O traballo con proxectos na biblioteca do CEIP Porto Cabeiro

A nosa biblioteca, estes últimos anos, ten abordado diferentes temas: Os contos, O mar e a Ría de Vigo, O corpo humano, Tralas pegadas do home na historia, As pegadas artísticas da humanidade, Unha viaxe polo mundo, e, neste curso, O espazo. Estes temas constitúen centros de interese arredor dos que se organizan todas as actividades e coas que se contribúe á mellora das competencias e á dinamización cultural do centro.

María José González Domínguez
Mestra de primaria - Responsable da biblioteca
gonzalezdominguez@edu.xunta.es

Quen somos

Porto Cabeiro é un centro de ensino público de infantil e primaria que acolle alumnado das parroquias redondelás de Cabeiro, Santo Estevo de Negros e Vilar de Infesta, polo que o noso ámbito de actuación forma parte da área metropolitana de Vigo. Neste curso 2016/17 funcionan tres aulas de infantil e seis de primaria, contamos con 18 mestres e a matrícula é de 159 alumnos. Este é o sexto ano que estamos integrados no PLAMBE. Asemade participamos na I e II Convocatoria de Traballos por Proxectos e fomos premiados en ambas as dúas edicións.

Repaso pola nosa historia

O noso colexio foi obxecto, de 2006 a 2008, dunha profunda reforma que afectou tamén á biblioteca, da que houbo que desaloxar os seus fondos, polo que estivo sen funcionar nese tempo. Unha vez que se remataron as obras, no curso 2008/09, fíxose patente a necesidade de acometer a súa reorganización para convertela nun verdadeiro centro de recursos e nun elemento dinamizador da actividade escolar. Por iso se recolleu, na programación xeral anual, a creación dun equipo de biblioteca.

Foi o inicio trepidante de moitas actuacións: expurgo, forrado, catalogación e informatización de fondos, segundo a CDU e co programa Meiga; reorganización do espazo, creando zonas de lectura, traballo e consulta, uso informático e audiovisual; rotulación de estantes e andeis e colocación de etiquetas brancas e gomets de cores nos libros para facilitar o acceso dos usuarios a estes; creación dunha sección para familias e ex-alumnado coa apertura para estes pola tarde; redacción de normas de uso e de préstamo da biblioteca e recomendacións lectoras para as familias; elaboración dun horario semanal de uso para as aulas, coa apertura diaria nos recreos para o préstamo, uso de ordenadores, escoitar música, ler; confección de carnés; deseño e mantemento do blog da biblioteca: Un libro, dous libros, tres… (www.bibliotecaportocabeiro.blogspot.com) e, dentro da páxina web, habilitación dunha sección para esta. Redactamos o Proxecto lector, decidimos participar no Plan de mellora de bibliotecas, o que nos permitiu dar un salto cualitativo, non só polas melloras conseguidas en mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais, fondos documentais… senón por ter o privilexio de formar parte dunha “rede” na que se poden compartir experiencias valiosas que enriquecen de gran maneira o quefacer educativo.

Biblioteca CEIP Porto Cabeiro

Obxectivos para contribuír á consecución das competencias

  • Usamos a biblioteca para a creación e consolidación de hábitos de lectura e de escritura mediante a selección de textos adecuados aos intereses e coñecementos do noso alumnado, contribuíndo á súa formación literaria. Facemos da biblioteca un lugar privilexiado de encontro cos libros e co resto da comunidade escolar.
  • Convertemos a biblioteca nun “espazo de gozo” para a realización de diferentes actividades na procura da promoción da lectura como fonte de aprendizaxe e información, como técnica instrumental para adquirir as competencias nas áreas do currículo e, tamén, como fonte de pracer.
  • Incentivamos a lectura como medio para a adquisición de actitudes e valores persoais, traballando textos seleccionados sobre “valores” e “atención á diversidade”.
  • Animamos o alumnado á produción propia de textos.
  • Axudamos o alumnado a manexar os diferentes soportes documentais para así fomentar a procura de información, necesaria para desenvolver diferentes proxectos guiados desde as aulas e desde a biblioteca.
  • Familiarizámonos coa organización dos fondos, sendo capaces de buscar e aproveitar a información dispoñible, de acordo coa idade do alumnado.
  • Empregamos a Guía de uso da biblioteca: formación de usuarios e educación documental, usándoa co noso alumnado.
  • A través dos recursos da biblioteca, propiciamos o afondamento no dominio das linguas en galego, castelán e inglés, favorecendo a aprendizaxe na área lingüística.
  • Apoiamos o alumnado con necesidades educativas específicas mediante a utilización de materiais subministrados desde a biblioteca.
  • Incrementamos o blog da biblioteca como espazo de información e difusión das nosas actividades e as doutros centros e como apoio ao currículo.
  • Aseguramos o acceso dos usuarios aos diferentes recursos mediante a organización de horarios e a apertura, polas tardes, ás familias, ás que pretendemos facer partícipes dos nosos obxectivos para relacionar lectura e vida cotiá.
  • Promovemos accións para a integración da cultura impresa e dixital, coa renovación de listaxes de fondos específicos para adultos; DVD, CD e vídeos; valores e atención á diversidade; materiais de apoio ao currículo; tamén divulgamos as revistas existentes.
  • Adquirimos hábitos relacionados co comportamento que se debe ter na biblioteca: coidamos os materiais e respectamos os outros lectores.
  • Asesoramos na selección dos libros que son máis adecuados para cada idade para a realización dos préstamos e para incorporar ás maletas e ás mochilas viaxeiras.
  • Utilizamos o Manual de colaboradores da biblioteca que usamos co alumnado voluntario de quinto e sexto de primaria.
  • Colaboramos con todos os equipos do centro na posta en práctica de proxectos e actividades do colexio.
  • Colaboramos coa Biblioteca Pública de Redondela e coordinámonos, para a realización de propostas, coas bibliotecas escolares doutros colexios do concello.
  • Contribuímos á visibilidade da biblioteca distribuíndo a súa Guía de uso entre a comunidade educativa, repartindo comunicacións mensuais entre as aulas, enviando ás casas comunicacións ás familias, organizando exposicións, visitas, charlas, as mochilas e maletas viaxeiras, confeccionando guías de lectura, editando materiais de elaboración propia…

Dinámica de funcionamento: deseño e desenvolvemento das actividades

Desde que pertencemos ao PLAMBE, unha vez publicada a convocatoria no DOG, o equipo da biblioteca debate sobre o tema sobre o que articular as diferentes experiencias, unha vez recollidas propostas dos ciclos. De haber consenso, a decisión é adoptada polo equipo e, se non é así, é o claustro quen decide. A partir dese intre, o profesorado pode suxerir actividades que son recollidas polo equipo para definir as directrices sobre as que se vai basear o proxecto do vindeiro curso, que é aprobado polo claustro e o consello escolar.

No deseño das actividades, xunto ás relacionadas especificamente coa temática elixida, sempre procuramos manter aquelas, plurianuais, que nos dan un sinal de identidade ao longo dos anos: A Hora de Ler; maratóns de lectura; exposicións de libros e elaboración de murais, que poden ser vistos pola comunidade educativa e cos que se visualiza a temática do proxecto; exposicións de materiais relacionados con efemérides significativas da biblioteca como a Semana da Literatura de Tradición Oral e Popular, o Día de Rosalía, o Día da Poesía, o Día do Libro…; exposición de pintura, con cadros reproducidos polo alumnado de artistas galegos que na súa obra reflicten aspectos do proxecto; exposición de reciclaxe, en colaboración coas familias, elaborando esculturas con materiais de refugallo vinculadas á temática anual; guía de lectura de Nadal con suxestións relacionadas co tema anual; encontros con escritores e contacontos; conferencias e charlas de expertos, coñecedores da temática anual; apadriñamentos lectores; mochilas viaxeiras para as casas e maletas viaxeiras para as aulas; concursos de debuxo, relatos, adiviñas… para atraer o alumnado; “tendais” coas poesías creadas polo alumnado e sempre relacionadas coa temática anual; Telling stories at the library: na biblioteca, mestras e maiores nárranlle en inglés ao alumnado historias, adaptadas á idade de cada curso; saída á Biblioteca Pública de Redondela co alumnado de sexto de primaria e outras visitas relacionadas co proxecto; guía de lectura do verán, elaborada entre todas as bibliotecas escolares de Redondela…

