Mens sana in corpore sano

Unha proposta interdisciplinar e dixital para a materia de Promoción de Estilos de Vida Saudables
Neste traballo presentamos o proxecto Mens sana in corpore sano, no que se realiza unha proposta de desenvolvemento curricular da materia de Promoción de Estilos de Vida Saudables de forma interdisciplinar coas materias de Educación Física, Bioloxía e Xeoloxía, Lingua Galega e Literatura. Este proxecto está artellado a través dun aplicativo web de apoio, no que se desenvolven todos os contidos da primeira das materias citadas, algúns deles compartidos polas outras, e utilizando a metodoloxía de ABP.

José Ignácio Salgado-López
Dr. en Educación Física
IES Leliadoura (Ribeira - A Coruña)
inhaqui@edu.xunta.gal

 

Introdución

A orixe deste proxecto sitúase na aparición da materia de Promoción de Estilos de Vida Saudables dentro do currículo de primeiro e segundo da ESO a partir da promulgación do Decreto 86/2015, do 25 xuño, xunto coa experiencia acumulada en propostas de introdución de TIC e metodoloxías activas na EF (Salgado-López, 2013, 2017a, 2017b) e blogs educativos (Mariño Pego, 2014a, 2014b). De feito, o proxecto en si trata de responder a un problema habitual no momento da aparición de novas materias curriculares: a falta de material didáctico no que apoiar a docencia. Isto é máis complexo aínda se os que precisamos deben ser especificamente adaptados á realidade galega.

Desde o noso punto de vista, a oferta desta materia permite crear un nexo conductor que agrupe contidos de distintas tarefas e anima o desenvolvemento de novas metodoloxías, tal como recolle o preámbulo do seu propio currículo:

É tamén unha boa ocasión para aplicar diferentes metodoloxías para a xestión de aula con tarefas pertinentes e contextualizadas, buscar a relación con outras materias e, así, construír aprendizaxes significativas para facer do alumnado suxeitos competentes no desempeño do seu propio estilo de vida saudable.

Os obxectivos relativos ao recurso, ademais dos propios relacionados co desenvolvemento curricular, céntranse, fundamentalmente, no afondamento nas competencias lingüísticas, con especial énfase na utilización do léxico galego específico; a competencia de aprender a aprender en relación coa metoloxía proposta de aprendizaxe baseada en proxectos (ABP) (Arias Correa, Arias Correa, Navaza Blanco e Rial Fernández, 2009); e, obviamente, na competencia dixital, mediante a propia utiliación do recurso web, pero tamén en relación cos produtos de ABP (redacción de textos en formato dixital, métodos de busca en liña etc.).

 

Descrición do recurso

O recurso está deseñado para que a materia de Promoción de Estilos de Vida Saudables actúe como fío condutor dun desenvolvemento curricular interdisciplinario. Deste xeito, o recurso que presentamos representa o material de apoio para esta materia. Por esta razón, o proxecto está dirixido ao curso de primeiro da ESO, aínda que con pequenas modificacións relacionadas coas materias implicadas podería ser desenvolvido tamén no de segundo da ESO (os dous cursos nos que se oferta a materia antes citada). Para o seu deseño foi necesario realizar unha análise previa do currículo das materias implicadas. Esta análise permitiu encontrar as posibles conexións para o desenvolvemento interdisciplinario da proposta. Deste xeito, as materias coas que está vinculado son Promoción de Estilos de Vida Saudables, Educación Física, Bioloxía e Xeoloxía e Lingua Galega e Literatura.

As modificacións antes mencionadas veñen marcadas fundamentalmente pola materia troncal de Bioloxía e Xeoloxía, que non forma parte do currículo de segundo da ESO. En menor medida, habería que adaptar algúns contidos ao currículo de segundo da ESO de EF, aínda que en xeral presentan características moi similares. No que respecta ás outras dúas áreas, son perfectamente compatibles entre os dous anos académicos.

O proxecto que presentamos consta de tres unidades didácticas integradas (UDI), que reflicten contidos parciais das materias de Bioloxía e Xeoloxía, Lingua Galega e Literatura e EF, mais que representan o desenvolvemento curricular completo da materia de Promoción de Estilos de Vida Saudables. En concreto, as UDI son:

  • Actividade física e saúde: Somos o que corremos.
  • Alimentación e saúde: Somos o que comemos.
  • Educación postural: Somos equilibrio de forzas.

O esquema de desenvolvemento de cada UDI será común a todas elas e abranguerá obxectivos didácticos, contidos que hai que desenvolver; actividades de ensino-aprendizaxe interactivas dixitais de distinta natureza (presentacións, vídeos, documentos de texto e actividades interactivas etc.) accesibles a través da web; avaliación do estudante, tanto desde o punto de vista tradicional do profesor como axente de avaliación como da auto e coavaliación; estratexias metodolóxico-didácticas que se utilizarán; organización espazo-temporal; recursos materiais necesarios; medidas de atención á diversidade e avaliación do proceso.

As tres unidades didácticas que compoñen este proxecto teñen unha organización similar na web. Podemos dividir a pantalla principal de cada UDI tal e como se aprecia na figura 1.

 

Figura 1. Compoñentes da pantalla principal das UDI

 

Na cabeceira, na parte superior da pantalla, encontramos varios apartados: un «Menú accesible» (véxase a figura 2) no que hai varios botóns de control do tamaño do aumento da web e a posibilidade dunha axuda auditiva do que se está a ver en cada momento.

 

Figura 2. Detalle do Menú accesible

 

Ao lado do «Menú accesible» sitúase unha «Zona informativa». No seu lado esquerdo concretízase o nome da UDI á que corresponden as actividades, mentras que no dereito se identifica o tema. Xusto debaixo desta zona, está situado o «Menú principal» a través do cal se poden seleccionar os diferentes temas de cada UDI (véxase a figura 3).

 

Figura 3. Detalle do Menú principal

 

No lado dereito da cabeceira hai uns botóns cos que se pode navegar a través da web dun xeito máis intuitivo e seguindo a orde orixinal dos contidos e actividades (véxase a figura 4).

 

Figura 4. Detalle do Menú de navegación

 

Ademais, na parte esquerda da pantalla localízase un «Menú lateral» no que se encontra a Guía de contidos do tema correspondente. Nel pódense consultar os diferentes apartados que o integran e acceder ao seu desenvolvemento premendo directamente en cada un deles (véxase a figura 5).

 

Figura 5. Detalle da Guía de contidos do Menú lateral

 

Debaixo desta Guía de contidos aparece unha numeración. Ao premer en cada un deses números, accédese a cada unha das actividades dixitais interactivas para esa UDI en concreto (figura 6).

 

Figura 6. Detalle do Menú lateral

 

 

Tipos de actividades

Os tipos de actividades dixitais interactivas incluídos é variado: tarefas conceptuais como «completar o texto», «relacionar parellas», «clasificar», «etiquetar» ou «sinalar na imaxe»; outras centradas no léxico como «sopas de letras», «ordenar letras» ou «cruzadiñas»; e outras de tipo máis lúdico como os «quebracabezas» ou as «parellas». Máis abaixo, aparecen os apartados «Para saber máis», no que se inclúen ligazóns a recursos de ampliación; «Accesibilidade», que activa unha ventá emerxente que resume as teclas rápidas programadas para facilitar a navegación a través da web; e, por último, o «Glosario», que activa outra ventá emerxente na que se poden consultar os termos específicos dos contidos, que, ademais, aparecen resaltados ao longo do texto.

A maiores destas actividades da web, o proxecto compleméntase con outras actividades TIC, relacionadas co uso de dispositivos móbiles mediante aplicativos concretos aos que se poden enlazar directamente desde a mesma web (figura 7).

