Bolsas FEUGA

Convocatoria de bolsas FEUGA, para os titulados de formación profesional

Ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e FEUGA, créase o programa de bolsas de formación profesional de FEUGA, destinado a persoas tituladas de formación profesional dos centros públicos galegos de formación profesional.

Este programa ha contribuír a facilitar a inserción profesional destas persoas, mellorando a súa cualificación e o seu desempeño profesional.  Para a execución deste programa cóntase coa directa colaboración dun elevado número de empresas, entidades e institucións privadas e públicas, así como coa colaboración do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

Estas bolsas de formación profesional de FEUGA son un instrumento axeitado para favorecer o acceso ao mercado laboral das persoas que acaben de titularse e para completaren a súa formación teórica previa, cunha estadía práctica nun centro de traballo.

De cara ás empresas, estas bolsas constitúen unha ferramenta idónea, xa que poden acceder a profesionais con preparación e sen experiencia profesional, que poden formar durante a estadía na empresa en todos os aspectos propios do seu labor profesional e nun período previo á súa posible contratación.

Para ampliar información sobre o programa de bolsas, pode dirixirse á FEUGA no teléfono 981 534 180, no fax 981 524 351 ou no correo electrónico sdoce@feuga.es

- Máis información

- Bases da convocatoria das bolsas