Lecturas compartidas

A biblioteca do IES Poeta Díaz Castro vén realizando nos últimos anos unha serie de actividades relacionadas coa lectura compartida, coa lectura en alto, coa lectura lúdica, coas que, ademais de descubrir vantaxes directas deste tipo de lectura, pretenden implicar o alumnado e o profesorado en novas formas de traballar e aprender.

Santiago Dans Sampedro
Profesor e coordinador do Equipo de Biblioteca do IES Poeta Díaz Castro
sdans@edu.xunta.es

INTRODUCIÓN

O alumnado do centro pertence aos concellos de Guitiriz e Aranga. Trátase dunha zona rural cunha poboación diseminada. O núcleo máis grande, onde está o instituto, ten 1.658 habitantes, o resto distribúese en 310 entidades de poboación. Neste contexto pensamos que o traballo do centro de ensino e da biblioteca pode ter máis incidencia ca noutras zonas, onde o alumnado pode cubrir boa parte das súas necesidades e inquedanzas culturais e de formación á marxe do seu centro de ensino. O instituto conta cuns 210 alumnos en ensinanzas de ESO e bacharelato e 33 profesores. O equipo de biblioteca está formado por cinco profesores. Este equipo está formado por profesores de diferentes departamentos para ampliar así a perspectiva interdisciplinaria na biblioteca. Ademais procuramos manter unha estreita colaboración cos diferentes departamentos didácticos e especialmente co equipo de normalización lingüística para organizar actividades de promoción da lectura, de formación de usuarios etc.

Entendemos que un dos principais obxectivos da biblioteca escolar debe ser o fomento da lectura. Atendendo a isto, tentamos desenvolver o noso labor na procura de máis lectores, de lecturas máis variadas, de novas formas de lectura. Ao tempo consideramos que a biblioteca debe ser un centro impulsor de actividades culturais dentro do centro e incluso no seu contorno. Para lograr isto, temos que contar co alumnado presentándolle propostas atractivas. Por último, a biblioteca debe contribuír a impulsar novas dinámicas de traballo máis participativas, con máis colaboración interdiciplinar e participación activa do alumnado. Tendo presentes estes tres obxectivos, a biblioteca organiza e coordina moitas actividades (pódense ver no blog da biblioteca) ao longo do curso, das que vos presentamos tres que pensamos que poden contribuír modestamente a avanzar neste camiño.

OS CLUBS DE LECTURA

O noso traballo arredor da lectura en alto e compartida principiou xa hai uns anos nos clubs de lectura. Durante a reunión semanal que realizan os clubs, nun dos recreos, faise unha lectura en alto e comentada dos textos escollidos. Aínda que ao longo do curso se fan menos lecturas ca noutras modalidades, cremos que esta forma de lectura común en alto contén certas vantaxes: provoca o intercambio de experiencias propias e alleas á luz da lectura que se está a facer; favorece a aprendizaxe entre iguais; o alumnado toma consciencia da importancia dos elementos que configuran unha boa lectura para facerse entender e corrixe, suxire, esixe ao compañeiro desde modos de pronuncia ata un determinado volume de lectura, ritmo...; acláranse termos e contidos non só por parte da persoa que coordina, senón entre os participantes; a lectura convértese tamén nun elemento que posibilita o coñecemento doutras persoas cos mesmos intereses. Todos estes elementos, dunha forma ou doutra, están presentes no resto das actividades de lectura compartida que realizamos.

COMPARTINDO CONTOS NOS COLEXIOS

 

Lectores e pequenos do colexio de Lagostelle)

A idea de realizar esta actividade de lecturas compartidas naceu despois de escoitar, nos Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia do 2010, algunhas experiencias de apadriñamentos lectores. Así, nese curso 2010-2011 propuxémonos conmemorar o Día do Libro celebrando un encontro “lector” cos pequenos dos colexios de primaria do noso concello. Ao noso IES acoden alumnos de tres colexios: o CEIP Plurilingüe Lagostelle, en Guitiriz; o CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga e CEIP da Castellana que están, ademais, en localidades diferentes. Isto ía supoñer certas dificultades de coordinación á hora de fixar o día, os horarios, os desprazamentos, pois a nosa pretensión era facer as lecturas o mesmo día e ao mesmo tempo nos tres coles, coincidindo coa celebración do Día do Libro. En primeiro lugar, puxémonos en contacto cos colexios para saber se estaban interesados en participar na actividade e ademais para escoitar as súas propostas e suxestións de cara á organización (tempo, agrupación por niveis etc.), pois eles coñecen mellor as necesidades do seu alumnado. Temos que destacar as facilidades dadas por estes centros. Acordamos facer lecturas para todos os niveis, de contar con lectores suficientes. Pareceunos que unha lectura en grupo, con varias voces, podía ser máis atractiva para os pequenos, así que organizamos grupos de catro para preparar unha lectura conxunta. Contamos no primeiro ano cuns 30 voluntarios desde primeiro ata cuarto da ESO. Distribuír os grupos por colexios non foi sinxelo: cada un quería ir ao cole onde estudara, ler onde tiña un irmán, un curmán… e case todos preferían lerlles aos máis pequenos. Cunha reunión de todos na biblioteca, fomos resolvendo o asunto sen demasiados damnificados.

A selección dos contos no foi doada. Necesitabamos contos axeitados para unha lectura colectiva, con varios personaxes e diálogos. Tiñan que ser tamén adecuados para cada nivel: contos de repetición para os máis pequenos, contos con humor para os maiores, contos con boas ilustracións. Buscamos asesoramento nos propios coles, na Biblioteca Infantil e Xuvenil da Coruña e tamén na experiencia de pais lectores de contos infantís. Para apoiar a lectura e que os pequenos puidesen seguila mellor, fixemos unhas presentacións coas imaxes dos contos. Iso condicionou logo o lugar onde facer as lecturas, que tiña que dispor de proxector.

O seguinte paso era organizar o noso alumnado e preparar as lecturas. Contamos coa colaboración do profesorado, especialmente de linguas, que axudou usando incluso tempo da súa clase. Falamos tamén cos titores para que os lectores puidesen practicar diante dos seus compañeiros e ir perdendo a vergoña, corrixir erros, medir tempos etc. Ademais, durante a semana anterior, os grupos de lectores dispuxeron da Hora de Ler.  Preparar a actividade implicou, polo tanto, a colaboración de moito profesorado. A maior parte dos grupos usaron tamén os recreos para ensaiar, o que amosa o interese e a ilusión con que abordaron o seu papel. A preparación supuxo para os participantes un reto e, sobre todo, unha oportunidade de aprender: tiñan que repartir personaxes, coordinar a lectura entre todos, ter en conta as imaxes… (algúns preferiron non usar as imaxes e prepararon outros recursos, tal como se pode ver no blog da biblioteca). Durante a preparación decatáronse dos problemas da lectura en alto: da importancia da entoación, da vocalización, de saber xogar cos silencios, da xestualidade... Como pasa moitas veces neste tipo de actividades, levamos sorpresas (facer enlace) con algúns alumnos que non son moi activos nas clases e nestas ocasións amosan moita iniciativa.


(Vídeo 1. A que sabe a Lúa no Colexio de Lagostelle, lida e interpretada por alumnas de terceiro da ESO)

Repetimos a experiencia nos dous cursos seguintes. Aínda que quedamos satisfeitos cos resultados do ano anterior, introducimos algúns cambios. Queriamos un contacto máis estreito entre o lector e os pequenos, que lles permitise a estes participar máis activamente, preguntar, interromper, mirar o libro, tocalo e, incluso, ler tamén. O ideal sería un lector por pequeno, pero iso era difícil xa que teriamos que atender uns 180 alumnos de infantil e primeiro ciclo de primaria entre os tres coles, para o que contabamos con 60 voluntarios no 2012 e xa con 100 no 2013. Nos colexios formaron grupos de dous ou tres pequenos, de xeito que os nosos lectores irían rotando para lles ler o seu conto a diferentes grupos.

 

Lendo para os pequenos

 

Lecturas compartidas

Nesta ocasión necesitabamos moitos máis libros. Na nosa biblioteca non temos contos axeitados para esas idades, así que recorremos ás bibliotecas dos propios colexios e a un préstamo da Biblioteca Ágora Coruña. Para preparar as lecturas contamos de novo coa axuda dos profesores de linguas, que aconsellaron e ensaiaron cos lectores, e dos titores, que facilitaron tempo para preparalas. Desde a biblioteca preparamos un documento cunha serie de recomendacións que lle entregamos a cada lector co seu conto. A semana anterior reunímonos por grupos na biblioteca para explicar esas recomendacións e poñelas en práctica

No 2013 dificultamos aínda máis a cousa cun intercambio de cartas. Os nosos alumnos mandáronlles, nas semanas anteriores, cartas aos alumnos dos colexios explicándolles o que iamos facer. Tratabamos así de crear certa expectativa (ademais de ensinar a escribir unha carta co seu sobre, enderezo, remitente etc., que non todos saben). Pola súa banda, nos colexios ían aproveitar as lecturas para traballar algo máis: un par de semanas despois recibimos as cartas e traballos dos pequenos, sobre todo, debuxos inspirados nos contos, cos que fixemos unha exposición no instituto. O noso alumnado recibiu con grande ilusión estes traballos. Deste xeito, os pequenos tomaban un papel máis activo, non de meros receptores e a actividade prolongábase no tempo.

 

Exposición de traballos feitos polos pequenos dos coles

 

O Día do Libro saímos cos autobuses cara aos colexios. Para darlle un aire máis lúdico, decidimos non facer as lecturas nas aulas. A nosa intención era facelas ao aire libre, pero o tempo non axudou. Nas bibliotecas non cabiamos todos, así que nos distribuímos por corredores, bibliotecas, vestíbulos. Cada lector leulle, con calma, o seu conto a un grupo de pequenos e, ao rematar, despois de comentar un pouco a lectura con eles, pasaba ao seguinte grupo.

 


(Vídeo 2. Lectura no 2012 no colexio de Lagostelle. Música composta pola profesora de Música Sandra Tenreiro a partir dun poema de Xosé María Díaz Castro e interpretada por alumnos e alumnas do instituto.)

A actividade tivo unha boa acollida entre o alumnado, de feito, notouse un incremento notable da participación entre o primeiro ano, con 30 lectores, e o terceiro, con algo máis de 100 (no instituto hai uns 160 alumnos de secundaria que podían participar). Cremos que a experiencia foi moi interesante no só para o noso alumnado, senón tamén para os pequenos que viviron un día especial, gozando da lectura como xogo, participando de xeito activo, preguntando, interrompendo con curiosidade, lendo. Todo isto, ademais, deu pé a que continuasen o traballo cos seus mestres.

 


(Vídeo 3. Os pequenos valoran a actividade.)

POESÍA E MÚSICA NO MERCADO

Os mércores é día de mercado en Guitiriz. No curso 2012/13 propuxémonos, en colaboración co EDNL e o Departamento de Música, celebrar o Día das Letras Galegas na praza da vila, no mercado. É o problema de ter unha reunión semanal do grupo de biblioteca: sempre hai alguén que viu algo que fixeron nalgún sitio ou que se lle ocorre algunha idea e pronuncia a temida frase “podíamos facer…”. Tratábase de dar un paso máis nesta liña de abrir o noso traballo cara ao exterior, de compartir, agora poesía e música, xa non só cos alumnos de primaria senón con todos os veciños da vila. Deste xeito, afondabamos tamén na colaboración coas demais institucións educativas do concello, pois ao festival foron invitados tamén os colexios, que se farían cargo, co alumnado de sexto, da lectura dalgúns poemas, e a escola de música, que abriría e pecharía o acto cun grupo de gaiteiros. Ademais era tamén unha forma de amosar algo do traballo que facemos no centro e, por suposto, unha boa experiencia para o noso alumnado. O acto ía consistir basicamente na lectura de poemas por alumnos do instituto e de primaria e na actuación dos alumnos de música, que, entre outros temas, interpretarían algúns poemas de Díaz Castro musicados pola profesora de Música, Sandra Tenreiro (ver programa). Hai que destacar o enorme esforzo feito polo alumnado de Música, que traballou moito para ter a punto todos os temas musicais, e por parte da compañeira, que logrou non só uns fermosos resultados, senón que todos os seus alumnos e alumnas participasen nunha ou noutra peza.

 

Alumnado de Música preparando a súa actuación

Foron tamén eles os que se encargaron de montar todo o necesario na praza, que non era pouco: instrumentos, altofalantes, micros, cables, mesa de son, cadeiras para os músicos. O mércores anterior ao día 17 presentámonos na praza con todo o equipo e, entre repolos e camisetas “todo-a-tres-euros”, fomos colocando os nosos poemas e as nosas cancións de balde. Tiñamos medo da reacción dos comerciantes, pero non puido ser máis cordial. Durante unha hora foron sucedéndose poemas e música e mesturándose cos sons da feira (foto). Entre o público, claro está, había moitas nais, pais, avós e avoas que puideron gozar do traballo dos seus fillos e, se cadra, entender un pouco mellor o que facemos no instituto. A valoración da experiencia foi bastante positiva para todos os participantes

 


(Vídeo 4. Resumo da celebración das Letras Galegas 2012. Escóitanse fragmentos de “Penélope”, poema de Díaz Castro musicado pola nosa compañeira Sandra Tenreiro e “Chove en Santiago”, letra de Federico García Lorca e música de Alberto Gambino; ambos interpretados por alumnado do instituto.)

TODO ISTO, PARA QUE?

Creo que podemos sacar moitas cousas positivas desta experiencia para os nosos alumnos e alumnas:

  • Presentar a lectura como algo lúdico que se pode compartir e gozar con outros, que incluso permite coñecer xente con intereses comúns. Os nosos alumnos redescubriron a lectura como elemento motivador para a comunicación e como xogo.
  •  
  • Ver, na lectura en alto, un medio para mellorar a nosa comprensión lectora. Para poder ler ben en alto, é necesario entender correctamente o texto, o seu vocabulario, expresións, sentido... hai que buscar no dicionario, preguntar. Para contar, recitar correctamente ou cantar, os alumnos tiveron que ler os textos e profundar neles ata acadar a interpretación desexada.
  •  
  • Aproveitar a lectura en alto para mellorar a nosa capacidade de expresión oral, pois os lectores tiveron que aprender a dominar unha serie de recursos moi útiles que, por certo, se traballan moi pouco nos centros de ensino e que, non obstante, necesitamos e usamos todos os días na nosa vida, como respectar os signos ortográficos (puntos, comas, signos de admiración e interrogación…);  ter en conta non só a entoación lingüística (marcada polos signos ortográficos) senón tamén a entoación emocional (as frases entóanse sobre todo en función do que pretenden expresar); apreciar os cambios de ritmo, os silencios, como recursos para manter o interese do público; saber que cada tipo de texto require un ton, unha modulación, unhas inflexións (non se len de igual xeito unha historia tétrica, un relato irónico, un poema, un ensaio, unha noticia etc.); axudarse dos xestos para resaltar algunhas pasaxes, palabras etc.
  •  
  • Valorar a importancia de preparar ben as actividades para obter resultados satisfactorios e, sobre todo, resaltar o valor do traballo en grupo: a colaboración e o funcionamento correcto do equipo foi a base dun resultado satisfactorio, tanto nas lecturas en grupo como nas actuacións musicais ou na montaxe dos materiais.
  •  
  • Superar os medos e os nervios de presentarse, de falar ou actuar en público, apoiados na base dun traballo ben preparado.
  •  
  • Procurarlle ao alumnado a posibilidade e a responsabilidade de sentirse protagonistas de iniciativas culturais interesantes para a súa comunidade ou para os máis pequenos. Os nosos alumnos sentiron unha gran satisfacción por volver aos seus antigos coles e, diante dos seus mestres, amosar o que saben, ensinarlles  algo aos máis pequenos...

Pensamos tamén que este tipo de actividades, xunto con outras organizadas ou coordinadas desde a biblioteca, contribúen a crear dinámicas de traballo no centro máis participativas e nas que a colaboración entre o profesorado e alumnado cobra especial protagonismo.

  • Asumir, por parte do profesorado, que hai unha serie de contidos, competencias ou “cousiñas” (como queiramos chamarlles) que non sempre se poden traballar só, ou mellor, desde unha materia concreta ou desde a aula.
  •  
  • Mellorar a colaboración do profesorado en pequenos proxectos que requiren un tratamento máis interdisciplinar. Esta colaboración do profesorado pasa tamén pola cesión de tempos, pois as actividades “interrompen” o desenvolvemento “normal” das clases; cremos que temos asumido que estas “interrupcións” acaban sendo un beneficio para todos, e que, ás veces, perder unha hora significa gañala.
  •  
  • Incremento da participación do alumnado en actividades do centro. Sempre parece mellor ir ler contos que asistir á aburrida clase de Historia ou Mates, pero isto tamén implica traballo: empregar parte do seu tempo libre ou dos períodos de lecer no instituto, recuperar o tempo perdido nunha determinada materia...
  •  
  • Abrir o noso centro ao exterior, para aprender e para mostrar o que aprendemos. Manter unha relación máis estreita cos colexios dos que saen os alumnos que veñen ao noso centro –do contorno–, implicar máis o centro na vida cultural da vila.

Por último, todas estas experiencia contribúen a romper a monotonía do traballo no centro, a mellorar a relación entre o alumnado e entre o alumnado e o profesorado e pode que tamén, case dá medo dicilo, a pasalo ben mentres aprendemos, que non é pouco...

Para ter máis información

Compartindo contos
http://biblodiazcastro.blogspot.com.es/search/label/Compartindo%20contos

Letras Galegas
http://biblodiazcastro.blogspot.com.es/search/label/Dia%20das%20Letras%2...

 

Sección: