Implantación dun ciclo formativo de fabricación mecánica na Mariña Luguesa

Clausura do proxecto "Implantación dun ciclo formativo de fabricación mecánica na Mariña Luguesa"

O mércores 5 de xuño de 2013 no IES Illa de Sarón de Xove (Lugo), o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou na entrega de equipamento que Alcoa – San Ciprián realiza, en nome da Fundación Alcoa, ao IES Illa de Sarón, no marco do proxecto “Implantación dun ciclo formativo de fabricación mecánica na Mariña Luguesa”.

Por mor deste proxecto esta é a primeira vez que en Galicia se imparte o ciclo formativo do título de Técnico Superior en Programación da produción en moldeamento de metais e polímeros, o que supón un reto para o profesorado, para o centro IES Illa de Sarón e para a propia Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Ao acto que se celebrou no centro educativo de Xove, ademais do Conselleiro asistiron membros da dirección de Alcoa, membros da Consellería, a dirección, profesorado e alumnado do IES Illa de Sarón, así como o alcalde de Xove e membros da corporación municipal.

Este proxecto ten como obxectivo principal a formación e cualificación das persoas en temas de xestión e programación da produción de produtos metálicos e de polímeros, co fin de facilitar a inserción laboral das persoas.

Este título de FP inclúe 4 cualificacións profesionais completas e unha incompleta e estase a ofertar no réxime para as persoas adultas, oferta modular, de forma que permite á mocidade, aos propios empregados da planta de Alcoa e doutras empresas da comarca compaxinar o seu traballo coa obtención dunha formación que complete e complemente a súa cualificación.

O proxecto “Implantación dun ciclo formativo de fabricación mecánica na Mariña Luguesa” foi solicitado á Fundación Alcoa en Estados Unidos. A súa concesión supón unha inversión en equipamento e unha publicación en prensa escrita para dar a coñecer o proxecto e o ciclo formativo.

Tanto a planta de Alcoa de San Ciprián como a Fundación Alcoa colaboran estreitamente coa Consellería a través de diversos proxectos e convenios.

Na actualidade estase a levar a cabo, ademais desta colaboración co IES Illa de Sarón, a do IES Marqués de Sargadelos no desenvolvemento do ciclo formativo de grado superior de Química industrial.

Prema na seguinte imaxe para acceder ao resto do álbum fotográfico.

  • Implantación dun ciclo formativo de fabricación mecánica na Mariña Luguesa
  • Implantación dun ciclo formativo de fabricación mecánica na Mariña Luguesa
  • Implantación dun ciclo formativo de fabricación mecánica na Mariña Luguesa
  • Implantación dun ciclo formativo de fabricación mecánica na Mariña Luguesa
  • Implantación dun ciclo formativo de fabricación mecánica na Mariña Luguesa
Multimedia: