Concurso Euroescola

Convocatoria da XIX edición do concurso Euroescola, que está centrado no Ano Europeo da Cidadanía 2013.

Convocado por:

Oficina de Información do Parlamento Europeo en España, en colaboración coa Representación en España da Comisión Europea.

 

Dirixido a:

Alumnado de 15 a 18 anos que estuda ESO(3º-4º), Bacharelato ou FP de grao medio en centros educativos do territorio español.

Poden participar todos os centros escolares de Ensino Secundario Obrigatorio(ESO), Bacharelato ou Ciclos de Formación Profesional de Grao medio en territorio español.

É necesario inscribirse por equipos formados por 10 alumnos cun profesor responsable que será o líder.

 

Obxectivos:

Quérese dar a coñecer ás persoas novas a importancia de ser cidadáns europeos activos e participativos con dereitos e deberes. Nesta edición traballarase sobre os dereitos e beneficios que temos os cidadáns europeos e o que significa a cidadanía activa como posibilidade real de participar na construción europea, na que as persoas novas teñen un papel fundamental.

O concurso proponse:

 - fomentar o uso de internet e das novas tecnoloxías como ferramentas educativas,

 - achegar ás persoas novas á UE,

 - fomentar a aprendizaxe de linguas europeas. O xogo poderá desenvolverse en castelán, inglés e catalán.

Os equipos gañadores que asistan ao Programa Euroescola en Estrasburgo deberán comunicarse cos participantes doutras nacionalidades en inglés ou francés.

 

Inscrición:

Formalizarase directamente a través da páxina web www.euro-escola.com.

O prazo de inscrición: do 26 de febreiro ao 15 de abril. O concurso desenvolverase a través desa plataforma interactiva educativa en internet.

Pódese consultar con máis detalle en qué consiste o Programa Euroescola na web de Euroescola do Parlamento Europeo:

http://www.europarl.europa.eu/euroescola/view/en/index.html

 

Desenvolvemento:

A competición organizarase en dúas fases:

A) Fase de competición.
Do 18 de marzo ao 26 de abril.
Estará composta polas seguintes tarefas:

- un cómic introdutorio e material audiovisual sobre os dereitos e beneficios de ser europeos e o labor do Parlamento Europeo. Avaliarase cunha proba obxectiva (test).

- un traballo realizado por cada equipo de planificación, desenvolvemento, posta en marcha e labores de comunicación para celebrar o Día de Europa, o 9 de maio, que se integrará nun blog.

A actividade poderase realizar durante a semana da celebración do 9 de maio, non máis tarde do 12 de maio.

B) Fase final.

Do 29 de abril ao 13 de maio.

Estará composta polas seguintes tarefas:

 - crear un blog no cal se expoña a iniciativa desenvolvida por cada equipo,

 - contemplar un plan de promoción e difusión da iniciativa para que chegue ao máximo público posible dentro do ámbito escollido,

 - pórse en contacto cos centros de Europe Direct da zona para que sirvan de apoio e difusión da actividade.
Na web de Euroescola os equipos disporán dunha listaxe cos datos de contacto de todos os centros Europe Direct existentes en España.

 - executar a iniciativa proposta para celebrar o Día de Europa e demostrar que foi realizada.

A publicación do blog deberá realizarse entre o 29 de abril e o 8 de maio.

Os equipos comunicarán a través da web de Euroescola a dirección en Internet do seu blog.

 

Premios:

Participación dos gañadores no Programa Euroescola do Parlamento Europeo na súa sede en Estrasburgo e unha axuda económica para sufragar parte dos gastos de viaxe. Esta axuda establecerase segundo a distancia entre a cidade onde se localice o centro e a cidade de Estrasburgo.

Sortearase un iPad entre os profesores líderes dos equipos que completen a fase final de Euroescola. O sorteo farase ante Notario.

Programa de acción no ámbito da aprendizaxe permanente