 

Figura 7. Imaxe da utilización de dispositivos móbiles nunha sesión de acondicionamento físico

 

Por último, tamén se previron outros tipos de actividades de aula, entre as que sobresaen a elaboración de proxectos, que son os que lle dan corpo á metodoloxía empregada.
Recursos empregados e requirimentos
A totalidade das UDI, cos seus contidos e actividades, foi creada con Ardora, ferramenta de autor deseñada por José Manuel Bouzán Matanza. Tamén se empregou material multimedia, tanto de elaboración propia (por exemplo, as bandas deseñadas, véxase a figura 8) como de dominio público.

 

Figura 8. Imaxe dun dos cadriños dunha das bandas deseñadas incluídas

 

Todo o aplicativo está programado en HTML5, CSS3 e JS, polo que o único necesario para a súa visualización é un navegador web. O aplicativo funciona en computadores (portátiles ou sobremesa) e tamén en dispositivos móbiles (smartphones ou tabletas) con baixos requerimentos de procesador e memoria RAM. Unha vez probado nos principais navegadores, comprobouse que funciona sen grandes diferenzas en todos eles, malia parecer que existe un mellor rendemento en Firefox e Chrome.

A inmensa maioría dos contidos é accesibles sen necesidade de conexión a Internet. Tan só existen algúns hipervículos externos e vídeos incrustados que precisan dela, sobre todo no apartado de «Para saber máis», que non son imprescindibles para o desenvolvemento dos contidos. Isto permite o seu uso en contextos educativos con recursos materiais limitados. Deste xeito, descargando o proxecto desde o Repositorio Abalar (https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/mens-sana...) podemos acceder a todo o material necesario para o seu uso de xeito nativo. O material descargado, ademais do aplicativo web, inclúe unha Guía didáctica para os docentes, un Documento técnico bilingüe e un Manual de usuario para os estudantes.

 

Metodoloxía


Aínda que o recurso web en si pode utilizarse con outros modelos metodolóxicos, a proposta presentada opta por unha metodoloxía interdisciplinaria, ademais de eminentemente activa e participativa. Isto último non se cingue unicamente ao nivel da interactividade dos recursos dixitais, senon tamém na propia sala de aula e especialmente na aplicación do método de aprendizaxe baseada en proxectos (ABP) a través do proxecto de investigación interdisciplinar coa materia de Bioloxía e Xeoloxía de primeiro da ESO.

Deste xeito, o profesor debe actuar como guía no proceso de adquisición dos contidos e competencias por parte do estudante, o que é especialmente relevante no tocante ao proxecto de investigación. Cómpre, polo tanto, certo esforzo nos docentes para «deixar errar» os estudantes coa finalidade de, posteriormente, utilizar o erro como base da aprendizaxe e non como fonte de frustración.

Dado que a realidade galega educativa actual é diversa, cabe sinalar que o proxecto está deseñado para ser desenvolvido en salas de aulas dotadas cos dispositivos distribuídos dentro do programa Abalar. Agora ben, pensamos que con pequenas adaptacións podería ser desenvolvido noutras cirscunstancias, utilizando, por exemplo, os recursos dixitais unicamente como apoio para o traballo persoal dos estudantes na súa casa. Cabería aquí o modelo de «aula invertida», ou Flipped Classroom (Bergmann e Sams, 2012), como ideal para o seu desenvolvemento. Utilizaríase o espazo web como fonte principal de contidos e tarefas que vai realizar o alumnado no horario extraescolar e a aula para resolver tarefas máis complexas, resolver dúbidas e/ou desenvolver os proxectos.

En relación co anterior, somos conscientes tamén de que non todo o profesorado está aberto ao traballo interdisciplinario, polo que o proxecto se artella de xeito que poida ser igualmente levado a cabo no caso de non ser posible este tipo de traballo. Así, por exemplo, o proxecto de investigación podería ser simplificado ou incluso suprimido no caso de que o profesorado de Bioloxía e Xeoloxía non mostrase interese en compartir a proposta didáctica. Porén, no caso dos contidos lingüísticos relacionados co galego, pensamos que poderían ser desenvolvidos nun nivel mínimo dentro da propia disciplinas de Promoción de Estilos de Vida Saudables ou incluso EF, aínda que isto reduciría a súa profundidade ao dispor de menos tempo de clase. Pola súa banda, a materia de EF comparte a maior parte dos contidos de corte exclusivamente conceptuais coa materia de libre configuración antes citada, polo que, no caso de non participar na proposta, estarían duplicándose eses contidos. Por último, se a materia que non participa é a de Promoción de Estilos de Vida Saudables, cabe sempre a posibilidade de utilizar os materiais nas outras materias, sen a restrición de terse que desenvolver no primeiro curso da ESO. Deste xeito, por exemplo, os contidos e actividades de nutrición poderían ser aproveitados para desenvolver os da materia de EF de terceiro da ESO, os relacionados coa promoción de hábitos saudables, substancias aditivas e nutrición cos de Bioloxía e Xeoloxía de terceiro da ESO e os do campo léxico da saúde en galego con calquera curso en función da programación do cada Departamento de Lingua Galega e Literatura en concreto. 

 

A xeito de conclusión

Ao longo do texto presentamos un proxecto de visión interdisciplinaria dos currículos da materia de Promoción de Estilos de Vida Saudables.

Dada a recente publicación do material, e debido a diferentes motivos particulares, aínda non se posúen datos que permitan realizar unha avaliación sistemática da súa implantación. De todos os xeitos, si se coñecen casos de utilización parcial dos contidos como material de apoio da materia de Educación Física e foron valorados positivamente polos estudantes. É mais, por mor da crise da covid-19, publicitouse o recurso dentro da web de Aulas Galegas  e tamén foi recibido polos docentes. A dispoñibilidade deste enderezo web permite o traballo co recurso dixital directamente, sen necesidade de descargalo do Repositorio Abalar nin a necesaria instalación na rede do centro ou, de ser o caso, en cada un dos computadores se se precisase a instalación nativa.

 

 

 

Bibliografía: 

Arias Correa A., Arias Correa, D., Navaza Blanco, M.ª V. e Rial Fernández, M.ª D. (2009). O traballo por proxectos en infantil, primaria y secundaria. Santiago de Compostela: Conselleria de Educación e OU. Recuperado de https://www.edu.xunta.es/ftpserver/portal/DXC/9002463-Proxectos_Web.pdf

Bergmann, J. e Sams, A. (2012). Flip your classroom: reach every student in every class every day. Washington, DC: International Society for Technology in Education.

Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, Diario Oficial de Galicia, 120, sec. I, do 29 de xuño de 2015, 25434 a 27073. Recuperado de https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2015/20150629/AnuncioG0164-260615-0...

Mariño Pego, C. (2014a). A vida é xogo. Recuperado de http://premioespiral.org/experiencias?gnoss:hasautor=carlos%20mari%C3%B1...@@@blog:editionYear=2014

Mariño Pego, C. (2014b). O pé do xigante. Recuperado de http://premioespiral.org/experiencias?gnoss:hasautor=carlos%20mari%C3%B1...@@@blog:editionYear=2014

Salgado-López, J. I. (2013). Uso del iPad en Educación Física. Rev Edu Fís, 29 (1). Recuperado de https://revistadeeducacionfisica.com/articulo/uso-del-ipad-en-educacion-...

Salgado-López, J.I. (2017a). iPE: A revolução da educação física a través da integração dos dispositivos móbeis. Comunicación presentada ao Congreso O Futuro da Educación. Santiago de Compostela: Institución Galega da Ciencia.

Salgado-López, J. I. (2017b). Escolas a tempo. Una experiencia de dinamización deportiva de un IES. Desde la óptica de los bancos de tiempo y el aprendizaje basado en proyectos (ABP). Rev Edu Fís, 35 (4). Recuperado de https://revistadeeducacionfisica.com/articulo/escolas-a-tempo-una-experi...