Poesía Hexágono

Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas Editorial Apiario, A Coruña, 2015

Para moitas persoas a poesía resulta un misterio difícil de descifrar e, quizais por descoñecemento, non adoitan achegarse a ela. En bastantes centros de ensino a poesía é un xénero residual do que os rapaces teñen un coñecemento escaso e centrado, case exclusivamente, nos autores recollidos nos libros de texto. O alumnado descoñece as tendencias poéticas máis actuais, os creadores recentes e as canles expresivas que utilizan.

As causas desta situación podémolas atopar nunhas programacións didácticas excesivamente academicistas, na falta de ollada literaria sobre o noso presente próximo ou na desidia e a falta de interese do profesorado. Os escolares perden, deste xeito, as posibilidades de coñecemento, xogo e expresión que desprende todo o fenómeno poético.

Coa idea de superar estes atrancos e para que a poesía recupere o seu lugar de privilexio no sistema educativo, seis destacados autores galegos, como son Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Celso Fernández, Carlos Negro, Antía Otero e Dores Tembras, amosan a súa visión sobre o feito poético e a súas posibilidades de aplicación nas aulas de ensino. Estes autores reflexionan sobre cuestións como o concepto mesmo de poesía, a ambivalencia do termo poético e a súa importancia na sociedade actual. Estas reflexións dos autores non son en absoluto gratuítas, pois parten da súa experiencia impartindo e compartindo obradoiros de creación literaria co alumnado en diferentes centros educativos da nosa comunidade.

As olladas dos creadores sobre o feito poético insisten na necesidade de derrubar barreiras, rachar con estereotipos e deixarse atrapar pola experiencia estética que supón a lectura dun texto poético, tal como enuncia Yolanda Castaño: “Hai que deixar o raciocinio un pouco á beira e abrir ouvidos e emoción ata deixar que nos zarandee.” Termos como curiosidade, sorpresa, misterio, intuición, emoción... aparecen diseminados en todos estes ensaios para situar o lector nos lindes da creación poética e amosarlle que a poesía se atopa alá onde chegue a súa ollada curiosa xa que non hai lugares prohibidos para ela.

Ademais de todas estas reflexións necesarias, o libro recolle un abano de imaxinativas propostas didácticas arredor da poesía que poden resultar moi útiles para aquel profesorado que queira traballar co seu alumnado no eido da creación poética desde ángulos diversos, pero complementarios, dun xeito inmediato e enxeñoso.

A obra enriquécese cunha coidada edición e un lúcido limiar titulado “Derrubar os muros”. Agustín Fernández Paz expón cal é a situación do ensino da poesía e, por extensión, da literatura nos centros educativos e interrógase polos prexuízos que existen sobre a práctica poética. Desde a súa atalaia privilexiada, o autor constata que “a poesía é unha vía idónea para chegar á nosa cerna e á do mundo que nos rodea”.

O libro pode ter diferentes destinatarios, pero no ámbito educativo esixe dun docente cómplice que seleccione algunha actividade das presentadas, as experimente na aula e converta o alumnado no auténtico protagonista das súas producións literarias. Porque, como se di no libro, a poesía non morde e a lectura da poesía cultiva a sensibilidade e contribúe ao noso desenvolvemento como persoas.

 

Javier Pintor Elizalde

jjpinel@edu.xunta.es

CFR da Coruña

 

 

Palabras clave: 
Sección: