O Proxecto Dragal e a Fraternidade do dragón

ou como vincular o universo da ficción e o patrimonial
A Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da coordinación central dos equipos de dinamización da lingua galega sumouse este curso académico 2013-2014 ao Proxecto Dragal de modo experimental coa creación dun wiki interactivo no que traballaron máis de 500 alumnos de ESO.

Xulia Marqués Valea
xuliatrabada@gmail.com

 

 

O PROXECTO DRAGAL

O Proxecto Dragal é unha iniciativa multimedia con base na triloxía literaria Dragal (Dragal I. A herdanza do dragón 1.ª ed. 2010, Dragal II. A metamorfose do dragón 1.ª ed. 2011 e Dragal III. A fraternidade do dragón, 1.ª ed. 2012)
da escritora Elena Gallego Abad.
A produtora galega Ficción Producciones apostou por desenvolver un ambicioso proxecto que inclúe a acomodación da saga literaria a formatos cunha clara vertente tecnolóxica: adaptación ao cinema, creación de videoxogos para varias plataformas ou montaxe dun cómic. Coa posta en marcha do contorno wiki, o Proxecto Dragal entra por vez primeira no eido educativo e da dinamización lingüística cun programa multidisciplinar de animación á lectura e creación en galego.

A FRATERNIDADE DO DRAGÓN

A fraternidade do dragón está formada polos lectores de Dragal I. A herdanza do dragón. Son alumnos e alumnas de ESO de 7 centros de secundaria os que emprenderon, tras a lectura, unha viaxe dixital axudados polos seus mestres. Cativados pola forza do dragón protagonista e posuídos polo seu engado, mesmo chegan a usar unha nomenclatura particular que os identifica e diferencia. Isto é, os/as alumnos/as fican convertidos en dragaliñ@s, os mestres/as en mestres do Dragal, os centros non se ambientan, dragalízanse, os materiais levan impreso un carimbo dragaliano e inclusive algunha sección colle para si o nome de Dragalpedia.

Quen conforma a fraternidade

532 alumnos/as de ESO (1.º ESO) e PDC e 40 profesores/as dos centros educativos IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia (Our.), IES Taboada Chivite de Verín (Our.), IES de Mos de Mos (Po), CPI da Cañiza da Cañiza (Po), IES Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior (Po), IES David Buján de Cambre (A Cor.) e CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto, Boqueixón (A Cor.).

Que tarefas leva a cabo a fraternidade

O deseño de tarefas preveuse para un curso académico. Temporizadas por trimestres, desenvólvense do seguinte xeito:
No 1.º trimestre, a primeiros de outubro, a escritora presentouse (véxase Presentación no wiki; a continuación, e paralelamente ao proceso de lectura, dragalizáronse os centros (véxase a galería de fotos). Tamén se elaborou unha tarxeta de identificación para os alumnos.
Unha vez rematado o proceso lector, principiou a competición de Dragaliños por medio dun cuestionario individualizado.
Antes da chegada das vacacións de Nadal formáronse os grupos de traballo de cara á futura investigación que se iniciaría na Dragalpedia no seguinte período.
No 2.º trimestre efectuouse a edición dos contidos do wiki e o traballo de campo (recollida de lendas), así como o desenvolvemento dos xogos.
No 3.º trimestre cada centro puxo á vista os seus traballos fóra da clase, a modo de exposición e baixo a cabeceira O dragón sae da aula.
Finalmente, no mes de xuño realizouse unha visita ao Pico Sacro de todo o alumnado e profesorado participante.

Que obxectivos marcamos

- Transmitir unha imaxe positiva e actual da lingua galega ao relacionala con temáticas de interese para a mocidade e coas TIC.
- Gozar coa lectura de historias fantásticas en lingua galega.
- Gozar coa creación en lingua galega.
- Valorar a tradición literaria e popular desta temática en Galicia.
- Estimar os principais aspectos históricos e culturais de Galicia que aparecen como pano de fondo da trama.
- Intercambiar información sobre diferentes aspectos da novela dentro da aula cos compañeiros/as e profesor/a, pero tamén a través da rede co alumnado doutros lugares de Galicia para compartir experiencias lectoras e achados.
- Empregar as novas tecnoloxías para crear mensaxes orais e escritas en lingua galega ou resolver cuestións relacionadas coa novela.
- Respectar as distintas manifestacións culturais e relixiosas.
- Identificar os trazos característicos da adolescencia.
- Respectar as persoas que forman parte do grupo malia a heteroxeneidade.

Que ferramentas utilizamos

Partindo dunha unidade didáctica que a profesora Loli Cid realizou sobre Dragal I, elaborouse un wiki que constituíu a principal ferramenta de traballo. Contén as seguintes seccións:
- Presentación: inclúe vídeos e outros materiais relacionados co acto de saúdo da autora, a lectura dun texto da novela, o booktrailer e unha videoconferencia.
- Argumento: xunta mostras de lectura (vídeo), ilustración de certos capítulos e unha competición de Dragal (con base nun cuestionario de 50 preguntas coas que se pretende verificar o grao de comprensión da lectura).
- Personaxes: espazo reservado á análise dos personaxes de ficción; personaxes que percorren un universo novelesco inzado de aventuras e creado arredor da figura dun dragón.
Estúdanse aspectos como a catalogación ou caracterización e tamén se repara nos seus nomes. Para axudar neste labor de investigación pola onomástica persoal (arredor da súa orixe e significado), entregáronse a cada centro dous recursos de recente edición Enredando nos antropónimos e a versión dixital Antroponimizando.
Os profesores dispoñen así de bibliografía, recursos en rede, propostas de actividades e información detallada para abordar o estudos dos nomes e apelidos tanto dos personaxes da novela como dos rapaces participantes.
- Dragalpedia: espazo de investigación. Contén unha guía de contidos cunha proposta de análise para algúns temas presentes na novela como a romanización, a cristianización, a alquimia e a simboloxía, a adolescencia ou o acoso escolar.
- Topoteca: espazo que acolle unha tripa liña de traballo sobre patrimonio inmaterial: investigación, divulgación e propostas lúdicas.
- Dicionario: espazo concibido como un lugar para consultar e compartir vocabulario descoñecido.
- Tesouros máxicos: espazo destinado á recollida de lendas e á súa localización.
- Xogos: engloba 20 xogos. Foron deseñados para reforzo do Dicionario.
- Final á carta: espazo para a creatividade. Recolle propostas de distintos finais para a novela escritos polo alumnado.
- Foro: lugar ideado para interrelacionarse e compartir.
- Google maps: espazo para localizar o patrimonio recuperado.
- Galería de imaxes: espazo con fotografías e debuxos que gardan relación coas actividades realizadas.

A metodoloxía

O proceso de ensinanza-aprendizaxe concibiuse como un proceso global, flexible e participativo. Esta aposta posibilitou un traballo compartido desde distintos departamentos, en todos os centros participou o equipo de dinamización da lingua galega (EDLG), ao que se uniron o Departamento de Lingua Galega, Lingua Estranxeira, Educación Plástica e Visual, Xeografía e Historia, Tecnoloxía, de Música, Relixión e de Orientación.
O Proxecto Dragal abordouse como un proxecto interdisciplinar no IES Cidade de Antioquía, o IES de Mos, o CPI A. Orza, o CPI da Cañiza e o CPI Manuel Padín e como proxecto de centro no IES David Buján e o IES Xesús Taboada.
Os niveis educativos nos que se aplicou foron 1.º ESO (IES Cidade de Antioquía, IES David Buján, CPI Manuel Padín), 1.º ESO e 3.º PDC (IES de Mos, CPI Antonio Orza e CPI da Cañiza) e 2.º ESO (IES Xesús Taboada).
Os/as alumnos/as participaron directamente nas distintas fases de execución. Nalgúns centros tomaron parte, en calidade de protagonistas, rapaces con problemáticas de aprendizaxe nos que se percibiu un grande interese e constatou unha meirande motivación.
O traballo individual, como a lectura do libro ou a procura de novo léxico, alternou co traballo en pequenos grupos (busca de información, xogos de competición) e en grande grupo (foro, wiki...) cos compañeiros da clase ou a través da rede co alumnado doutros centros.
As actividades que realizaron foron diversas: de motivación (proxección do booktrailer, labor de pescuda sobre a figura do dragón, dragalización do centro, rexistro no wiki), de investigación (análise dos trazos dos personaxes, dos espazos en que se sitúa a acción, explicación da orixe do nome, descuberta de espazos semellantes no contorno), de cooperación e competición (busca da mellor lenda sobre dragóns, serpes ou mouros), de consolidación (edición de contidos no wiki, visita ao Pico Sacro), de reforzo (xogos, cancións); de ampliación (final á carta, elaboración dun cómic, googlemap) e actividades de avaliación (competicións de contido, propostas de final alternativo).
O alumnado tivo a oportunidade de poñerse en contacto con outros tipos de fontes que non son non habituais na aula e permitiu aproximalo a outras institucións fóra das educativas.
O proxecto desenvolveuse en distintos espazos, a clase, a aula abalar ou aula TIC e a biblioteca. Contou tamén con saídas a espazos exteriores e reais que foron obxecto de visita (igrexas, puntos de recollida de lendas etc).
Os materiais didácticos utilizados foron variados e motivadores, dende as novelas de Elena Gallego e os dicionarios ata os audiovisuais e TIC.
Cómpre recordar que o propio proxecto tamén xerou os seus propios materiais, en particular o espazo destinado ao tratamento do patrimonio inmaterial (toponimia), véxase a sección Topoteca (nota 2).

O PCI no PROXECTO DRAGAL. O porqué da súa inclusión no eido educativo e da dinamización lingüística

O patrimonio cultural non comprende só os monumentos e as coleccións de obxectos, senón tamén as tradicións orais, as artes do espectáculo, os usos sociais, os rituais, os actos festivos, os coñecementos e as prácticas relativos á natureza e ao universo e os saberes e as técnicas tradicionais de fabricación de obxectos artesanais.
Aínda que estes non son materiais, no sentido de que non son tanxibles, forman unha parte moi importante do noso patrimonio, que denominamos patrimonio cultural inmaterial (en adiante, PCI). Trátase de formas vivas que se recrean e evolucionan conforme adaptamos os nosos usos e tradicións ao mundo que nos arrodea. Un mundo, o noso, que cambia, pero no que todos desempeñamos un papel esencial no seu mantemento e perpetuación (transmisión).
O PCI pódese manifestar, como acabamos de sinalar, en ámbitos como as tradicións e expresións orais e en temas de interese para este proxecto como a “mitoloxía” e os nomes dos lugares (que ben se poderían incluír en “expresións orais”).

 

 

A TOPOteca: unha sección deseñada para aprender cos nomes de lugar

O obxectivo xeral que marcamos para crear esta sección foi o de aproximar, descubrir e transmitirlles aos rapaces a importancia da toponimia a fin de que se involucren na súa conservación.
Como obxectivos específicos, salientamos a necesidade de:
a) Educar e sensibilizar no valor da toponimia.
b) Beneficiar a caracterización das culturas a partir da súa toponimia.
c) Favorecer o coñecemento da toponimia local e da súa comunidade e país.
d) Xerar procesos de identidade individual e colectiva a partir da toponimia nas súas diferentes dimensións.
e) Construír unha memoria individual e colectiva que tome en consideración os bens e valores da toponimia.
f) Mellorar o coñecemento das culturas do pasado a partir dos seus vestixios toponímicos.
g) Promover e fortalecer unha visión dos bens patrimoniais toponímicos como forma de desfrute e de coñecemento.
O que pretendemos, en definitiva, é que a través da súa utilización no mundo escolar se facilite a adquisición dos obxectivos de aprendizaxe, tanto no ámbito dos conceptos como na formación dunha determinada conciencia cívica e cultural (Prats-Hernández 1999: 9).
Entendemos que a sensibilización e a participación do alumnado unicamente se consegue cando coñece, comprende e valora o patrimonio como algo seu e cando se recoñece nel.
Ora ben, este proceso de ensino-aprendizaxe resultará máis doado se os estudantes ven o patrimonio como algo dinámico, próximo ao seu tempo, ás formas de linguaxe que utilizan acotío, e o máis importante, preto das súas experiencias de vida.
De aí a novidade da aposta por un  traballo conxunto de TIC e patrimonio, no que non se esquece a dimensión da vinculación emocional que supón relacionar o alumnado cos seus referentes patrimoniais, achegalos aos lugares onde se atopan, interactuar con eles, facelos habituais nas súas experiencias de vida (Fuentes 2008: 16).

A TOPOteca está formada por tres seccións:

  • 1.ª) ACHEGÁNDONOS Á TOPONIMIA (primeiros pasos)

Coa axuda de tres documentos buscamos que o/a alumno/a se acerque á toponimia galega e á do seu concello a través da resolución duns cuestionarios.
Os ámbitos de pescuda comprenden dende o local próximo (contorno do centro educativo e lugar de residencia do alumno: doc. 1), ao xeral da ciencia onomástica (doc. 2) e ao da toponimia galega oficial (Nomenclátor de Galicia: doc. 3)

  • 2.ª) O NOMENCLÁTOR DA FRATERNIDADE (o porqué dos nomes de lugar)

Con base na toponimia maior e oficial, e empregando como fonte o Nomenclátor de Galicia, elaboráronse:
2.1) un P. Pt. individual para cada concello en que están situados os 7 centros educativos que participan no proxecto. Para a súa realización partiuse dun corpus de 703 topónimos.
Varias son as finalidades que guían esta tarefa: a) Descubrir cada concello a través dos seus nomes de lugar, b) Mostrar a riqueza toponímica, a variedade, a antigüidade de cada corpus toponímico local, c) Comparar as formas vivas e que usan habitualmente os veciños cos fixados oficialmente.
2.2) un P. Pt. -conxunto- en que figuran topónimos dos 7 concellos, clasificados: HIDROTOPÓNIMOS-OROTOPÓNIMOS-FITOTOPÓNIMOS- ZOOTOPÓNIMOS-TOPÓNIMOS RELACIONADOS COA ACTIVIDADE ECONÓMICA- TOPONIMIA RELIXIOSA E HAXIOTOPÓNIMOS-POSESORES etc.
Os obxectivos que marcamos son:
a) Mostrar e demostrar que os topónimos se repiten ao longo da xeografía galega e responden a idénticas motivacións.
b) Sinalar o común de cada ámbito de clasificación.
c) Sinalar o común dos espazos xeográficos estudados.
d) Sinalar o particular de cada espazo xeográfico.
2.3) TOPO-LECER. Conxunto de 20 xogos concibidos a xeito de reforzo do achegado no 2.2.

 

  •  
  • 3.º) O ENGADO DOS MOUROS. TOPONIMIA E LENDAS

Na toponimia e na mitoloxía galegas atopamos moitas pegadas da nosa raza mítica por antonomasia, os mouros.
A presenza destes seres no folclore é moi rica como tamén o é a  tradición de lendas protagonizadas por mouros e mouras. Os relatos e os nomes dos lugares forman parte do patrimonio inmaterial e nós achegámolos aos máis novos con recursos creados ad hoc.
Determinamos tres centros de interese:
3.1) A toponimia mitolóxica: mouros, mouras, encantos e tesouros.
Encerra un P. Pt. con bibliografia complementaria que axuda a comprender mellor esta temática.
3.2.) A toponimia mitolóxica e a arqueoloxía
Considerando qUe as máis estendidas son as lendas de mouros e mouras, e que estas están comunmente asociadas a un sitio arqueolóxico, quixemos dar un paso máis, e vincular lenda con nome de lugar e xacemento.
3.3.) A xeografía imaxinaria
Na xeografía imaxinaria repasamos o nome e situación daquelas antigas cidades asolagadas, Alcaián, Duio, Lucerna, Valverde, Alcaparra, Trentinán, xunto a Antela ou Antioquía.
Algunhas actuacións previstas nos puntos 3.2 e 3.3 quedaron pendentes.

 

A novidade do Proxecto Dragal

A novidade do Proxecto Dragal reside na utilización do PCI como recurso nun contorno de aprendizaxe TIC.
As TIC e o PCI aparecen vinculados nun  plan no que converxen estratexias de activación e de difusión patrimonial.
Tocante ás primeiras, o wiki contempla seccións ou espazos de acollida para traballos de prospección (de campo), de catalogación (rexistro, gravación e localización), de recuperación e de revalorización dos inventarios culturais locais.
Tocante ás estratexias de difusión patrimonial, consideramos que para uns alumnos coma os nosos nacidos e instalados na cultura dos medios masivos de comunicación, a elección dun soporte TIC constitúe a vía máis axeitada e áxil para dinamizar o coñecemento e proxectar (…) os traballos de recuperación e posta en valor do patrimonio (Fuentes, “Acercando el patrimonio…”, 5).
Como moi atinadamente nos recorda García Valecillo (2007: 678), a valoración do patrimonio está suxeita ao uso, ás vivencias e á apropiación que fan os habitantes de cada xeración.

A nosa participación no MICAtlántica

No Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura deuse a coñecer o PROXECTO DRAGAL o luns 25 de novembro de 2013 dentro da feira de industrias culturais MICAtlántica.
A incursión do proxecto no eido educativo e da dinamización lingüística e a presentación do wiki interactivo centrou a intervención de Xulia Marqués, coordinadora técnica central dos EDLG da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A aposta de Ficción Producciones polo transvasamento da novela ao mundo crossmedia debullouse na intervención de Julio Casal, responsable da empresa editora.

www.micatlantica.org
http://blog.xerais.es/2013/o-proxecto-dragal-acheganos-desde-a-sua-wiki-a-un-patrimonio-de-noso-con-raizame-maxica/

A visita ao Pico Sacro

Como actividade final do proxecto realizouse unha xornada de encontro de todos os centros a mediados de xuño no Pico Sacro. Máis de 500 alumnos e profesores que participaran ao longo do curso no Dragal gozaron dunha mañá repleta de actividades lúdicas.

 Antes da saída didáctica:

- Coñecemos o Pico Sacro. Púxose á disposición do colectivo dragaliano unha exhaustiva información sobre o ‘fogar do dragón’ (O Pico Sacro, Boqueixón) ao que eles viñan de visita dende toda Galicia.

 

Para saber máis...


 

Notas:

1. Os apartados Obxectivos e Metodoloxía seguen as liñas marcadas na unidade didáctica elaborada por Loli Cid.

2. Relación de materiais producidos para a TOPOteca e autoría:

ACHEGÁNDONOS Á TOPONIMIA (primeiros pasos). Os tres documentos foron elaborados por Xulia Marqués.

O NOMENCLÁTOR DA FRATERNIDADE (2.1 e 2.2), 7 Ppts creados por Vicente Feijoo e Xulia Marqués.

TOPOLECER (2.3), 20 xogos que foron ideados por Loli Cid e Xulia Marqués.

O ENGADO DOS MOUROS. TOPONIMIA E LENDAS (3.1) Ppt realizado por Vicente Feijoo e Xulia Marqués.

Todos estes recursos foron elaborados expresamente para o Proxecto Dragal e son inéditos.

3. Paralelamente á creación dos materiais leváronse a cabo 7 charlas divulgativas polos centros participantes. Impartiunas Vicente Feijoo no 3.º trimestre.

4. Coordinou o Proxecto Dragal na Secretaría Xeral de Política Lingüística Xulia Marqués.

 

 

Bibliografía: 

 

 

ASOCIACIÓN GALEGA DE ONOMÁSTICA (AGOn).

FUENTES LUIS, S. “Acercando el patrimonio al presente: nuevas miradas, nuevos lenguajes” (13 páxs.),

FUENTES LUIS, S. (2008). “Estrategias creativas para una enseñanza integral. El patrimonio como recurso educativo en el desarrollo de las competencias básicas”, en Educación patrimonial, propuestas creativas desde el espacio educativo. Las Palmas de Gran Canaria: Consejería de Educación, Goberno de Canarias, 9-21.

FUENTES LUIS, S.; HERNÁNDEZ VALERÓN, C. (en prensa). “Patrimonio y competencias básicas: nuevas metodologías para la elaboración de maletas didácticas”, XV Jornadas de Estudio sobre Fuerteventura y Lanzarote, 19-23 de setembro de 2011. Fuerteventura.

FUENTES LUIS, S.; MARTÍN ÁLVAREZ, J. (2008). “El patrimonio como recurso educativo: nuevos actores, nuevas estrategias”, Actas del XVII Coloquio de Historia Canario Americana. Las Palmas de Gran Canaria: Cabildo de Gran Canaria, 1308-1328.

García Valecillo, Z. (2007). “Estrategias educativas para la valoración del patrimonio cultural en la educación básica de Venezuela”, EDUCERE, ano 11, núm. 39, outubro-novembro-decembro 2007, 673-681.

PRATS, J.; HERNÁNDEZ, A. (1999). “Educación por la valoración y conservación del patrimonio”, en VV.AA. Por una ciudad comprometida con la educación. Barcelona: Institut d’Educació de l’Ajuntament de Barcelona, 1-14. Publicado on line: www.ub.edu/histodidactica  Ref. Joaquim Prats y Antonia Hernández. En: VV.AA. Por Una Ciudad Comprometida con la Educación. Barcelona: Institut d’Educació de l’Ajuntament de Barcelona, 1999 (Cap. V).

VV.AA. La salvaguarda del patrimonio inmaterial: conclusiones de las jornadas sobre protección del patrimonio inmaterial (Teruel, 2009). Madrid: Ministerio de Cultura, Subdirección Xeral de Publicacións, Información e Documentación (2010).

 

 

Sección: