Traballo colaborativo entre bibliotecas escolares

Unha experiencia de traballo conxunto dos equipos das bibliotecas do IES Miraflores de Oleiros e do IES David Buján de Cambre
O artigo relata a experiencia de traballo conxunto dos equipos de biblioteca de dous centros de secundaria da provincia da Coruña ao longo dos últimos cinco anos. O centro de máis experiencia tutelou o que estaba comezando a súa andaina con excelentes resultados por ambas as partes.

Carmen Suárez López
coordinadora da Biblioteca A3P
IES David Buján de Cambre (A Coruña)
carmensuarez@edu.xunta.es

As bibliotecas que participamos nesta experiencia pertencemos á área metropolitana da cidade da Coruña e estamos situadas en dous concellos en expansión, Oleiros e Cambre.

 

Biblioteca IES Miraflores

 

 

Biblioteca IES David Buján

 

A nosa relación comezou hai uns cinco anos, cando a responsable da biblioteca do Miraflores visitou o noso centro para se familiarizar co programa Meiga. Nesa altura as dúas bibliotecas estaban en momentos evolutivos moi diferentes:

A biblioteca de Cambre levaba unha longa traxectoria de dinamización dentro do centro, incorporárase ao PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares) no 2007 e estaba en proceso de se converter no motor dinamizador do centro, a través das actividades que se viñan desenvolvendo tanto na formación de usuarios como no fomento da lectura e da creación literaria. Tamén desenvolvía actividades de apertura da biblioteca á comunidade a través do club de lectura de adultos e da guía de recomendacións de verán e Nadal, realizada conxuntamente coas bibliotecas municipais e co resto das bibliotecas dos centros educativos do concello.

A biblioteca de Oleiros estaba comezando a súa andaina tanto na catalogación dos fondos no Meiga como no deseño e realización de actividades de dinamización.

Nos encontros que mantivemos neses momentos, nós suxerímoslle ao equipo da biblioteca de Oleiros que solicitase un grupo de traballo no CFR (Centro de Formación e Recursos da Coruña) co fin de elaborar os materiais e as actividades que lles permitisen avanzar na dinamización da biblioteca e así o fixeron. Daquela, pedíronnos que participásemos como relatoras no devandito grupo, cousa que fixemos durante cinco sesións que desenvolveron temas como: xestión técnica e organización, formación de usuarios, dinamización da biblioteca, proxectos documentais integrados, proxecto interdisciplinar, e relación da biblioteca con outras comunidades.

A experiencia resultou extraordinaria e foi moi ben valorada por todas nós. Na avaliación final realizada polo equipo da biblioteca do IES Miraflores especificaban: “A biblioteca empezou a camiñar, dinámica e viva. O equipo consolidouse para outros cursos. Temos ilusión e recursos para seguir traballando”.

Un dos aspectos máis enriquecedores, segundo a opinión do equipo da biblioteca de Oleiros, foi a posta en común das diferentes fases das actividades programadas. Por exemplo, facer ver proles e contras dunha xornada de acollida, ser avisadas de antemán dos posibles erros en calquera das actividades e coñecer, tamén previamente, atrancos que puidesen xurdir son consideracións prácticas e nada teóricas que animan e fan ver as auténticas posibilidades do labor da biblioteca. Segundo elas, as compañeiras de Cambre transmitiron experiencia e rodaxe que desbotaron moitas incertezas e medos ao fracaso.

Outro aspecto que cómpre salientar é tamén o da aprendizaxe de gardar, arquivar e reciclar toda a tarefa programada. Por último, o seguimento das propostas de traballo xa experimentadas e avaliadas polo equipo da biblioteca de Cambre ensinoulle ao de Oleiros a asumir aquelas tarefas nas que se vían máis competentes, coordinar o equipo, aproveitar as horas “libres” para a biblioteca e, naturalmente, completalo voluntariamente na casa.

Desa boa experiencia de colaboración xurdiu a idea de solicitar, o pasado curso, un seminario para profundar neste noso traballo colaborativo, posto que o seminario nos permitía participar aos equipos das bibliotecas dos dous centros, contar con docencia que ampliase os nosos horizontes e nos abrise novos camiños para desenvolver as actividades das nosas bibliotecas, que consideramos que son o motor fundamental da aprendizaxe dos nosos centros e por iso escollemos o título de Biblioteca Escolar: Estación Central.

Os obxectivos deste seminario eran os seguintes:

  • Establecer a biblioteca escolar como eixe dinamizador do centro.
  • Fomentar a convivencia entre o alumnado.
  • Fomentar o protagonismo do alumnado no desenvolvemento dos seus obxectivos académicos.

O traballo partiu da posta en común das necesidades e expectativas de cada centro á hora de desenvolver o traballo do seminario. Unha das primeiras cousas que fixemos foi abrir unha conta de correo co título do seminario para compartir os traballos e manter a comunicación, ademais serviunos para establecer o calendario conxunto a través do propio correo e utilizar o seu servizo de almacenaxe virtual para arquivar a información e os traballos que iamos realizando. O enderezo é bibliotecaestacioncentral@gmail.com

Consideramos moi importante a formación externa e tivemos moita sorte cos relatores. O feito de xuntármonos varios grupos de traballo de bibliotecas escolares permitiu que puidésemos contar con relatores como Daniel Cassany ou Víctor Moreno.

O primeiro relatorio, de Gracia Santorum, serviunos para analizar criticamente os nosos blogs e, grazas ás súas indicacións, intentamos melloralos, aínda que un dos problemas que atopamos é o tempo para o facer e, no caso do IES David Buján, a pobre conexión a internet e a carencia de banda larga.

Daniel Cassany analizou as novas formas de lectura da mocidade e mostrounos novas formas de partillar lecturas a través da rede. Víctor Moreno asesorounos na dinamización lectora e Cristina Novoa falou, dun xeito máis técnico, da biblioteca escolar e da súa xestión.

Unha vez recibidas as docencias, reunímonos para determinar as actividades que iamos realizar no marco deste seminario e decidimos centrarnos en tres, de tipoloxías diferentes:

a) Educación documental: concurso Canto Sabes de Libros? Decidimos realizar un concurso conxunto para conmemorar o Día do Libro, consistiu en 20 preguntas sobre libros e lectura que publicamos conxuntamente nos nosos blogs e que se desenvolveu durante a semana do 23 de abril. Para esta actividade establecemos unhas bases do concurso e elaboramos un cartel anunciador.
http://bibliotecaiesmiraflores.blogspot.com.es/2013/05/canto-sabes-de-li...
http://bibliotecaa3p.blogspot.com.es/search/label/Concursos

b) Xestión de recursos: elaboración dunha biblioteca virtual organizada segundo a CDU. Consiste en recoller diferentes recursos de internet coa axuda dos departamentos didácticos dos institutos e elaborar un repositorio, na páxina web do centro ou no blog, con estas ligazóns, organizadas segundo a CDU, para facilitarlle o acceso a estes recursos ao alumnado.

No IES Miraflores abriuse un espazo no blog coa epígrafe “Recursos” e unha ligazón de acceso a Diigo.
http://bibliotecaiesmiraflores.blogspot.com.es/p/recursos.html
https://www.diigo.com/user/bimoleiros

No IES David Buján abriuse un espazo na páxina web da biblioteca dentro da páxina web do centro.
http://www.edu.xunta.es/centros/iesdavidbujan/node/730

c) Dinamización lectora: irmandamento dos clubs de lectura de ambos os centros e realización dunha ruta literaria pola cidade da Coruña, actividade que marcou o final do curso para o alumnado dos clubs de lectura. Ten como obxectivo realizar unha xornada de convivencia entre o alumnado dos nosos clubs de lectura ao redor da lectura dunha obra concreta, que neste caso foron The Corunna boats de Xelís de Toro e A coroa de Napoleón de Jaureguizar, que presentan o tema común da batalla de Elviña en 1809. Aproveitamos tamén para renderlle homenaxe á Rosalía e aos 150 anos da publicación de Cantares gallegos coa lectura de poemas da autora diante da casa que ocupou na cidade.

O desenvolvemento do seminario é valorado moi positivamente por parte de todas as integrantes do grupo. Ambos os equipos enriqueceron o seu labor cotián e, no caso do IES Miraflores, o traballo desenvolto permitiu que se integrasen no PLAMBE neste ano 2013.

Debido á avaliación positiva do traballo realizado ata a data, este curso imos desenvolver a segunda parte do seminario co título  Biblioteca Escolar: Estación

Central II e temos como obxectivos:

  • Establecer a biblioteca escolar como eixe dinamizador do centro.
  • Formar usuarios activos da biblioteca escolar.
  • Fomentar o espírito crítico ante as diferentes fontes de información.
  • Fomentar a convivencia entre o alumnado.
  • Fomentar o protagonismo do alumnado no desenvolvemento dos seus obxectivos académicos.
  • Mellorar os resultados académicos.
  • Fomentar a participación de toda a comunidade educativa na vida escolar.
  • Inculcar valores de superación entre o alumnado.
  • Fomentar a colaboración e o traballo en equipo.
  • Concienciar o alumnado da súa responsabilidade na boa marcha do centro.

Como tarefas específicas continuaremos coa elaboración da biblioteca virtual e co irmandamento dos clubs de lectura. Como nova actividade propoñémonos traballar sobre cine e videoxogos na biblioteca.

Como conclusión, cómpre dicir que a experiencia de traballar conxuntamente dous equipos de biblioteca resulta sumamente enriquecedora, permite un intercambio maior de ideas, axuda ás relacións intercentros de alumnado e profesorado e abre horizontes a posibles colaboracións entre máis centros, por exemplo, do mesmo concello.

 

Sección: