cabeceira a nosa escola 62

Os colexios rurais agrupados, outro modelo de educación rural en Galicia

Galicia presenta, desde o punto de vista escolar, unha diversidade grande, consecuencia da propia variedade nos seus aspectos xeográficos, socioeconómicos e demográficos, que orixinan a diseminación da poboación e motivan que a realidade escolar sexa moi heteroxénea.
Tempo de lectura: 
15 minutos
Ángel Segovia Largo
Mestre e ex-director do CRA de Teo

 

Galicia presenta, desde o punto de vista escolar, unha diversidade grande, consecuencia da propia variedade nos seus aspectos xeográficos, socioeconómicos e demográficos, que orixinan a diseminación da poboación e motivan que a realidade escolar sexa moi heteroxénea.

A Lei xeral de educación de 1970 modificou substancialmente o panorama escolar de Galicia, xa que a meirande parte das escolas unitarias foi substituída por concentracións escolares situadas nas capitalidades dos concellos e o transporte do alumnado pasou a ser un fenómeno xeneralizado.

A partir de 1982 prodúcese un proceso en sentido contrario, de tal xeito que a Administración educativa de Galicia volve poñer en funcionamento moitas escolas unitarias que pecharan no proceso anterior. Nelas escolarizouse non só alumnado de 3 a 5 anos (nivel non obrigatorio, pero demandado pola sociedade), senón tamén alumnado de educación primaria, fundamentalmente do ciclo inicial. Non obstante, desde a década dos noventa, o número das escolas unitarias vese reducido lenta e progresivamente.

Neste artigo o termo “escola rural galega” fai referencia unicamente ás formas de escolarización específicas das zonas rurais de Galicia, é dicir, ás escolas unitarias e aos colexios rurais agrupados (CRA), excluíndo os denominados colexios comarcais completos ou incompletos do mesmo medio rural. Estas escolas unitarias teñen as seguintes características: o illamento do alumnado, profesorado e familias; unha ratio docente/alumnado baixa ou moi baixa; a forma de agrupamento non adoita ser por cursos senón por ciclos ou, mesmo, por etapas; e acceso difícil aos bens culturais.

Por outra banda, non todas as escolas rurais, maioritariamente unitarias dunha ou dúas unidades, e mesmo os CRA, están situadas en concellos rurais pequenos, pois hai escolas unitarias en Santiago de Compostela (3), Pontevedra (1), Vigo (1), Ames (4), Vilagarcía de Arousa (6) e Arteixo (3), así como as hai, agrupadas en CRA, en Tomiño (11), Rianxo (10), Teo (9), Gondomar (8), Tui (8), Narón (7), Carballo (7), Ponteareas (7) e Culleredo (5).

a nosa escola 62 imaxe 1

 

En Galicia hai máis de 18 concellos que non teñen ningún centro escolar, sobre todo na provincia de Ourense, e son xa máis de 70 os concellos que teñen menos de 15 nenos e nenas de 3 a 5 anos.

No curso 2001-2002 en Galicia estaban funcionando 423 escolas unitarias (sen contabilizar as 155 escolas agrupadas nos 19 CRA), mentres que no curso 2011-2012 permanecen abertas 165 escolas unitarias (sen contar as 213 escolas agrupadas nos 27 CRA), desigualmente distribuídas: 97 na Coruña, 51 en Pontevedra, 11 en Ourense e 6 en Lugo.

 

 

 

 

 

 

Na última década foi suprimido un 33,33% de escolas unitarias debido, fundamentalmente, ao despoboamento progresivo e imparable do campo, á diminución da natalidade e ao traslado das familias do medio rural ao urbano.

a nosa escola 62 imaxe 2

Fonte: Diario Oficial de Galicia. Elaboración propia

A supresión de escolas nas catro provincias galegas afecta de xeito moi diverso en cada unha delas. Así, as 140 escolas suprimidas na provincia da Coruña (54,69% do total de Galicia) representan o 59,07% das supresións no ámbito provincial, as 72 suprimidas en Pontevedra (28,13% de Galicia) representan o 58,54% no ámbito provincial, as 30 escolas pechadas en Lugo (11,72% de Galicia) representan o 83,33% no ámbito provincial, e as 14 de Ourense (5,47% de Galicia) representan o 56,00% no ámbito provincial. Así pois, o menor número de escolas suprimidas en Lugo afecta moito máis gravemente a situación da escolarización da súa poboación rural, namentres que o elevado número de escolas suprimidas na Coruña e Pontevedra ten menor repercusión nos seus territorios respectivos. De todos os xeitos, neste período dáse unha importante diminución de escolas rurais nas catro provincias, superior ao 60% en calquera caso.

Nun momento no que o pesimismo se instala nos homes e mulleres do rural, a escola aberta significa esperanza e posibilidade e necesidade de supervivencia, mentres que a escola pechada afonda o desánimo e o pesimismo. Neste contexto, pódese afirmar que, cando se pecha a escola rural, se está pechando case a propia aldea.

Non obstante, as escolas rurais son consideradas de novo como institucións educativas especificamente idóneas e elementos de revitalización socioeconómica e cultural das zonas rurais de Galicia. A situación da escola unitaria pode chegar a converterse nun elemento educativo case privilexiado se se considera a súa actual especialización como receptora de alumnos e alumnas de idades temperás, baseándose nos seguintes argumentos:

  • É posible realizar unha educación moi personalizada.
  • A relación coas familias é moi doada.
  • A relación con contornos naturais é inmediata.
  • Os agrupamentos dos nenos e nenas teñen un carácter máis semellante aos espontáneos.
  • O coñecemento que o profesorado pode chegar a ter do seu alumnado e do seu contorno pode ser moi alto.

Pero para que a escola unitaria sexa un elemento educativo idóneo, é necesario resolver as carencias conxunturais desta:

  • Arranxar o estado das edificacións.
  • Contar con profesorado especialista naquelas áreas que requiren o uso de técnicas máis singulares.
  • Facilitar e incentivar a coordinación e a formación continua do profesorado.
  • Elaborar materiais educativos axeitados ao alumnado de idades diversas que comparten a mesma aula.

Os colexios rurais agrupados, outro modelo de educación rural

En España, e aínda máis en Galicia, a atención educativa ás zonas rurais evolucionou nas tres últimas décadas no sentido de renunciar intermitentemente a formas de concentración ou comarcalización escolares en beneficio doutros modelos organizativos que ofrecesen o servizo educativo o máis próximo posible aos lugares de residencia dos seus beneficiarios. Naceu así, nos anos oitenta, o concepto de colexio rural agrupado (CRA), cuxa característica fundamental é a súa deslocalización institucional, é dicir, as súas aulas son as propias escolas unitarias espalladas polo territorio municipal. Concretamente en Galicia, a finais da década dos oitenta, nacen os colexios rurais agrupados como modelos educativos que serven para resolver mellor os problemas das escolas unitarias, como unha vía legal posible aberta pola Administración educativa e, sobre todo, como froito da vontade dun profesorado inquedo e preocupado pola mellora non só das súas condicións laborais senón tamén dos resultados do seu propio traballo.

No curso 1988-1989 comezou en Galicia o funcionamento, en plan experimental, dos primeiros colexios rurais agrupados, ao abeiro do Decreto 63/1988, do 17 de marzo, sobre constitución de colexios públicos rurais agrupados de educación xeral básica e preescolar (DOG do 18 de abril) e da Orde do 17 de abril de 1988 pola que se establece o procedemento para a constitución de colexios públicos rurais agrupados de educación xeral básica e preescolar (DOG do 13 de maio) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Na actualidade, a creación dos CRA está regulada nos artigos 2, 3, 4, 5 e 6 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro, polo que se aproba o regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria (DOG do 21) e na epígrafe  2 do capítulo III da Orde do 22 de xullo de 1997 pola que se regulan determinados aspectos de organización e funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 2 de setembro). Aínda que ambos os textos normativos son semellantes, existen algunhas diferenzas, pois no decreto de 1988 estes centros denominábanse colexios públicos rurais agrupados (CPRA), namentres que no decreto de 1996 desaparece o termo “público” pasando a denominarse colexios rurais agrupados (CRA), como sucede no resto de España.

Así pois, os CRA son agrupacións de escolas unitarias da zona rural dun ou varios concellos que constitúen un só colexio público. Trátase de centros escolares que agrupan baixo unha mesma organización –un único equipo directivo, un único claustro de profesores, un único consello escolar– un certo número de unidades situadas en diversas localidades que forman o ámbito do CRA. O funcionamento do novo centro acomódase ao establecido para o resto dos centros dos mesmos niveis educativos. Precisamente, o gran reto dun CRA consiste en harmonizar a necesaria autonomía das escolas unitarias que o integran coa, tamén necesaria, coordinación dun colexio completo comarcal ou urbano de educación infantil e/ou primaria. Para efectos de identificación, o enderezo sitúase nunha das localidades que actúa como sede ou cabeceira do CRA.

En Galicia, a iniciativa para a súa creación xorde do profesorado, que elabora unha memoria (características xeográficas, motivación e relacións de necesidades de profesorado, gastos de funcionamento e instalacións) e esta proposta debe ser ratificada polos pais e nais do alumnado e polas corporacións municipais correspondentes.

Unha achega específica e interesante dos CRA galegos consiste na realización, desde o curso 1989-1990 e en diversas localidades, dunhas xornadas, encontros anuais ou foros intercras de formación dos mestres e mestras dos CRA, organizados pola Asociación de Mestres dos Colexios Rurais Agrupados de Galicia (AMCRAGA), que actúa a xeito de coordinadora de propostas, reivindicacións e intercambio de experiencias.

Os obxectivos xerais dos CRA (elaborados polas propias mestras e mestres das escolas integrantes e asumidos no 1988 pola Administración educativa) son os seguintes:

  • Elevar a calidade do ensino nas comunidades rurais.
  • Conseguir unha participación activa de todos os membros da comunidade educativa, contribuíndo á revitalización socioeconómica e cultural das escolas unitarias, evitando o desarraigo dos nenos e nenas do seu contorno familiar e natural.
  • Enriquecer o labor docente, formando equipos permanentes de traballo e evitando o illamento persoal e profesional, de xeito que repercuta na formación do alumnado.
  • Elaborar e aplicar proxectos pedagóxico-didácticos conxuntos que permitan unha innovación pedagóxica que parta da realidade do alumnado, integrando as aprendizaxes nos contornos respectivos.
  • Non separar os nenos e nenas da súa familia e do seu contorno ata que acaden a madurez suficiente.
  • Lograr unha mellor comunicación do profesorado, buscando máis incentivación pedagóxica, na procura dunha meirande calidade do ensino.
  • Descubrir e vivenciar as nosas tradicións.
  • Fomentar o uso do galego como lingua de comunicación e aprendizaxe.

 

as características máis salientables consisten en que:

  • As unidades do CRA están espalladas polas poboacións dos concellos.
  • Existe unha sede como centro administrativo e de xestión e punto de encontro de todos os membros da comunidade educativa: profesorado, pais, nais, alumnado, persoal de administración e servizos e representantes dos concellos.
  • Ao profesorado titor das unidades, engádese profesorado especialista itinerante de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, Idioma Estranxeiro, Educación Musical, Educación Física, Orientación e Educación Relixiosa.
  • Garántese a coordinación pedagóxica de equipos de traballo en reunións semanais nunha tarde na sede do CRA.
  • Hai un equipo directivo (dirección, xefatura de estudos, secretaría) e diversos órganos colexiados (claustro, consello escolar, comisión económica, comisión de coordinación pedagóxica, equipos de ciclo, equipo de dinamización da lingua galega, equipo de actividades complementarias e extraescolares e outras comisións).


Facendo historia

A evolución desta modalidade de escolarización, específica das zonas rurais, revela unha certa aceptación do dito modelo organizativo, producíndose un rápido crecemento inicial, un posterior estancamento (especialmente crítico, con desagregacións e mesmo desaparicións, no segundo quinquenio), un novo pulo no decenio seguinte e outro período de estancamento nos últimos anos.

a nosa escola 62 imaxe 3

A posta en funcionamento dos CRA foi:

  • 1988: Teo, Narón, Santa Comba
  • 1989: Gondomar, A Fonsagrada (supresión en 1994), Valdoviño, Coristanco
  • 1990: As Pontes de García Rodríguez (supresión en 1995)
  • 1995: Rianxo
  • 1998: Malpica de Bergantiños (supresión en 2011), Ponteceso
  • 1999: Tomiño, Ponteareas, Salvaterra de Miño
  • 2000: Ribadavia-Beade, Tui, O Rosal, Valga
  • 2001: Cabana de Bergantiños, Salceda de Caselas
  • 2002: Carballo
  • 2003: Vilaboa
  • 2005: Culleredo, Dodro, Oroso, Meis, Ribadumia
  • 2006: Bergondo, Boqueixón-Vedra
  • 2008: Monterrei

 

A distribución xeográfica é claramente desigual:

a nosa escola 62 imaxe 4

Facendo números

A situación dos CRA no curso 2011-2012 é como segue:

a nosa escola 62 imaxe 5

Fonte: Elaboración propia

Dos 385 mestres e mestras que están adscritos ao sistema de CRA, 172 son especialistas itinerantes, o que supón un incremento importante (44,68%) do profesorado dos CRA; concretamente en Educación Infantil (52), Pedagoxía Terapéutica (12), Audición e Linguaxe (19), Idioma Estranxeiro (27), Educación Musical (27), Educación Física (27) e Orientación (8). Ao constituírse en CRA, a ratio pasa de 12,82 aula/alumnado a 7,09 docente/alumnado, aínda que a ratio efectiva segue sendo a primeira ao permanecer todo o alumnado na escola cando imparten docencia os e as especialistas itinerantes.

A meirande dotación de profesorado dos CRA inflúe directamente na calidade da educación ao contar coas mestras e mestres especialistas, ao dispor os titores e titoras de tempo para a programación e coordinación no horario lectivo e ao ter a posibilidade de cubrir inmediatamente as baixas laborais. Este profesorado especialista constitúe, sen dúbida, a mellor achega ás escolas unitarias agrupadas no CRA.

a nosa escola 62 imaxe 6

Fonte: Diario Oficial de Galicia. Elaboración propia

O alumnado que asiste ás aulas dos CRA é semellante ao das escolas unitarias, é dicir, maioritariamente son nenas e nenos do segundo ciclo de educación infantil (87,37%) e, en menor cantidade, do primeiro ciclo de educación primaria (12,63%).

A pesar da perda constante de escolas rurais en Galicia, é interesante comprobar a maior persistencia das escolas agrupadas en CRA ca as que permanecen illadas; de feito, na actualidade, son máis as escolas integradas en CRA (56%) ca as escolas unitarias illadas (44%).

a nosa escola 62 imaxe 7

Conclusións

Podemos afirmar que a constitución dos CRA axudou de xeito decisivo, nestes centros de ensino (escolas rurais), á resolución dalgúns dos problemas que enumerabamos máis arriba:

  • Acadouse a dotación de profesorado especialista de apoio.
  • Algúns CRA conseguiron unhas melloras importantes das instalacións das escolas.
  • Logrouse tamén, de xeito xeneralizado, a dotación de certos equipamentos imposibles de alcanzar na situación de escolas unitarias.
  • Recoñeceuse legalmente a peculiaridade dos CRA e das escolas unitarias.
  • Conseguiuse a integración formal dos pais e nais no proceso educativo.
  • E, quizais, o que é máis importante: logrouse que o profesorado das unitarias integradas en CRA tentase a procura de solucións pedagóxicas e didácticas comúns e colectivas.

 

Podemos afirmar que a decisión que as unitarias tomaron de constituírense en CRA resultou ser útil e proveitosa, sobre todo na dirección de fortalecer a propia escola rural, de procurar nela un ensino de calidade e de procurar, á fin, a súa persistencia. Apostamos, pois, pola xeneralización deste modelo de educación rural en Galicia, coa garantía das melloras previstas.

Anexo I. Evolución e distribución xeográfica dos colexios rurais agrupados en Galicia

a nosa escola 62 imaxe 7

Sección: