Bibliotecas escolares

Navegando nun mar de información

O artigo céntrase nos dous obxectivos que determinan o labor da nosa biblioteca: coñecela e aprender a empregar os seus recursos, aprender a investigar e empregar a información.

Encarna Fernández Deibe
Profesora e responsable da biblioteca escolar do CEIP Plurilingüe de Andrade. encarnaer@gmail.com

O noso centro

O CEIP Plurilingüe de Andrade é un centro de educación infantil e primaria con 140 alumnos e alumnas e 16 mestres. Está situado nunha zona rural, moi preto da pequena  vila costeira de Pontedeume. 

A súa biblioteca, Soños de Andel está no PLAMBE (Plan de mellora de Bibliotecas Escolares) desde o curso 2008/09. Unha das características que definen esta biblioteca é o seu empeño nunha dinamización que teña en conta a toda a comunidade educativa: mestres, alumnado, familias e persoal non docente.

Un aspecto que nos preocupa é que, na actualidade, ao noso alumnado chégalle moitísima información en múltiples soportes (especialmente a través de internet) e non sempre información de calidade. Polo tanto, unha das nosas principais tarefas é axudalos a navegar nese mar de información e pensamos que a biblioteca é un lugar privilexiado para facelo.

A continuación explicaremos algunhas das experiencias que realizamos,  non só para alcanzar unha boa alfabetización informacional do alumnado,  senón para facelo implicando o profesorado e as familias.

Que facemos desde a biblioteca?

Unha vez que tivemos a biblioteca con recursos e ben organizada, o seguinte paso foi pensar en estratexias para os dar a coñecer e conseguir o mellor uso destes materiais, con dous obxectivos fundamentais:

1. Coñecer a biblioteca, aprender a empregar os seus recursos:

  • Familiarizarse coa biblioteca.
  • Coñecer os seus recursos informativos.
  • Localizar e seleccionar recursos físicos.
  • Localizar e seleccionar recursos dixitais.

2. Aprender a investigar e empregar a información:

  • Organizar e planificar proxectos de investigación.
  • Comprender e reorganizar información.
  • Comunicar e compartir o aprendido

Vistas da biblioteca. Guía da biblioteca

 

Navegando cos mestres

Ao principio do curso, antes de comezar o traballo co alumnado, realizamos unha reunión por ciclos, cos titores, aos que lles entregamos un cartafol que contén os seguintes documentos:

  • Guía da biblioteca.
  • Calendario do libro e da lectura.
  • Titoriais de recursos Meiga.
  • En que consiste a Hora de Ler?
  • Mochilas viaxeiras (Google drive): para que están pensadas e normas de uso.
  • Decálogo lector: adaptación e tradución do decálogo de Mariano Coronas Cabrero con dez puntos sobre que é unha familia comprometida coa lectura, e que nos resulta de grande utilidade para introducir o tema da lectura na reunión coas familias.
  • Itinerarios lectores: selección de títulos axeitados para cada nivel de idade escollidos con criterios de calidade e en función dos obxectivos recollidos no proxecto lector  de centro.
  • Caderno ALFIN (elaborado por Olga Rodríguez Díaz do CEIP Milladoiro-Malpica) que abarca os seguintes puntos: buscar na web, esquema e etapas para traballo documental e como se escribe unha bibliografía.
  • Aprender a buscar na rede. Presentación elaborada por Olga e Charo Sánchez Gabriel.
  • Ferramentas para blog.

Tamén presentamos as actividades de formación de usuarios que figuran nun apartado específico do blog de biblioteca. Nestes últimos cursos, en vez de realizar estas actividades sistematicamente, intentamos contextualizalas en función das necesidades que se lle van formulando ao alumnado a raíz das tarefas desenvolvidas na aula.

Despois  imos achegando os recursos que os mestres propoñen, relacionados co PDI (proxecto documental integrado) anual, coas tarefas concretas de aula ou de materiais que precisan para traballar con  alumnado de necesidades educativas específicas.

Hai dous cursos, despois dunha profunda reflexión por parte de todo o claustro de profesores, chegamos á conclusión de que deberiamos  traballar de forma máis coordinada entre os diferentes ciclos e desde a biblioteca propuxemos levar a cabo un proxecto de formación en centros para concretar as actuacións.

Deste proxecto que durou dous cursos saíron varios acordos, entre os que destacamos:

  • Pautas comúns para traballar a lectoescritura, recollidas nun documento.
  • Secuenciación TIC para cada ciclo, tamén recollidas nun documento.
  • Wikis. Unha wiki de recursos educativos en liña por materias e cursos, para poder contar cun espazo onde organizar todos os recursos de calidade que o profesorado vai atopando na rede e que considera útiles para o traballo na aula; outra wiki para ir elaborando con alumnado do terceiro ciclo un glosario plurilingüe, e outra wiki para cada un dos cursos do terceiro ciclo deseñada por materias para os traballos do alumnado.
  • Recursos educativos
  • Emprego do kidblog como ferramenta para traballar nas aulas Abalar. As ligazóns figuran no lateral da  páxina web do colexio.
  • Emprego da rúbrica como ferramenta para avaliar as diferentes tarefas programadas nos traballos por proxectos e que recolle: aspectos que hai que avaliar e criterios de avaliación graduados.
  • Un esquema de pautas para traballo en grupo, que todo o profesorado do centro lle entregará ao alumnado sempre que se programe unha actividade cooperativa.

 

Traballando coa información

 

Navegando co alumnado

Se me falas, escoitarei. Se me amosas, mirarei. Se me deixas facelo, aprenderei.
Lao Tsé

1. Coñecer a biblioteca, aprender a empregar os seus recursos

Ao principio do curso todo o alumnado pasa pola biblioteca; desa maneira recordamos as normas de uso, horario, empréstitos, distribución dos espazos, presentación do novo equipo de alumnos colaboradores, club de lectura, Hora de Ler…, pero tamén para que saiban que na biblioteca  poden  escoitar e ler contos, ver películas (de forma autónoma na zona multimedia), navegar por internet (na zona informática) e que temos unha zona de xornais e revistas. E lembrámoslles que poden recomendar algún libro que lles gustase especialmente, a través do taboleiro ou do blog da biblioteca. Sempre realizamos un acto de apertura e visita á biblioteca por ciclos.

2. Aprender a investigar e empregar a información

Traballar ALFIN a través do traballo por proxectos.

Os proxectos documentais integrados son pequenos traballos de investigación nos que o alumnado traballa directamente coa documentación (con independencia do soporte) aprendendo a aprender e a traballar autonomamente.
Rosa Piquín

O traballo por proxectos fai que o alumnado se formule dúbidas que o conducen á certeza de que ten que investigar. Unha serie de preguntas conducen o proceso: Que sabemos? Que queremos saber? Onde atopamos a información? Como nos organizamos? Que facemos coa información? Como resultou todo?

Para traballar por proxectos necesitan saber:

  • Localizar a información: onde e de que maneira encontrar información (oral, escrita, audiovisual, gráfica, por internet, na casa, na biblioteca pública, na biblioteca do cole...) e con quen nos informamos (pais/nais, avós/avoas,  expertos...), intentando que as fontes de información sexan diversas: persoais, de tipo gráfico, visual, plástico...
  • Tratar a información: ler, resumir, esquematizar, reescribir…
  • Comunicar a información.

Tamén consideramos moi importante ensinarlle ao alumnado a citar correctamente as fontes bibliográficas e valorar a presentación dos traballos.

Experiencias:

A modo de exemplificación, presentamos un proxecto multimedia, Desde o corazón da mazá, dirixido a quinto curso de primaria. Este traballo está englobado dentro dunha iniciativa das bibliotecas de colexios e institutos públicos de Ferrolterra, dedicado a Xoán Farias, no que cada biblioteca participante tivo que elaborar un mural dixital sobre un libro de Xoán Farias. Nós escollemos Desde o corazón da mazá.

Comezamos preparando os recursos para o alumnado (carpeta de biblioteca):

Guía de usuarios da biblioteca.  Un documento sobre como elaborar unha biografía. Como presentar un libro.

Como traballar en grupo. Titorial audiacity e titorial de gravación dun vídeo e manexo de Glogster.  Uso de internet.

Para avaliar o traballo elaboramos unha rúbrica.

Por que dicimos que este é un proxecto documental integrado?

É un proxecto  porque forma parte dun traballo colaborativo, realizáronse traballos en grupo e resultou unha aprendizaxe significativa.

É documental porque tiveron que localizar a información –localizar os libros de Xoán Farias dentro da biblioteca, a súa biografía–, tratar a información –cada grupo elixe a temática que quere traballar e ten que ler, resumir e  reelaborar a información–, crear un cartafol co nome do proxecto e dentro dese cartafol gardar imaxes (empregando imaxes libres: Cnice mediatica, Google busca  avanzada), debuxos escaneados, sons, gravacións-audiacity con música libre (Sound Cloud, Freeplaymusic, Jameando),  vídeos da representación teatral, textos e ligazóns. E empregar toda esa información para finalmente crear o mural dixital en Glogster. Por último, teñen que comunicar a información.  Este traballo foi presentado na biblioteca para todo o alumnado do colexio e subiuse a unha páxina web con todos os outros murais dos diferentes colexios e institutos. Está aloxado en un neste sitio.

É integrado porque se implican diversas áreas do coñecemento, empregan tanto libros de ficción coma  informativos e outro tipo de documentos. As áreas de coñecemento implicadas son:

  • As linguas: ler, resumir, reelaborar a información, expresión oral.
  • Área de artística: debuxos, deseño do mural, teatro.
  • TIC: Audiacity, vídeo, Glogster.
  • Coñecemento: situar a Xoan Farias en Serantes-Ferrol.

Colaboración con outras bibliotecas escolares

Outra experiencia:

As cores de Galicia. O mundo de Leandro Lamas. Unha tarefa dentro dun proxecto dirixida a alumnado do terceiro ciclo.

Planificar

Como colofón do proxecto As cores de Galicia. O mundo de Leandro Lamas, recibimos a visita do pintor galego Leandro Lamas. O alumnado do terceiro ciclo é o encargado de elaborar unha presentación que resuma todas as actividades que fixemos, o que sabemos sobre el, a súa obra, e elaborar unha entrevista.

Para avaliar o traballo, elaboramos unha rúbrica.

Traballo en grupo.

Localizar a información

O primeiro é dotalos dos materiais necesarios

-Recursos alumnado. Carpeta da biblioteca (con Guía de usuarios da biblioteca).

-Ligazón ao blog da biblioteca: como fonte de recursos e de información sobre o proxecto. 

-Documentos “Como preparar unha conferencia”, “Uso de internet”, “A pintura, outra forma de ler” e “Aprendendo a facer entrevistas”. 

Tratar a información

Preparación dunha presentación en Power Point que conteña as seguintes epígrafes: “Que actividades fixemos?” “Que sabemos do autor e da súa obra?” “Que queremos saber?” “Recompilación de todas as preguntas dos diferentes cursos para elaborar unha entrevista”.

Comunicar a información

Presentación co  Power Point.

Crónica da súa visita no blog da biblioteca que pode verse nesta ligazón.

 

Recanto de lecturas. Lecturas compartidas

 

Para concluír

Navegamos co profesorado e navegamos co alumnado, pero tamén coas familias. Sen elas, todo resultaría moito máis complicado, por iso, establecemos vías de comunicación a través de actividades, posibilitando o coñecemento do que se fai no centro, de como se traballa na biblioteca, de como poden axudar os seus fillos, de como poden colaborar connosco e como poden utilizar os recursos cos que contamos. Necesitamos que elas, tamén, naveguen con nós para que os mares nos sexan propicios.
 

Bibliografía: 

 

  • PIQUÍN, Rosa: Proyectos documentales integrados: en qué consisten y fases de elaboración.
  • DURBÁN ROCA, Gloria: Competencia informacional si, pero ¿cómo?
Sección: