Tratamento do TDAH no ámbito educativo

Curso 2016/17
Data: 
Desde luns, 3 de outubro de 2016 ata venres, 28 de outubro de 2016
Lugar: 
A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación María José Jove e o Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (INGADA) colaborarán un ano máis na formación do profesorado para o tratamento do alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) co fin de dotar os docentes do coñecemento necesario sobre este trastorno e facilitarlles a súa abordaxe nas aulas, favorecendo así tamén o desenvolvemento e integración dos nenos e nenas con esta problemática.

Este terceiro curso formativo, que estará destinado a 200 docentes de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, impartirase durante o primeiro trimestre do actual curso académico e constará de 25 horas de formación (16 de formación teórica e 9 de práctica). Ademais, cada un dos asistentes deberá realizar un proxecto final, que será avaliado por un comité experto en TDAH e independente do equipo docente.

A maiores, a Fundación María José Jove outorgará unha beca de 3.000 euros ao centro que mellor proxecto presente, en función da súa aplicación práctica no propio recinto escolar.

As dúas fundacións encargaranse de organizar o curso de formación, mentres que a Consellería ofrecerá o soporte técnico necesario para levala a cabo a través da Rede de Formación Permanente do Profesorado (referencias dos cursos: C1601029, L1601023, O1601019, P1601039).

FPROFE

Máis información