Manual de escola

Manual de escolaXosé Tomás. Ed. Asociación Socio Pedagóxica Galega, 2016

Ana María Mariño Álvarez
amaral@edu.xunta.es
CFR de Vigo

Como xa di o seu autor, Manual de escola non é un manual, é unha colección de situacións vividas e tamén imaxinadas, faladas e tamén pensadas, que Xosé Tomás transforma en viñetas e comparte co mundo.

Manual de escola non é un manual no que atopar instrucións de manexo dos nenos, como plasma na súa portada, son 64 viñetas nas que Xosé Tomás arrinca a roupa das súas emocións e expresa o que sente desde dentro do noso actual sistema educativo.

Manual de escola comeza con tres entrañables prólogos: un é de Francesco Tonucci (posto que Frato se ve representado ao longo destas páxinas); o outro, de Xaquín Marín e o terceiro está escrito polo propio autor.

Manual de escola é unha chea de espellos e pantallas que reflicten sarcástica, irónica e punzantemente, incluso moitas veces sen palabras, o que pasa na escola. 

Algunhas viñetas son coma berros que piden non quedar en simples instantáneas e rabuñar un pouco no interior de quen se pare a ollar, agardando reflexións e cuestionamentos. Outras viñetas son cantos de esperanza e alento, de exemplos cariñosos e momentos incluso tenros, que, tamén, habelos hainos na nosa escola.

 

Sección: