Unha traxectoria a prol da lectura

Memoria e reflexións dun profesor, coordinador da biblioteca escolar dun CPI, na hora da xubilación.

Delio Chao Lolo
Ex-responsable da biblioteca do CPI Luís Diaz Moreno (Baralla)
dcholo@edu.xunta.es

Despois de trinta e cinco anos, catro meses e dezaoito días, tal como reza na resolución da miña xubilación, logo de botar unha ollada ao período da miña docencia, discorren polo visor da retrospección unha multitude de actividades: cargos directivos, escolas viaxeiras, arranxos, coreografías e direccións teatrais, elaboración de murais de gran formato, actividades extraescolares... Sen ningunha dúbida, a experiencia máis gratificante foi a coordinación da biblioteca escolar.

O día que cesei, quedei gratamente sorprendido da emotiva homenaxe que profesorado e alumnado do centro me brindaron por dúas veces na biblioteca. Eu estaba a dar a miña clase cando chaman á porta. Era a directora para avisarme de que unha persoa preguntaba por min, que debería ser un comercial ou algo polo estilo. Aquilo fíxoseme raro porque en horas de clase non atendemos esas peticións. Como insistiu, baixei á biblioteca e alí estaba o alumnado de educación primaria co profesorado dese nivel. Foi un acto sinxelo pero emocionante, sobre todo pola espontaneidade dalgúns nenos e nenas, entre eles o grupiño de axudantes de biblioteca que eu coordinaba.

A mañá discorreu normalmente ata que rematou a miña xornada. Daquela, como cada día, pasei pola biblioteca e velaquí a segunda parte: alí estaba reunido o alumnado da ESO co seu profesorado, ademais do de educación infantil. Recibíronme cunha canción interpretada por rapaces e rapazas que cursan a materia de Música, ao tempo que proxectaban no canón a letra xunto cunha presentación de imaxes do meu periplo educativo. Entre outras cousas dicía: "... Sé feliz, desfruta da túa xubilación que nós coidamos a biblio por ti". Eu tíñame prometido non me deixar afectar cando abandonase o centro, pero hei de recoñecer que isto me tocou a fibra sensible.

Teño que dicir que eu estaba ignorante desta "movida" (se cadra estaba perdendo facultades e a xubilación veume coma auga de maio), pero tiven a sensación de que era algo moi sentido e pareceume que o meu traballo á fronte do equipo de biblioteca servira para algo.

Esta andaina correspondente ao último período da miña vida docente foi moi significativa non só no ámbito persoal, senón tamén para o centro no que traballei estes vinte e dous anos. Estoume a referir ao proceso de mellora e innovación da nosa biblioteca dentro dun contexto normativo: o Plan de mellora de Bibliotecas Escolares.

O centro beneficiouse, entre outros, nos seguintes aspectos:

  • Conseguiu unha biblioteca escolar ben dotada, tanto no tocante a fondos coma a mobiliario e equipamento informático. Estamos a falar de preto de quince mil libros e outros documentos –CD, DVD, filmes–; substitución da totalidade do mobiliario de contrastada calidade e funcionalidade, conformando diferentes ambientes; cinco equipos informáticos con impresora, escáner e lector óptico; tres reprodutores de son situados nun espazo para tal fin; canón proxector acoplado ao equipo de xestión.

  • Equipo de biblioteca como elemento formador. O equipo de biblioteca constituíuse en grupo de traballo para formarnos en aspectos que considerabamos de interese para o desenvolvemento da nosa tarefa. Deste xeito, a través do CFR e da Asesoría de Bibliotecas Escolares, tivemos a carón de nós profesionais que nos orientaron nos pasos que cumpría seguir ou nos ofreceron exemplos de bibliotecas que xa estaban a funcionar.
  • A biblioteca converteuse nun elemento compensador das carencias familiares. No medio rural no que se enclava o centro, as dificultades económicas das familias son abundantes, por non falar da ausencia de ambiente de estudo e motivación lectora. A biblioteca do centro tentou suplir esas carencias e atraer a rapazada á lectura dun xeito pracenteiro e lúdico.
  • A biblioteca escolar é un referente innovador e dinamizador non só no ámbito provincial senón no da comunidade autónoma. A través do foro de Bibliotecas Escolares, encontros e xornadas intercambiamos as nosas experiencias, algunhas delas ben atractivas como Manoel de Ribadaira, E ti para que les?, Viaxe cos libros, De viaxe coa poesía, ou os traballos para o kamishibai por poñer algún exemplo. Por outra banda, eu, como responsable da biblioteca do centro, fun invitado polo CAFI, CFR das catro provincias, pola Asesoría de Bibliotecas Escolares e por numerosos centros de ensino para impartir docencia e amosar o noso bo facer. Xeralmente faleilles, co apoio dunha presentación, dos pasos que demos para transformar e dinamizar a nosa biblioteca. Sempre levei comigo os materiais que lles presentaba para que os visen in situ e ofrecíalles indicacións da súa elaboración. Gustaron moito os miniálbums de Viaxe cos libros, Cada ovella coa súa parella, Xincana cultural, os libriños de poesía dos distintos temas dos proxectos documentais, os calendarios e as guías de uso e de lectura. Cando me pedían que falase do uso das TIC na dinamización da biblioteca, amosáballes os programas que nós empregamos para a elaboración das actividades.
  • A biblioteca, aglutinadora de experiencias interdisciplinares, é o corazón do centro. No seu día propúxoselle ao claustro a necesidade de traballar a biblioteca desde a interdisciplinaridade. Aínda que neste eido queda moito que facer, boa parte do profesorado entende este camiño e participa na súa construción.
  • O alumnado do centro mellora as competencias básicas, especialmente a competencia lingüística, tal como o testemuñan os resultados das últimas avaliacións de diagnóstico. Penso que a biblioteca ten algo que ver despois de nove anos de intensa actividade de promoción e fomento da lectura: Hora de Ler, club de lectura, xincana cultural, caza do tesouro, Mochilas Viaxeiras e un longo etcétera.

  • Foi protagonista de importantes recoñecementos:
    • Selección do centro dentro do programa Plan de mellora de Bibliotecas Escolares. Foi o mellor que lle puido pasar á biblioteca deste centro. O PLAMBE foi un referente para a nosa tarefa dinamizadora, o faro que guiou a nosa andaina, un colectivo cada vez máis grande do que nos sentimos membros e que nos lembra que non estamos sós e que o noso camiño non está errado. O PLAMBE axudounos a medrar e é por iso que cada ano renovamos o noso desexo de continuar nel. O PLAMBE foi sinónimo de formación, innovación, asesoramento, inspiración, intercambio de experiencias e as conseguintes partidas económicas que ano tras ano, e xa van oito, estivemos “gozando”.
    • O premio nacional acadado polo proxecto Dinamización da biblioteca escolar, concedido polo Ministerio de Educación e Ciencia dentro do Concurso Nacional de Ideas para a Mellora e Innovación das Bibliotecas Escolares. Presentámonos a este concurso con certo escepticismo, pero a concesión do premio e o seu comunicado, precisamente nunha das primeiras reunións do equipo de biblioteca, supuxo para nós o pulo definitivo para crer e facer realidade o que ata daquela era só un proxecto.

No ámbito persoal aprendín:

  • A traballar en equipo e constatar que o traballo feito por moitas mans toca a menos a cada membro. Dentro dun amplo equipo que se constitúe cada ano fanse pequenos grupos segundo afinidade horaria. Cada un destes minigrupos encárgase dun aspecto concreto. Entre todas e todos sacamos adiante o que a primeira vista parecería imposible.
  • A innovar metodoloxías na miña tarefa docente. A través do foro do PLAMBE aprendín novos xeitos de ensinar, de conectar o alumnado coa realidade e coas esixencias da sociedade e de amosarlle a utilidade da materia.
  • A  impulsar prácticas na dinamización da biblioteca escolar baseadas nas TIC. Aos inmigrantes dixitais cústanos máis familiarizarnos coas tecnoloxías da información e comunicación. Grazas tamén ao foro, puxen en práctica novas aplicacións, programas descoñecidos para min que melloraron considerablemente o resultado final das actividades deseñadas para a dinamización da biblioteca.
  • A formar parte dun colectivo amplo de persoas que loitamos polos mesmos ideais, no que nos formamos, compartimos experiencias e resolvemos dificultades. Cada vez que un membro formula unha pregunta, deseguido obtén unha chea de respostas que solucionan o seu problema. Cando se emprende un longo camiño, axuda bastante ver que un non está só, que as túas inquedanzas son tamén as dos demais, que entre moitos, cando todo parece escuro, sempre hai alguén que atopa un verme de luz para poder continuar.
  • A ser máis solidario e a crear a plataforma axeitada para lles dar a coñecer ao centro e a toda a comunidade PLAMBE os recursos elaborados persoalmente e desde o equipo de biblioteca. Estoume a referir ao blog da biblioteca Barallando saberes. Cando botamos a andar, o foro foi a nosa fonte de inspiración. Unha vez que tiñamos produción propia, eu sentía a necesidade de compartila e, deste xeito, devolver todo o que recibiramos. Con esa finalidade naceu Barallando saberes no que, ata agora, colguei todas actividades elaboradas. Cunha simple ligazón podemos facer chegar ao foro calquera delas.
  • A facer da lectura e da súa promoción o fin último dos meus esforzos profesionais.

Porque entendo que a lectura nos tempos de hoxe é indispensable para todos e todas, pero sobre todo para os nosos escolares. Coa lectura aprenderán a ser críticos, a entender o mundo, a pór en orde a súa mente, a ser máis felices.

Vou contar tres anécdotas que marcaron a miña vida no tema da lectura:

Lembro de cando era neno a carencia total de libros. Na escola non había máis de vinte, varios do mesmo título, e eses poucos só se empregaban para ler en rolda diante da mesa da mestra. Unha vez a mestra trouxera libros novos. A min caíanme os ollos por eles. Deixoume un ata o día seguinte e pasei toda a tarde léndoo porque de noite non se podía: aínda non había luz eléctrica.

Tamén lembro a biblioteca dos meus anos de bacharelato nun centro relixioso como un lugar prohibido. Aquel lugar sempre estaba pechado, un auténtico santuario do silencio e, cando o atopabamos aberto, cousa rara por outra parte, entrabamos a el en busca daqueles tesouros que supoñiamos vedados para nós polo carácter de oculto, de prohibido. Abriamos enciclopedias de arte e navegabamos avidamente polas súas páxinas sabéndonos furtivos e temerosos de ser sorprendidos.

A última ten que ver cos meus primeiros anos de docencia nunha escola rural unitaria. Había unha nena de tres anos que todos os días traía un conto á escola. As máis das veces, o mesmo libro. No recreo reunía un grupo de nenos e nenas e contáballes o conto como se o estivese lendo, con xestos e modulacións de voz; pero a nena, evidentemente, aínda non sabía ler. Ao pouco tempo, lía perfectamente sen que ninguén llo ensinase sistematicamente.

Algunhas persoas acabaron sendo lectoras a pesar da carencia de libros na súa infancia e da falta de estímulos na súa familia. Incluso a prohibición pode ser un estímulo para que se desexe dun xeito especial aquilo ao que non se ten acceso. De todas as formas, non parecen as condicións máis axeitadas para crear lectores e lectoras. Cando eu tiven a responsabilidade da biblioteca do centro no que traballei, tiven sempre o compás orientado a un norte no que non faltasen libros e outros materiais en cantidade e calidade e que fosen accesibles para o alumado para así compensar as carencias económicas e a falta de estímulos familiares.

A última anécdota fala por si soa. Pon de manifesto a importancia da familia na educación dos nosos escolares, de que aos nenos e nenas se lles lea desde os primeiros momentos, porque esa lectura é un acto de amor e as emocións afondan na nosa personalidade. Ler non é só descifrar un código. É transmitir coa voz, cos xestos, coas expresións da cara. A nena desta historia aprendeu todo iso na súa familia.

En fin… penso que colaborei para que o centro tivese unha biblioteca acorde cos tempos que corren, ben dotada e dinamizada; despedíuseme cunha homenaxe de toda a comunidade escolar recoñecendo o meu traballo; paso o testemuño agardando que os corredores que quedan contribúan ao éxito do equipo: o centro terá a biblioteca que o profesorado, apoiado polo equipo directivo, queira ter.

 

Sección: