Aprendemos actuando

O noso teatro en inglés

CPR Plurilingüe Ntra. Sra. Inmaculada (Santa Comba- A Coruña)
cpr.nuestrasenora.inmaculada@edu.xunta.es

 

Contextualización

O CPR Plurilingüe Ntra. Sra. Inmaculada é un centro de educación infantil e primaria que está situado en Santa Comba, nun contorno rural no que a lingua predominante é o galego. As posibilidades de que os nenos e nenas contacten con inglesfalantes, xa sexan nativos ou non, realmente son moi reducidas. Por iso, o colexio desde o curso 2010 vén impulsando en todas as etapas educativas unha serie de iniciativas encamiñadas a potenciar as destrezas necesarias que lles permitan falar e comprender unha conversación a través de contextos reais, óptimos e divertidos.

 

Obxectivos

  • Crear lazos de familiaridade entre o centro e a comunidade educativa.
  • Formar o alumnado no diálogo e nas interaccións sociais na lingua inglesa, respectando quendas de palabra, entoacións e acento.
  • Desenvolver hábitos de traballo en equipo, de esforzo e de responsabilidade.
  • Potenciar o sentido crítico, a iniciativa persoal, a motivación e a creatividade na aprendizaxe.
  • Desenvolver a habilidade de falar en público noutra lingua estranxeira para conseguir confianza en si mesmos e perder paulatinamente o medo escénico.

 

Descrición do proxecto

Con motivo da celebración da festa do colexio no curso 2014/15 realizamos a representación teatral Frozen. Para desenvolver o noso traballo, puxemos en práctica un enfoque por tarefas que nos permitía acadar a competencia comunicativa integrando diferentes destrezas e habilidades na realización da tarefa final.
A finalidade primordial deste enfoque era entrelazar os distintos saberes, coordinar todos os especialistas, integrar a vida escolar coa extraescolar, desenvolver unha comunidade educativa aberta e conseguir unha maior apertura lingüística.

 

Metodoloxía

Neste apartado traballamos varias tarefas :

TAREFA LINGÜÍSTICA E COMUNICATIVA: consta de varias fases:

  • 1.ª fase: visualización do filme en versión orixinal con subtítulos en inglés.
  • 2.ª fase: realización do guión en inglés adaptando o diálogo, o vocabulario e as estruturas gramaticais segundo o nivel de cada alumno.
  • 3.ª fase: lectura conxunta do guión para a súa comprensión, incluíndo a posibilidade de que o alumnado dos cursos máis altos puidese participar na elaboración dun final alternativo, coa finalidade de fomentar a creatividade.
  • 4.ª fase: asignación de papeis. Para nós era fundamental que cada neno e nena se identificase co seu personaxe, e facer posible que se sentisen a gusto no seu espazo escenográfico. Tivemos, por suposto, que respectar as súas capacidades e o seu carácter. Queriamos que cada un tivese confianza en si mesmo para motivalos e fomentar entre todos un espazo de convivencia en igualdade, diversión, potenciando habilidades sociais, sen xulgar. Isto fixo que tivésemos que facer cambios na repartición de personaxes, posto que a nosa distribución inicial non se adaptaba á idea que tiñan os nenos. Tras valorar as súas opinións, fixemos os cambios aconsellados por eles, o cal nos posibilitou que os ensaios fosen moi doados.
  • 5.ª fase: ensaio do diálogo en secuencias de acto. Debido á diferenza de idades e niveis, tivemos que empezar con grupos reducidos —máximo tres ou catro nenos— para practicar de forma óptima varios aspectos lingüísticos como a pronunciación, as entradas de papeis, a xesticulación, os movementos, o contacto visual...

En todo momento as profesoras actuaron como guías da actividade e o alumnado mantívose sempre activo, valoráronse as súas propostas, os posibles cambios e ideas.

  • 6.ª fase: ensaio do diálogo por actos. Unha vez ensaiadas e asimiladas as secuencias de cada acto, procedemos a reunir todos os personaxes do acto para unha visión completa deste.

  • 7.ª fase: ensaio xeral dos tres actos completos.

Unha vez ensaiados os actos por separado, reunimos a todos os nenos e nenas para un ensaio xeral da obra. Nesta parte, démoslle prioridade á posición dos nenos sobre a escena: entrada, saída, quendas de palabra, distribución e colocación. Os pequenos personaxes distribúense en dúas filas para colocárense aos dous lados do escenario. Os nenos de infantil están sempre guiados por un neno maior ca eles para darlles seguridade.

Neste momento da obra introducimos os efectos de sons (sons de espadas para as loitas, de maxia, de risas malvadas etc.) e a banda sonora do filme Frozen. Isto axudounos moito para que os nenos se guiasen entre si na súa actuación e para darlle maior realismo e musicalidade á obra.

 

TAREFA ARTÍSTICA:

Encargámonos da decoración da escena, da vestimenta dos personaxes e do audio complementario á obra coa finalidade de que a representación teatral se parecese o máximo posible ao filme.

  • Decoración do escenario: reunimos o material necesario para a realización dun mural (papel de estraza de cor azul, cartolinas, pinturas acrílicas…). O mural era a réplica dunha escena do filme: unha paisaxe de montañas nevadas cun castelo no alto. Decoramos os biombos con montañas brancas e folerpas de neve. Os nenos axudáronnos e achegaron ideas para a decoración.
  • Vestimenta de cada personaxe: en primeiro lugar, recollemos as imaxes dos personaxes do filme e intentamos imitar a vestimenta o máximo posible. Aproveitamos roupa que traían os pais da casa e roupa que tiñamos os profesores facendo algún amaño con teas, goma eva ou outros complementos para realzar as pezas. Algúns pais tamén mercaron ou fixeron o disfrace correspondente ao personaxe.
  • Banda sonora do filme e outros efectos de sons: para achegar unha maior emoción e sentimento ao diálogo.

TAREFA TÉCNICA:

  • Gravación da obra e montaxe do vídeo.Lingüística e comunicativa
  • Colocación dos altofalantes e do equipo de son.

TAREFA FINAL: todas as tarefas das que nos encargamos os docentes, os pais e os nenos tiñan como meta a representación teatral do filme Frozen para o festival do colexio o 5 de decembro.

 

 

 

Valoración

Cremos que este proxecto foi unha experiencia moi enriquecedora a distintos niveis e que potenciou unha maior participación e colaboración entre todos os axentes da comunidade educativa:

- En primeiro lugar, cabe salientar a gran motivación e implicación por parte dos nenos, estiveron sempre axudándose, compartían ideas e respectaban opinións, co que se fomentou o traballo en equipo.

- Debemos destacar o papel que tivo a relación entre o alumnado e o profesorado. En todo momento respectamos e tivemos en conta as súas contribucións, ideas, opinións e intereses; así fomentouse a creatividade e a súa autonomía persoal.

- A colaboración entre os distintos docentes é o que fixo posible que este proxecto se levase a cabo de forma satisfactoria no tempo estipulado.

- A participación dos pais no relativo á vestimenta fíxonos moito máis doado a posta en escena.

En canto ao nivel de satisfacción dos participantes, temos que destacar que, como docentes, observamos unha actitude positiva por parte do centro e da comunidade educativa para levar a cabo a iniciativa. Os nenos están sempre moi motivados e queren repetir todos os anos, de feito xa é a terceira representación teatral que facemos en inglés para a festa do colexio. Por outra banda, os pais valoran positivamente esta participación dos seus fillos apoiándonos sempre xa que observan cada vez unha maior fluidez na linguaxe oral.

Tamén nos atopamos con algunhas dificultades no desenvolvemento do proxecto:

- Un dos maiores problemas era enfrontarnos a un ensaio con nenos de diferentes etapas e niveis educativos que se viu resolto grazas á colaboración dos propios rapaces maiores, que constantemente facían de guías dos máis pequenos.

- Como sinalamos anteriormente, tamén tivemos que facer modificacións na repartición dos personaxes, posto que había nenos que non estaban a gusto co que se lles asignara. Isto fixo que tivésemos que modificar as opcións iniciais e axeitar de novo o vocabulario e as estruturas gramaticais á idade do alumno.

- Tamén tivemos algúns problemas técnicos de gravación e montaxe por fallo do equipo, o que motivou que tivésemos que facer unha segunda gravación.

 

Conclusións

Pensamos que o teatro constitúe unha das actividades artísticas máis plenas do ser humano, como arte que fomenta a comunicación e polo seu gran mérito como instrumento educativo. Neste contexto de ensinanza e aprendizaxe, o binomio teatro e educación deixa de preocuparse pola perfección artística do espectáculo para lle prestar atención á propia experiencia de aprendizaxe. Aprender a facer, a ser, a convivir, a traballar en equipo, a pensar no outro e a ser solidario con el son habilidades esenciais que os nenos foron adquirindo ao longo do proceso dun xeito lúdico e creativo. Os rapaces gozaron movéndose, imaxinando, comunicando, compartindo, adquirindo valores, traballando en equipo… e sobre todo, rindo, rindo, rindo…

 

Hai no mundo unha linguaxe que todos comprenden: é a linguaxe do entusiasmo,
das cousas feitas con amor e con vontade,
en busca daquilo que se desexa ou no que se cre.
Paulo Coelho

 

 

Sección: