O urbanismo 

 

Organización urbana Disposición vivendas Elementos defensivos

 

Organización urbana

 

Tradicionalmente interpretouse que os castros carecían dun plano urbano, que eran un simple conglomerado de vivendas sen ningún tipo de organización. Evidentemente esta visión é a que se acomoda a unha interpretación restrictiva do concepto urbano, a que unicamente interpreta o urbanismo como un elemento fundamentalmente morfolóxico, de ordenación dun espacio, tal e como o concibían gregos e romanos. Se transcendemos esa visión e entendemos o urbanismo como unha resposta dun determinado grupo humano a unhas necesidades específicas (defensivas, estratéxicas, económicas, relixiosas...) e de adaptación a uns condicionantes físicos impostos pola elección do emprazamento, podemos entonces falar dun urbanismo castrexo propiamente dito, o mesmo que hoxe nos amosa calquera aldea galega. No caso deste lugar podemos falar dos seguintes elementos:

 

Plano do castro

Plano xeral do poboado

 

 Disposición das vivendas 

 

 Disposición das casas

Adaptándose á topografía do terreo, as casas dispóñense en bancais ou terrazas comunicados entre si por unha serie de escaleiras e ramplas que farían máis doada a comunicación entre os diferentes sectores do poboado. A disposición das vivendas é outro dos elementos máis característicos deste tipo de urbanismo e que podemos concretar na inexistencia de muros medianeiros e na agrupación en barrios de dúas ou tres vivendas, cos seus respectivos almacéns, que se abren a un patio común. 

Cabanas

Vista parcial do poboado. Elaboración propia

O que as casas non compartan muros nun espacio tan reducido pode obedecer a múltiples causas; pero quizáis as máis importantes poidan ser as que se derivan do propio tipo de planta, polo feito de seren construccións circulares fundamentalmente. Outra posibilidade é a de que facilitar a evacuación das augas pluviais evitando con iso a acumulación das mesmas, que sería especialmente  perigoso debido a topografía do lugar.

 

 Sistema vial
O sistema vial podemos concretalo na existencia do xa citado camiño de ronda e  dunha  serie de pasaxes que nacen a partir do mesmo e que compartimentan o poboado. Estes pasaxes teñen unha anchura media duns 180 centímetros e no seu desenvolvemento presentan, por veces, reforzos con muros laterais e mesmo rebaixas na rocha. A partir destes pasaxes nacen outros secundarios que levan directamente ós grupos de vivendas e que non teñen saída. Este sistema vial case labiríntico, era característico entre os denominados pobos bárbaros, facilitando tamén a defensa interior no caso de asalto. Resaltar o feito de que moitas destas pasaxes e mesmo o patio dalgunhas vivendas estivesen lousados. 

 

 Sistemas de drenaxe e de almacenamento da auga
A topografía do poboado fixo preciso que os seus habitantes deseñasen un sistema que permitise a rápida evacuación das augas pluviais e residuais. Estes sistemas, facilmente observables na parte consolidada do poboado, están formados polos seguintes elementos:

      Canles: o seu trazado e facilmente  visible entre as construccións. Poden estar feitos directamente sobre a rocha natural ou incluso seguir un trazado subterráneo baixo os lousados dos corredores e mesmo baixo as propias vivendas.

      Canelóns ou gárgolas: nas zonas nas que os canais verten nunha terraza situada a un nivel inferior aparecen os canelóns ou gárgolas que facilitan a operación de evacuar as augas procedentes das terrazas superiores.

      Sistemas de almacenamento da auga: ó longo do poboado podemos observar alxibes que servirían para almacenar as augas pluviais, estes alxibes tiñan as paredes revocadas ou lucidas cunha pasta compacta que reforzaba a impermeabilidade dos mesmos. Loxicamente este non era o único subministro de auga que tiña o poboado, nas proximidades existían manantiais como a denominada Fonte do Ermitán, dos Paxaros... que fornecían de auga ós habitantes do poboado. 

 

Elementos defensivos

 

Valos, foxos, terrapléns e murallas adoitan circundar estes poboados. No poboado do Tegra  podemos diferenciar perfectamente estas últimas no denominado Sector  Norte ou poboado de Calvo I. A muralla contaría con dúas portas de acceso: 

 

  Porta Norte, á beira da estrada actual, pouco antes de chegar ás vivendas reconstruídas. Consta dunhas escaleiras monumentais bordeadas por muros. Á entrada existe unha dependencia considerada como corpo de garda. A súa anchura é duns dous metros e posiblemente estivese adintelada.

 

Muralla

Porta Norte. Elaboración propia

 

  Porta Sur que se atopa na  ladeira do monte que mira ó Miño. Está formada por un entrante empedrado, tamén duns dous metros de ancho, entre dous tramos paralelos da muralla. Na parte interna da muralla, pódese apreciar perfectamente un camiño de ronda que indudablemente tería a función de facilitar o percorrido da mesma.

É importante sinalar que o escaso grosor da mesma (de 1 a 1,70 mts), a propia cronoloxía do poboado e a existencia de construccións extramuros do poboado (por ex. Pico San Francisco) fan dubidar do seu carácter estrictamente defensivo. A existencia da mesma interprétase como a dun cerco que delimita un espacio, ó igual que podería ocorrer coas murallas de época medieval que permiten un control do que entra e do que sae do recinto.

Escaleira

Porta Sur. Elaboración propia

 

 

  Alimentación  -  Bibliografía  -  Os celtas   -  Comercio  -  Cultura castrexa   -  Contexto portuguésCultos  -  Guía didáctica  -  Ligazóns -  Localización - Museo  -  Nós  - Ornamentos - Poboado  -  Sociedade  -  Urbanismo  - Vivendas