Acto de presentación e sinatura do Acordo Interinstitucional para a posta en marcha do Plan Integral para a Mellora da Convivencia Escolar en Galicia.
O plan, que incide basicamente na prevención, terá unha vixencia de tres anos e as actuacións que recolle comezarán a poñerse en marcha no vindeiro curso, de tal xeito que todos os centros educativos contarán cun plan de convivencia singular e propio
Creación do Observatorio Galego da Convivencia
Unha das novidades máis salientables do Plan Integral para a Mellora da Convivencia é a creación do Observatorio Galego da Convivencia Escolar, un órgano colexiado de carácter consultivo que dará apoio a toda a comunidade educativa, avaliando a situación de convivencia nos centros, establecendo estratexias para a recollida de información e a investigación. Este observatorio tamén promoverá iniciativas de cara a mellorar o clima escolar ao tempo que elaborará un informe anual sobre a materia.
Publicacións
No acto tamén se presentaron as publicacións Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar en Galicia e Plan de Convivencia do Centro. A primeira recolle a filosofía do Plan e as 12 medidas que engloba, prazos de execución, responsables e procedemento para a súa posta en marcha, así como bibliografía sobre convivencia e enderezos web. Neste sentido, a partir do curso 2007/08, tal e como marca a Lei Orgánica de Educación (LOE), todos os centros educativos deberán elaborar o seu Plan de Convivencia, polo que se proporcionará aos centros unha publicación que conteña orientacións, modelos de documentación e protocolos de actuación.
|