito que os romanos asociaron ó seu Xúpiter co Zeus grego, atopamos un JOVI: LADICO, CANDAMIO, CANDIEDONI. Mesmo semella esta unha das rexións peninsulares onde aparecen maior número de aras adicadas a JOVI OPTIMO MAXIMO.

Marte ten o seu correlato en COSO, que aparece en puntos repartidos por toda a GALLAECIA; pero tamén aparece o sincretismo co deus romano.

Outro grupo importante de manifestacións están relacionadas co culto ós mortos, que poderían ter continuación nas lendas actuais do mundo de ultratumba, como sería o caso da Santa Compaña. Referidas a eles son frecuentes, sobre todo en Lugo, as formulas D.M.S. (Diis Manibus Sacrum) sobre tampas sepulcrais. Tamén os protectores dos camiños os VIALES, e os LARES, asociados á protección dos castros, dos que temos bastantes referencias.

Divindades fluviais ou que dan nome a fontes e cursos de auga, aparecen en numerosas lápidas, asociadas ás ninfas romanas, con apelativo indíxena, como en Chaves, Cacabelos, Caldas de Reis... DURIO aparece cerca de Porto, NAVIA en Asturias e Castro Caldelas; NAVEA en Trives. Referido ás forestas estaría LUCUS, tamén CHANAS e CHAS, (Diana?).

Por último, atopamos nomes difíciles de clasificar coma: BANDUA (aparece en numerosos lugares), BRICO, VEROE, AERNO, etc.

 

O culto no Tegra

 

Partindo das referencias clásicas, Décimo Xuño Bruto teme que cometese un sacrilexio e decide volver sobre os seus pasos, cando contempla horrorizado, desde algún lugar alto ó sol meténdose no Océano. De aí, a situar ese lugar no alto do monte Tegra, un recoñecido lugar de culto, vai un abismo. Con todo, non debemos esquencer que no Tegra aparecen varias moedas republicanas, ¿traídas posteriormente?, é posible; pero tampouco sería estrano que o Tegra fose xa visitado en tempos de Bruto por ser un lugar sagrado e mesmo poida que fose retido en poder dos romanos, dado o seu valor estratéxico. A favor disto están varias aras atopadas durante as escavacións do monte, capiteis e columnas romanas, que no alto dun monte, máis pertencería a un templo cá unha villae romana.

 

No Museo móstranse figuras antropomórficas de pouco clara finalidade, quizais ídolos curativos. Pero sen dúbida a peza máis importante era o Hércules de bronce (peza de 18 cm. roubada hai uns anos) que é o mellor exemplo de escultura de culto da época galaico romana. Tamén se conserva un pequeno pé de bronce (2'8 cms) que nos testemuña sobre a existencia doutra peza, que non chegou a aparecer durante as escavacións.

Labras . Conscientemente deixamos para o final os restos máis antigos. Temos no museo pezas singulares como son as labras serpentiformes (frecuentemente citadas nas discusións sobre os celtas, saefes ou homes serpes dos romanos) e as labras zoomorfas de orixe castrexa

Ídolo. Museo do Tegra

 

No exterior aparecen tamén petroglifos sobre os que se teñen feito moitas conxecturas (que se representan o sol e a lúa etc.) Sen entrar a valoralas, é evidente que non é casual a súa presencia neste lugar, polo que debemos pensar na presencia de ritos asociados a esas pezas.

Aceptado o Tegra como lugar de culto, vemos que tradicionalmente ese culto vincúlase ó sol e ó mar. Sen embargo ¿por qué non podería ser tamén o río a forza da natureza á que se lle rendese culto? Se así fose, coincidiría con algúns achados do entorno.

 

O culto no entorno do Baixo Miño

 

Petroglifos. Aparecen na zona restos de mámoas e petroglifos abundantes (cerca, en Tomiño aparecen no monte Tetón as labras con motivos circulares máis importantes, en número e tamaño, de Galicia). Ata aquí nada distinto en esencia do resto de Galicia e pouco podemos aportar ó que tanto se ten escrito sobre estas manifestacións culturais; pero debemos sinalar unha peza case única en Goián (concello de Tomiño): un altar escavado na rocha, pensamos que aínda sen catalogar.

Ara prerromana - Goián

Ara de sacrificio. Nun outeiro, dez quilómetros río arriba, rodeado polo río e onde son abundantes as aparicións de pezas líticas, aparece un ara de sacrificio prerromana, esculpida sobre un penedo. Unicamente está catalogada outra igual nas illas Cíes; pero no caso da ara goianesa, denominada popularmente a Espada do Mouro, a perfección da súa feitura e localización non deixa dúbidas sobre a súa utilización. 

 

Consta de dúas fendas regulares, entre as cales se pode colocar unha pequena víctima: año, ave etc. o sangue escoaría entre elas para a parte frontal, vencendo a basculación contraria do penedo mediante a profundización progresiva na rocha das fendas, para depositarse nun pequeno depósito ou cubeta, furado na mesma rocha. Por último dispón dun pequeno bico, que tería a función de baleira-lo contido do depósito.

 

Capela da magalena - Eiras A risco de "esvarar" imos unir cabos. Temos dous lugares de culto asegurados: no Tegra e en Goián. Ambos teñen ó pé o río Miño. No caso do Tegra tamén o mar, motivo polo que acapara maior importancia, comprobado non só polos achados puramente arqueolóxicos, senón tamén porque sofre un intensísimo proceso de cristianización. Parece evidente que na zona debeu existir un culto moi estendido a un deus fluvial, quizáis coincidente co propio nome do río na zona en tempos romanos, BAINIS. Desde logo a raíz da palabra fai referencia a unha forma prerromana relacionada coa auga. Aínda que non deixen de ser hipóteses, ¿podería haber máis destes lugares? Buscando lugares sagrados debemos atopar lugares onde pervivan uns certos ritos a través do culto cristián e que ademais coincidan coas características físicas dos de Goián e o Tegra, montes ou outeiros sobre o río Miño, a ser posible asociados a outros restos arqueolóxicos. Atopamos varios lugares de interese: temos un outeiro intermedio en Eiras (concello do Rosal), que ten erguido no cumio unha capela erguida sobre rochas, adicada á Magdalena, de forte devoción na zona; cerca da ermida atopamos un penedo con cazoletas esculpidas e mesturadas con cruces. O que puido haber nas rochas do cumio, actualmente baixo a capela, será xa sempre un misterio. 

 

Monte Aloia e outro lugares de interese. Seguindo río arriba chegamos a Tui e a Caldelas de Tui. No monte Aloia aparecen restos de tégula romana e grandes aparellos castrexos de tipo defensivo. Tamén se trata dun monte elevado sobre o río e cunha ermida santificándoo, á que ata hai pouco se subía en romaría os sete quilómetros que a separan da vila. En Caldelas aparecen cazoletas noutro outeiro sobre o río, neste caso descoñecemos se están asociadas a outros achados, ademais tampouco sufriron o proceso de cristianización, probablemente por pasaren desapercibidas. E por último, cerca de Arbo en Rebordechán, aparece unha capela aillada das casas cercanas, nun outeiro penedoso sobre o río, que responde á mesma tipoloxía dos lugares anteriores.

 

Os datos por nós coñecidos son eses. Tampouco fixemos unha exploración sistemática entorno do río, sobre todo no lado portugués e faltarían escavacións neses lugares, polo que a curto e medio prazo non podemos pensar máis que en aventurar teorías. As conclusións non son moi seguras polo que é preferible deixalas abertas á interpretación de cada un.

 

 

   Alimentación  -  Bibliografía  -  Os celtas   -  Comercio  -  Cultura castrexa   -  Contexto portuguésCultos  -  Guía didáctica  -  Ligazóns -  Localización - Museo  -  Nós  - Ornamentos - Poboado  -  Sociedade  -  Urbanismo  - Vivendas