A mascota, Saínza, coas mochilas viaxeiras

Tamén comeza un intenso labor de coordinación cos outros equipos do colexio. Colaboramos con actividades extraescolares e normalización lingüística facendo selección de lecturas das efemérides escolares: Samaín, Magosto, Paz, Entroido, Letras Galegas… Co equipo TIC elaboramos cada ano unha presentación dixital polo Día da Muller Traballadora. A biblioteca subminístralles materiais ás seccións bilingües de quinto e sexto para que realicen actividades implicándose no proxecto do mesmo xeito que, empregando recursos Abalar, se levan a cabo investigacións na procura de información que se plasma en traballos escritos, carteis, gráficos…

A nosa biblioteca elaborou a Guía da biblioteca: educación documental que, ao longo destes anos, recomenda usar as titorías xa que nelas se recollen prácticas para identificar nun libro os datos máis salientables e aconsella como usar enciclopedias, dicionarios, atlas, biografías… Tamén recomenda usar Internet como fonte de información, usando buscadores como Google e navegación por páxinas web, tanto nas aulas como na biblioteca, na hora semanal de cada curso ou no recreo.

Sobre o proxecto potenciamos a realización de traballos de investigación para o que é preciso previamente procurar a información. Deste xeito traballamos a educación no acceso á información e o seu uso. Cada aula, desde infantil a primaria, estuda algún aspecto relacionado coa proposta temática que se fai desde a biblioteca escolar e a información recollida reelabórase para dala a coñecer en distintos formatos, en función das idades do alumnado: realízanse obradoiros; confecciónanse álbums de fichas, libros viaxeiros, murais, carteis ou traballos escritos que seguen as pautas que recolle para eles o noso proxecto lector… e, finalmente, preséntanse ao resto dos cursos.

Tralas pegadas do home na historia foi o tema do curso 2013/14 e o profesorado de infantil decidiu presentar as súas experiencias na I Convocatoria de Traballos por Proxectos, que mereceu un premio na modalidade de Proxectos de Investigación de Ciclo de temática xenérica. Foron moitas as actividades e os coñecementos e habilidades adquiridas sobre petróglifos, tallado da pedra, receitas prehistóricas, animais prehistóricos, pinturas das covas ou a maneira de vivir das persoas na prehistoria: http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=category/17/74

Pegadas artísticas da humanidade foi o tema do curso 2014/15 e o profesorado de infantil presentouse por segundo ano á II Convocatoria de Traballos por Proxectos, que mereceu de novo un premio na modalidade de Proxectos de Investigación de Ciclo de temática xenérica. Pegadas artísticas de Redondela achegouse a unha realidade cultural e artística moi próxima ao alumnado, como son festas e celebracións de Redondela: os Maios, a Coca, Danza das Espadas e Penlas… (http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=category/17/85).

Para promover o traballo de investigación en equipo no ámbito do centro, e baixo a dirección da biblioteca, propúxose a realización de cómics, caderniños de traballo, relatos informativos para kamishibai… para traballar os contidos dos proxectos e nos que participan todo o profesorado e alumnado. Edítanse e pasan a formar parte dos recursos da biblioteca, colócanse nun estante específico de materiais de elaboración propia, repártense exemplares entre as bibliotecas de aula para divulgar así o seu uso. Son subidos ao blog no que tamén son enlazadas diversas presentacións dixitais: http://bibliotecaportocabeiro.blogspot.com.es/

Para estimular a escrita creativa e mellorar a competencia lingüística, a biblioteca coordina a elaboración de traballos como, por exemplo, A mascota da biblioteca axuda a coidar o planeta, un conto colectivo que inventa a historia da nosa mascota; adiviñas, relatos, cantigas e refráns sobre o mar, Libro a Libro, letra a letra, un particular dicionario dos libros que máis nos gustaron; Relatos con arte, inventándolle historias aos personaxes de cadros pintados por artistas galegos… http://bibliotecaportocabeiro.blogspot.com.es/

Traballos impresos de elaboración propia

Momentos do desenvolvemento da proposta temática

Nestes anos mantivemos este esquema no seu desenvolvemento:

  • Momento da motivación: sempre introducimos, ao inicio de curso, a proposta temática cun mural de grandes dimensións colocado no recibidor do colexio, elaborado polo equipo de biblioteca con fotografías, láminas, mapas conceptuais… Preparamos unha exposición de libros, tanto de consulta como de literatura. Tamén subimos ao blog recursos da rede, con documentais, vídeos…
  • Momento de procura da información: na propia biblioteca, cos recursos materiais existentes ou na rede, con enlaces seleccionados e subidos a unha páxina específica do blog. Realizamos saídas e organizamos charlas e outras actividades no propio colexio.
  • Momento de selección da información: na Hora de Ler, nas horas de biblioteca de cada curso ou noutras sesións de clase analízase a información recompilada, sintetizándoa.
  • Momento de presentar a información reelaborada de forma orixinal: prodúcense textos propios de investigación ou de escrita creativa en forma de caderniños, kamishibais, libros viaxeiros, álbums de fichas, libros de relatos, contos colectivos…; confecciónase material diverso, como poden ser presentacións dixitais, traballos plásticos, maquetas, carteis, murais…
  • Momento da presentación do traballo elaborado: organízanse exposicións para que a comunidade educativa coñeza os traballos realizados. Fanse presentacións entre cursos e/ou ciclos para que o alumnado coñeza o traballo doutros compañeiros e aprenda del.

Presentación traballo investigación co kamishibai

Recursos

A biblioteca, para axudar o profesorado e o alumnado no traballo sobre os proxectos, merca e actualiza os fondos documentais, busca recursos dixitais subíndoos ao blog, elabora materiais moitos deles dixitais, organiza sesións de formación de usuarios entre alumnado e profesorado... Esta planificación anual proporcionáselle ao profesorado ao principio de curso para elaborar o Plan anual de lectura, incluído na PXA. Cremos que é necesario establecer unha canle de comunicación entre a biblioteca e as aulas polo que, mensualmente, aquela fai chegar unha circular informativa coas novas das súas actividades que se coloca nos taboleiros das clases e noutros lugares concorridos do colexio. A responsable da biblioteca forma parte da CCP.

Avaliación e conclusións

No momento de avaliar o proxecto desenvolvido, ademais de valorar os propios resultados e a súa implicación na mellora das distintas competencias, temos en conta a implicación e participación dos distintos estamentos do colexio nel, que ata agora nos parece moi satisfactoria e altamente positiva.

Coidamos que a biblioteca contribúe á adquisición das competencias xa que, na práctica cotiá da vida pedagóxica do centro, desempeña un papel importante ao facilitar toda a información e os materiais necesarios demandados desde os distintos cursos e ao promover actividades tendentes a potenciar:

  • A autonomía e iniciativa persoal, aprendendo a usar de xeito autónomo os fondos e recursos da biblioteca, tamén os dixitais subidos ao noso blog.
  • Aprender a aprender, practicando a localización e selección de información cara á realización dos proxectos propostos que supoñan analizar, comprender e reelaborar a información atopada empregando os máis variados recursos: materiais impresos diversos, recursos da rede, saídas, charlas…
  • A competencia dixital, usando de xeito pedagóxico Internet.
  • A competencia cultural e artística e coñecemento e interacción co medio físico, a través do desenvolvemento dos traballos relacionados co proxecto.
  • A competencia matemática, a través do emprego de materiais comprados para traballar contidos relacionados co proxecto e co currículo.
  • A competencia lingüística, a través dos recursos da biblioteca e das actividades de dinamización lectora e de escrita creativa que están ao servizo do dominio da lectura e da escritura, expandindo o gusto pola literatura.

Usuarios visitando unha exposición de libros

Os notables cambios e avances experimentados pola nosa biblioteca nos últimos anos anímannos a continuar a senda emprendida para acadar o noso obxectivo primordial, que non é outro que convertela nun espazo educativo no que a comunidade escolar, en igualdade de condicións, poida ter acceso ao hábito da lectura como elemento de aprendizaxe e de gozo, fomentando a comprensión e o uso crítico da información.