O poboado do Tegra |
| Os restos arqueolóxicos do poboado foron descubertos en 1913 cando se realizaba a pista de acceso ó monte. Antes desa data xa se desconfiaba da existencia na zona dun asentamento antigo, tal e como quedou de manifesto ó atoparse na zona diversas pezas de cerámica e bronce, achados que foron publicados no diario pontevedrés El Ancora (ano l900). |
|
| Desde un primeiro momento será a Sociedade Pro Monte a que se fará cargo das primeiras escavacións. Os trámites para conseguir os permisos pertinentes correrán a cargo do pintor guardés, residente na capital, D. Manuel Álvarez Blázquez. A Junta Superior de Excavaciones y Antigüedades concederá o citado permiso o 26 de febreiro de 1913. Finalmente, é importante sinalar que a nivel popular xa se tiña coñecemento de tales restos, chamándoas casiñas dos mouros, costume este moi espallado por toda Galicia á hora de referirse ós restos prehistóricos, e máis concretamente ós períodos megalítico e castrexo. |
|
As áreas escavadas son catro e reciben as seguintes denominacións: Poboado de Calvo, na zona próxima á casa forestal, que xa era coñecida antigamente como Campo Redondo e está situada na zona norte (zona consolidada do poboado); o poboado de Mergelina, na zona media e vertente leste; a zona da Porta Sur, próxima ó cuncheiro e, finalmente, a zona que bordea a Casa Forestal que é a zona máis elevada ata agora escavada, a excepción do grupo de vivendas situadas nas proximidades do Museo. Estas catro zonas escavadas son froito duna serie de campañas que a continuación se detallan: É importante tamén sinalar que foi durante este período, concretamente o 4 de xuño de 1931, cando o conxunto é declarado Monumento Histórico Artístico, declaración que tamén recibiron outros monumentos da comarca, tal é o caso da catedral de Tui, o mosteiro de Sta. María de Oia e a igrexa de Sto. Domingo de Tui. Os labores de escavación quedan detidas ata o ano 1952 no que se reinician as mesmas de forma un tanto esporádica en función dos recursos dispoñibles. Froito desta última campaña foi a necesidade de proceder a consolidar e restaurar os restos deste sector do poboado, traballos que estiveron baixo a dirección de Dona Montserrat García Lastra Merino e que comezaron no 1986 utilizando unha técnica de restauración que, consolidando as estructuras orixinais, marcaban mediante placas de cerámica refractaria, a diferencia entre aquelas e as reconstruídas. Igualmente, procurouse manter a fidelidade na reconstrucción do aparello e na utilización de materiais que non distorsionasen o aspecto orixinal das construccións e para conseguilo utilizouse unha mestura de xabre, cemento e cal.
|
|
Ó igual que a súa cronoloxía, o poboado non tivo unha denominación definitiva: citania, poboado castrexo, poboado galaico-romano, son algúns dos nomes cos que indistintamente se coñece o poboado. Os mesmos carteis que anuncian a súa presencia son unha boa proba disto. Nas liñas seguintes ofrécese unha pequena explicación sobre estas denominacións: Hoxe téndese a restar importancia ó carácter belicoso desta sociedade. Numerosos testemuños de autores clásicos, os mesmos restos arqueolóxicos, a epigrafía e mesmo apreciacións como as dalgúns historiadores contemporáneos como J. Bermejo Barrera; sinalan todo o contrario. No primeiro dos casos non debemos esquecer as numerosas afirmacións que aluden á belicosidade, dificultade de sometemento, e mesmo a práctica habitual da pillaxe entre estes pobos. Autores clásicos como Estrabón ou Apiano poden servir de exemplo do anteriormente sinalado. No referente ós restos arqueolóxicos non debemos esquecer que é precisamente unha das mostras da plástica castrexa a que mellor exemplifica esta actividade, estámonos a referir, como é obvio, ós denominados guerreiros castrexos. É interesante sinalar que algúns historiadores actuais como Francisco Calo, interpretan estas representacións de guerreiros como posibles representacións de persoeiros de pobos colaboracionistas de Roma, os cales medran en prestixio e autoridade co apoio do ocupante. Estas representacións terían polo tanto un valor propagandístico. As fontes epigráficas tamén inciden no mesmo, as numerosas alusións no panteón castrexo á deuses relacionados coa guerra como Cosus, Bandua e á divinidades tales como Navia ou Reva. Estamos a falar novamente da importancia desta actividade. Por último é necesario ter en conta apreciacións como as que fan algúns historiadores contemporáneos sobre as características da actividade bélica na antigüidade. Seguindo a Bermejo Barrera,. a actividade guerreira dos castrexos non se diferenciaba demasiado da practicada por outros pobos na antigüidade: celtas, xermanos, gregos antigos. Segundo este autor cada época tivo o seu propio tipo de guerra en función dos obxectivos estratéxicos, forma de combate, etc. Neses momentos e nesas sociedades o que se pretendía non era a ocupación permanente do territorio, polo contrario, os golpes de man sobre poboacións veciñas en procura de botín (bens de fácil transporte como gando, bens mobles, incluso mulleres) serían as formas máis comúns que presentaría esa actividade guerreira. Isto é facilmente comprensible se partimos da precariedade e os escasos excedentes que as actividades económicas normais xeraban nesta sociedade. Para este tipo de guerra, e ante o reducido número de participantes nestas partidas de pillaxe, non era preciso a construcción de grandes obras defensivas, os parapetos, fosos, e os muros ou cercas dos castros serían suficientes para oporse con efectividade a estes golpes de man.
A segunda consideración a ter en conta é a información que sobre o particular nos proporciona o rexistro arqueolóxico, do mesmo dedúcese que este poboado coñeceu unha única fase de ocupación, deducible pola inexistencia de estructuras arquitectónicas sobrepostas. A esta fase pertencen a maior parte dos obxectos atopados e expostos no museo, que se poden agrupar en materiais autóctonos e en materiais de clara procedencia romana como ánforas, cerámica fina de mesa (campaniense, sigillata...), cerámica común, lucernas, vidro, útiles, obxectos de adorno, moedas...Estes materiais son precisamente os que permiten datar este poboado no século I a.C., coincidindo co reinado de Augusto, quer dicir, no momento inmediatamente posterior ó sometemento do Noroeste no fin das Guerras Cántabras. O abandono do mesmo será xa no século I d.C. aínda que nos períodos de inseguridade puido volver ser reocupado, dado o seu claro valor estratéxico. Atendendo pois a estes datos, a denominación que máis se aproxima a realidade do poboado sería a de poboado galaico-romano. |
|
É este un aspecto moi controvertido do poboado. Nas campañas de l983-l985 plantexouse como un dos obxectivos o responder a esta cuestión e do resultado das mesmas despréndese o seguinte: |
|
Alimentación - Bibliografía - Os celtas - Comercio - Cultura castrexa - Contexto portugués - Cultos - Guía didáctica - Ligazóns - Localización - Museo - Nós - Ornamentos - Poboado - Sociedade - Urbanismo - Vivendas |